Lingua con lingua

O profesorado do ámbito educativo no que me movo, no centro e na rede, teno claro: o traballo coas TIC, para o desenvolvemento de múltiples competencias, especialmente a dixital, ten que ser unha das prioridades do ensino; porén, os e as docentes enfróntanse co ensino-ficción: as dotacións chegan a ser ridículas e os apoios e incentivos para a formación insuficientes. Medidas, a dotación e a formación, recollidas de xeito explícito no acordo de goberno (pdf), por certo, e semella que só con certa implementación no ensino infantil. Alén disto, nos contextos nos que se pode empregar didacticamente os computadores, non soe haber suficiente cobertura institucional, nin recoñecemento axeitado e difusión decente dos resultados.

E continúo co discurso reiterado: todo o anterior impide que teñamos un amplo abano de recursos e experiencias produto da nosa realidade. De aí (e non de motivacións personalistas) vén o empeño dun número cada vez maior de docentes con presenza na rede en facer achegas e en darlle a maior difusión posíbel a aqueles resultados, nalgúns casos de enorme valor e silenciados incomprensibelmente polas instancias educativas. Instancias, poñamos por caso a Inspección, interesadas máis ben só polo control de cuestións burocrático-formais. Algunha excepción hai, mais teñen que ser os responsábeis educativos quen aposten por cousas deste tipo.
Por iso, é un pracer contribuír ao espallamento de materiais coma os que Rosa Salgueiro pon a disposición de todas e todos en Na punta da lingua. Especialmente Hortografía. O cultivo das palabras: un negocio con futuro, onde se lle tira partido de xeito extraordinario ao Hotpotatoes e ao Ardora para posibilitar a reflexión sobre a lingua (sen obviar as propiedades textuais) e que remata moi acertadamente cunha webquest, posto que a mellora real da expresión escrita require abordar procesos de planificación, composición e revisión.
Por iso, tamén, comprace descubrir novos espazos de intercambio como a Wikiescola e albiscar unha nova realidade na que pasemos a colaborar de maneira máis estreita en plataformas comúns, desde as que lle tamén facer demandas á Administración.

boomp3.com
Voz creada con Cotovía.ENGADIDO: Na punta da lingua blogue. Rendemento dobre. Obrigados, Rosa.