Aloxada en InstantWebquest, está enfocada para o traballo de diversos tipos de texto, para a reflexión sobre as propiedades textuais da adecuación e cohesión e mais para a análise da obra de Uxío Novoneyra e do seu contexto. En 4º da ESO.
Se non se dispón de recursos, como soe ser habitual, pode ser adaptada para o traballo na biblioteca (a respecto dalgunhas cuestións atoparase aí, con seguridade, máis e mellor material que na rede) e na aula.
As suxestións son benvidas, por suposto.
ACTUALIZACIÓN: O sitio trasladouse e o material ficou polo camiño. E como non son poucas as deficiencias que hoxe aprecio, desboto polo de agora reinstalala. Reproduzo aquí, iso si, o seu texto.
WEBQUEST Por terras de Uxío Novoneyra
LINGUA GALEGA E LITERATURA 4º ESO
Prepararemos unha viaxe ao Courel para participar nun simposio-exposición sobre Uxío Novoneyra.
INTRODUCIÓN
Sodes os encargados e encargadas de representar o Centro no I Simposio-exposición escolar Uxío Novoneyra, que se vai celebrar no Courel. Para asistirdes con garantías, cumprirá:
- que organicedes a viaxe cos recursos dispoñíbeis e poidades facer de guías de quen vos acompañe á comarca do Courel;
- que deseñedes e lancedes unha campaña audiovisual de publicidade de Uxío Novoneyra e a súa obra previa aos actos;
- que fagades unha reportaxe sobre un feito significativo da vida deste autor e da historia social do idioma para presentar no simposio;
- que preparedes unha exposición sobre a obra de Novoneyra con textos explicativos que se aproveitarán para unha pequena intervención sobre as lecturas (interpretativas) que desa obra fai o alumnado.
- que sexades quen de participar nun recital de homenaxe ao autor, presentando minimamente os poemas (seus e vosos) antes da lectura expresiva.
Mais, calma para botar a andar, aínda quedan varias semanas e hai mapas para todo o mundo.
Boa viaxe e estadía.
TAREFAS
Son varias as tarefas que cómpre facer para chegar a ser organizadores/as e guías, publicistas, reporteiras/os, críticos literarios ou recitadoras/es.
Basicamente, hai que decidir cal dos roles anteriores se escolle para achegarse ao Courel de Novoneyra e poder facer un labor creativo integrando textos diversos, tamén poéticos. Posteriormente, faredes de lingüistas investigadores-correctores e presentaredes dinamicamente os resultados.
Se especificamos máis, en primeiro lugar, consultaredes diversas fontes de información para seleccionala e tratala e, a partir de aí, planificar a escrita. Haberá que documentarse en relación coa lectura crítica da obra de Uxío Novoneyra, coa linguaxe e os efectos da publicidade, co espazo xeográfico courelán, con certos recursos literarios ou coas características da reportaxe; tamén poderedes escolmar textos poéticos do autor e ampliar os coñecementos gramaticais referidos á adecuación e á cohesión textual a través da formulación e comprobación de hipóteses.
En segundo lugar, elaboraredes textos escritos orientadamente para valorar a pertinencia da información e posicionarvos razoadamente, para xustificar escollas, para reelaborar creativamente os datos e para facer un informe de resultados. E, por suposto, revisaredes (colectivamente) os borradores do labor creativo.
Por último, interviredes oralmente, cando menos na (re)presentación-ensaio dos vosos resultados.
Non vos perdades polo camiño! Está sinalizado na seguinte páxina.
PROCESO
Para preparardes unha boa equipaxe, botade man destas ferramentas lingüísticas sempre que for preciso:
dicionario de Estraviz§
dicionario RAG§
corrector ortográfico§
FASE INICIAL DE SITUACIÓN (INDIVIDUAL)
De xeito individual, recollede os datos básicos necesarios para cada un dos labores encomendados (presentados na Introdución) e valorade a utilidade desa información. Para iso, cubride a ficha de valoración achegada no apartado de recursos (ao final da páxina) tras consultar:
esta presentación de Novoneyra e a súa obra§ (para exercer de críticos)
unha aproximación aos recursos da poesía do noso autor§ (para crear e recitar axeitadamente)
este artigo, cando menos, de serradocourel.com§ (para facer de guías)
as características da publicidade§ (para ser publicistas)
os trazos esenciais da reportaxe§ (para ser reporteiros/as)
Cubristes xa a ficha? Pois decidide, de xeito razoado, cal dos anteriores labores será máis interesante para realizar.
