Producións colectivas

No IES da Pobra, onde a maioría dos docentes compartimos a percepción de que cada vez é máis difícil motivar o alumnado, facer que traballe -cousa que pasa, en diferentes graos, en todos os centros-, vimos de publicar as producións de tres pequenos (novos) proxectos que parecen indicar todo o contrario. Son as presentacións de elementos químicos (en 1º BAC), os videopoemas de lingua castelá (4º da ESO) e o wiki sobre cidades para visitar (3º de PDC).

Os -en xeral- bos resultados, produto dunha notábel implicación do alumnado, é moi posíbel que dependan destas -entre outras- características compartidas:

  • responden a propostas de construción de contidos claras e con sentido: fai próximos trazos e usos, adapta á linguaxe audiovisual, recomenda e guía
  • confórmanse grupos que traballan de maneira colaborativa e que contribúen a crear unha canle de interese social
  • o proceso de traballo cos textos encarréirase para conseguir reelaborar a información ou facer recreacións orixinais
  • o alumnado manexa ferramentas tecnolóxicas (presentacións animadas, vídeo, imaxe comentada…) para dar a coñecer cousas ás que lles dá valor comunicativo

E por que non propoñerlle ao alumnado en lingua galega a elaboración dun abano de recursos da publicidade, dunha serie de curtas a partir de textos poéticos do seu gusto ou dun wiki de recomendacións musicais, por exemplo? Custa centrar as producións, custa guiar ben e revisar continuamente o proceso, custa cultivar o diálogo preciso…, mais sempre paga a pena. E máis cando temos referentes como o espléndido blogue do IES Castro da Uz adicado a Novoneyra ou videopoemas coma este do IES de Ames: