Os medios I

Aínda que só se colgou unha pequena parte do proxecto Xornalistas con xornalistas para desenvolver na rede, preséntoo agora xa posto que está accesíbel desde Dis ti! (comezamos a traballar nel esta semana) e porque hai unha serie de cuestións técnicas que, se cadra, son de utilidade para alguén e alongarían en exceso un artigo que incluíse tamén os aspectos didácticos.
O primeiro problema que quixen resolver foi a desorientación que provoca en parte do alumnado a apertura de varias ventás para a consulta na rede, ralentizando o traballo e dispersándoo (aínda máis: só podemos manexar os computadores unha vez á semana, ou cada dúas). Seguramente iso forme parte da alfabetización dixital, mais prioricei aquí a escolla e tratamento da información, polo que cumpría modificar o contorno de traballo. Así:

  • emprégase un LIM como caderno guía, sen incluír nel actividade ningunha;
  • establecéronse dous iframes con cadanseu nome, un para abrir nel actividades e outro para recoller as ligazóns;
  • e, por último, insérense nese contorno dúas ferramentas básicas, un dicionario (RAG) e un corrector (OrtoGal).

En canto ás propias actividades, vanse abrindo, segundo indicacións do caderno guía, pequenos LIM, tarefas eXe (véxase o artigo anterior Exe e Scratch en lingua), presentacións en flash e un procesador de textos (tinymce) para poder cubrir in situ cadros ou fichas e preparar borradores á hora de compoñer distintos xéneros xornalísticos.
Un par de cuestións máis técnicas. O caderno guía emprega aquelas páxinas que ofrecen a posibilidade de incluír html, de xeito que se especifica no target o nome do iframe no que queremos abrir o documento ou a páxina que corresponda:

Iso obriga a inserir os LIM de actividades ou os elementos flash en páxinas independentes. Para a construción do iframe, pódese consultar no navegador o propio código fonte do sitio. En canto ao procesador, é preciso descargalo e crear os html específicos que necesitemos; contén bastantes carpetas, imprescindíbeis para o seu funcionamento, de xeito que logo teremos que subilas comprimidas.
As esquinas redondeadas do caderno tomáronse de aquí.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Pequena presentación dos medios e xéneros xornalísticos en flash

Aínda que están destinadas a ser só unha parte dun proceso secuencial con múltiples actividades sobre a prensa co que comezaremos en breve nas aulas, pareceume axeitado facerlles un sitio aquí por separado a estas dúas presentacións con certa interactividade: O papel social dos medios e Os xéneros xornalísticos. Foron realizadas con AnFX.

ENGADIDO. Pódese ver aquí o noso quiosco (accédese á páxina de cada un dos medios).

Chuzame! chúzame -

Comentarios (2)