Antoloxía poética enriquecida

Desenvolvemos este trimestre en 1º de bacharelato unha pequena secuencia de actividades na rede sobre a literatura dos Séculos Escuros e do Rexurdimento, intentando atender os textos e o seu contexto. Tratábase de que o alumnado realizase, partindo dunha escolma (súa e argumentada), unha proposta de traballo coas TIC dun poema, achegando apoios para a súa comprensión. Proposta que logo poderían facer efectiva outr@s compañeir@s.

Os resultados en xeral non son malos, porque boa parte do alumnado aproveitou as orientacións e oportunidades para revisar o feito, para evitar simples copias e translacións, para mergullar algo no contexto sen ficar no obvio. Unha escolma das producións presentámola na nosa revista dixital. Aquí estamos a xuntar agora o fundamental do traballo, cos textos e os seus complementos.

Mais, e a pesar de que custou ao comezo, o mellor da experiencia é o labor dentro da rede comunitaria, tanto polo apoio e a retroalimentación constante como pola práctica da lingua no ámbito do intercambio dixital. Iso si, require unha dedicación por parte do/a profe non pequena precisamente e nesas horas nas que seica non traballamos, claro. Neste caso, empregamos os comentarios nos diferentes muros, as mensaxes persoais internas e o chat público e mais o privado para que fluíse a información, e había que atender todo; alén diso, ofrecíaselles aos mozos e mozas a avaliación, seguindo os criterios acordados, nunha páxina específica que se actualizaba continuamente.

Por certo, grou.ps deixa bastante que desexar no que se refire aos avisos de intervencións, pois non hai forma de que advirta dos comentarios no muro persoal ou das reedicións. Tamén por iso, precisamos unha alternativa propia.