Porque é evidente que o dereito lingüístico central, poder vivir facendo un uso pleno da lingua propia (minorizada), é ben difícil de exercer -só temos que revisar os múltiplos casos de represión lingüística no mundo laboral galego- e hai un amplo abano de submisións lingüísticas que traspasan fronteiras simplificadoras -só hai que ler as declaracións ao respecto de Sarille no número 0 de Longa Lingua. E o alumnado dos nosos centros é, en grande parte, herdeiro e/ou practicante da deserción lingüística, tamén nos seus diferentes graos.
Para o galego, temos estudos sobre actitudes e hábitos que parten da análise dos discursos dos propios falantes, como os de Ana Iglesias Álvarez, autora de Falar galego: "No veo por qué". E hai psicólogos que se achegan ao estudo da sociolingüística, como Xaquín Loredo Gutiérrez, membro do Equipo de investigación do Seminario de Sociolingüística, que elaborou un Deseño de medidas para mellorar as actitudes cara ao galego e incrementar o seu uso. Alén disto, a compoñente psicolóxica latexa na maioría das propostas e actuacións de dinamización lingüística de colectivos como Tagen Ata (especialmente nos seus obradoiros de lingua e sociedade) e de profesores/as como Sechu Sende, autor de iniciativas máis que necesarias.
Porén, unha cuestión fundamental como son as estratexias para acadar unha progresiva fidelidade lingüística aínda ten que traballarse moito máis. E sobre todo no ensino, onde fai falta moita reflexión-acción a apartir das súas consecuencias didácticas: a construción de usos variados e reais da lingua a través de simulacións e interaccións diversas; o achegamento a modelos atraentes de uso consciente da lingua no deporte, na creación audiovisual... (os modelos determinadores/orientadores da conduta son centrais en calquera "intervención"); a aproximación ás expresións e aos referentes culturais -nun sentido amplo- en lingua portuguesa; etc., etc.