FASE DE SELECCIÓN E REELABORACIÓN (GRUPAL)
Coidando que estean representados todos os roles, formade pequenos grupos con cadanseu labor (recitadores e recitadoras, etc.).
O primeiro que hai que facer colaborativamente é unha escolla de textos poéticos (dous, tres ou catro, segundo a extensión e dificultade) axeitados á finalidade de cada grupo. Os críticos farán a escolma para realizar logo unha lectura interpretativa e recoller na exposición; os/as recitadores/as-poetas para preparar unha lectura expresiva e tomar como modelo creativo; os/as organizadores/as para empregar nos labores de guía; os/as publicistas para inserir na campaña; e os/as reporteiros/as para situarse na época e na ideoloxía do autor.
Lede, pois, detidamente os textos dispoñíbeis nestas dúas páxinas:
Biblioteca Virtual Galega§
Asociación de Escritores en Lingua Galega§
Cando teñades problemas de compresión, acudide aos dicionarios e ao/á profesor/a. Unha vez feita a escolla, necesariamente por consenso dentro de cada grupo, xustificádea redactando un pequeno parágrafo no que intentaredes mostrar que comprendestes os poemas seleccionados e tedes claro para que os ides empregar.
E agora chega o momento de ir confeccionando un borrador cos contidos que a seguir se especifican e tras consultar as novas fontes que os acompañan. Atendede ao labor que vos corresponde.
1. Críticos: elaborade os comentarios (sobre a temática e as formas estilísticas máis rechamantes) que acompañarán as poesías escollidas e, a partir deles, unha breve comunicación para o simposio sobre a escrita de Novoneyra. Tamén teredes que explicar como montaredes a exposición: con que ilustracións, con que disposición, en que soporte, etc. Consultade, ademais do ficheiro de recursos literarios ao final da páxina, estes documentos:
posibilidades de presentación de textos con comentarios e imaxes§
ilustración referencial§
comentarios telegráficos§
liñas de comentario (solucionado) dun poema de Uxío§
2. Recitadores/as-poetas: explicade cales son os recursos expresivos de Novoneyra cando recita e con que recursos estilísticos ligan; logo preparade a vosa lectura expresiva sinalando as sílabas, palabras ou fragmentos que precisan máis énfase en cada texto dos escollidos por vós; ao resto, creade un poema colectivo empregando o léxico que máis se repite neses textos e calcando estruturas morfosintácticas repetidas (adaptade a proposta da páxina 9 deste obradoiro§). Consultade estes documentos, aínda que tamén vos pode facer xeito o ficheiro de recursos literarios do final da páxina:
recital de Uxío Novoneyra§
poema musicado§
recital de homenaxe§
liñas de comentario (solucionado) dun poema de Uxío§
3. Organizadores/as-guías: exporedes a vosa proposta de organización tendo en conta que deberedes ir en autobús e permanecer alí dous días; así mesmo, elaborade notas explicativas da paisaxe do Courel incluíndo toponimia e fragmentos poéticos novoneyráns para poderdes logo situar o resto das persoas que viaxen ao/polo Courel. Consultade:
o CPI de Seoane§
turgalicia§
o número 12 (páx. 12 e 13)§ e o 17 (páx. 14 e 15)§ da revista Candea
este artigo§ e tamén estoutro§ de ecotono.net
4. Publicistas: teredes que explicar o método a empregar para facer ben presente na sociedade a obra de Novoneyra, procurando a identificación dos receptores; deseñar logo unha campaña que inclúa imaxe e audio, con lema e algunha intertextualidade ou cita dos poemas que tedes; e proxectar a súa difusión, duración e avaliación. Consultade:
orixinalidade de "Pan con poesía"§
campaña galegoelogo§
presenza na rede§
o Courel dende a literatura§
creación publicitaria (>campaña)§
5. Reporteiros/as: tócavos facer un achegamento xornalístico, en forma de reportaxe histórica e partindo das declaracións dalgúns compañeiros entrevistados, á participación de Uxío Novoneyra no labor de recuperación cultural galega dos anos 50, especialmente a través de Brais Pinto (explicade o que é). Consultade:
entrevista a Manuel María§
entrevista a Xosé Fernández Ferreiro§
discurso de Darío Xohán Cabana§ con referencias que cómpre buscar
visión xeral do contexto histórico-literario§
Nos vosos borradores, é evidente, debe apreciarse que se usan as fontes con criterio (selección, reelaboración...)
FASE DE REVISIÓN E REFLEXIÓN LINGÜÍSTICA (GRUPAL)
A partir dos borradores, elaboraredes unha hipótese sobre a percepción e pertinencia xeral ou sobre o dominio que terán os outros grupos da adecuación textual e da conexión -uso dos conectores na cohesión-; é dicir, sobre o nivel de calidade dos borradores en relación con esas propiedades textuais e o xeito en que o lector percibe tal nivel. Para iso, confeccionaredes unha grella avaliadora que incluirá a hipótese ao comezo, os ítems a revisar e un espazo final para cuantificar os resultados e valorar o grao de acerto da vosa hipótese. Haberá que intercambiar os borradores (pódese facer tamén a través da rede: correo, blog...) e analizalos para cubrir a grella. Intentade propoñerlles aos compañeiros e compañeiras expresións e conectores alternativos. Informádevos antes sobre a adecuación e cohesión aquí§ e consultade este modelo de grella§ (con outros contidos).
Intercambiade opinións sobre os resultados (pequeno debate na aula ou apertura dun foro) e revisade os vosos borradores, procurando mellorar a expresión a partir das consideracións razoábeis dos demais. Ao resto, recollede todo o proceso de revisión e reflexión lingüística nun breve informe. Pódenvos ser moi útiles estas recomendacións§.
FASE DE ENSAIO (GRUPAL/INDIVIDUAL)
Co voso texto principal xa bastante puído, comentade cal podería ser a guía para a súa posta en práctica: disposición, materiais precisos, etc.
E é que agora vai ser o momento de ensaiar as vosas intervencións inminentes. Farédelo simultaneamente, con todos os grupos en acción no lugar máis axeitado. Sempre haberá, como mínimo, un integrante de cada grupo (re)presentado oralmente o voso labor, e os e as demais acoden aos outros actos libremente.
Paga a pena a viaxe? Pois á volta haberá que facer a autoavaliación.
AVALIACIÓN
Realizade unha autoavaliación honesta e a avaliación da propia actividade empregando o documento que se xunta.
AUTOAVALIACIÓN
Do labor individual ao grupal
Resultados
Entradas Óptimo Vai ben Pódese facer mellor Hai que espertar !
Sei tirar información relevante das fontes e valorar a súa utilidade
Integro a información e as citas textuais nas composicións propias ou colectivas
Entendo e emprego creativamente os textos literarios
Presento oralmente con claridade e boa adecuación, entoación e corrección
Elaboro, en colaboración cos demais, borradores de exposicións, informes, etc., mellorando a adecuación e cohesión reflexivamente e co uso das ferramentas dispoñíbeis
Formulo hipóteses sobre propiedades textuais e sei comprobar o seu acerto/desacerto
Contribución ao grupo
[] Achego sempre ideas para mellorar
[] Participo e achego algunha idea útil
[] Só contribúo cando se me solicita
[] Participo o menos posíbelImplicación
[] Céntrome sempre no traballo e intento que todos/as o fagan (sen tensión)
[] Case sempre estou concentrado no que é máis preciso para o grupo
[] Soio descentrarme e ás veces teñen que me chamar a atención os demais
[] Deixo que os demais fagan todo o traballo
Resolución de problemas
[] Interésome por buscar a mellor solución aos atrancos e desafíos
[] Afino as solucións suxeridas por outras/os
[] Non soio suxerir, pero trato de achegar algo nas discusións
[] Non me dan problemas os problemas se os demais os solucionan
Houbo respecto mutuo e adoptamos decisións por consenso real
Repartimos ben o traballo e participamos todos e todas nas diversas actividades
AVALIACIÓN DA ACTIVIDADE
Moi ben Ben Regularciño Deficiente
A tarefa relaciónase totalmente coa materia (contidos do curso, etc.)
Atarefa implica procesos activos de relación, creación, combinación de fontes, etc.
Preséntase o proceso de maneira clara e sen falta de información para saber o que hai que facer
As actividades están ben relacionadas entre si e coas tarefas
As actividades axústanse en complexidade e extensión ás vosas características e competencias
Os recursos foron suficientes e significativos
Esta webquest é motivadora e permite aprender habilidades
CONCLUSIÓN
Valorade a relevancia da figura de Novoneyra aproveitando o seguinte texto.
Novoneyra, de onde eu son§, Luis Celeiro
chúzame -