Unha suxestión

Recollo a segunda secuencia deste trimestre en 4º, nun principio titulada TV sen fronteiras, pero que tras a súa adaptación debería titularse en todo caso Música sen fronteiras. E é que custou moito centrar unha produción que non resultase excesivamente forzada diante das actitudes lingüísticas da maioría do alumnado. O obxectivo foi realizar unha reclamación / suxestión suficientemente argumentada sobre a presenza das linguas na programación musical das canles de radio e televisión.

  • A reflexión inicial partiu desta reportaxe da RTP, que nos permitiu avaliar o valor da demanda no ámbito dos medios e intercambiar ideas sobre as barreiras impostas entre a nosa realidade e o mundo luso, as posibilidades da aprendizaxe do portugués ou a repercusión para a lingua da apertura ao espazo da lusofonía.
  • Nas destrezas textuais e discursivas, recollemos as características dos xéneros da demanda e debullamos a estrutura do discurso, como elemento de coherencia, para chegar a crear un texto de opinión con orde indutiva, primeiro colectivamente (co folio xiratorio), logo con revisión en gran grupo e con mellora individual.
  • Abordamos a situación das linguas peninsulares (non só do Estado) con actividades sobre cancións, aproveitando os estupendos materiais de Román (un e dous), e realizamos estas interactivas.
  • Por último, seguimos o proceso da escrita da suxestión / reclamación.

Un exemplo de produción do alumnado:

Dirección de Antena 3
Cando vexo algúns programas ou concursos musicais na súa cadea, sempre estou agardando a ver se cantan algunha canción nunha lingua que non sexa o castelán ou o inglés. Eu ben sei que a maioría das linguas do Estado, aínda que sexan oficiais, non se coñecen moi ben nos lugares nos que non se falan; pero aínda así, teño que admitir que estou moi sorprendida de non escoitar nunca unha canción en galego, catalán, euskera...
É lóxico isto? É ben certo que a maioría das persoas non entenderían toda a letra das cancións, pero non é menos certo que cada dous por tres soan cancións en inglés. Enténdese mellor o inglés que as propias linguas do Estado ou é que pensamos que as linguas con menos número de falantes son inferiores ás outras?
Ao non facernos chegar música nas distintas linguas do Estado, pérdese a diversidade cultural e lingüística e desaténdese o artigo 5 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Por outra parte, hai moitos artistas que cantan nas súas linguas e non se dan a coñecer no resto de España cando cantan mellor ou igual que outros coñecidos.
Resumindo, entre todos temos que conseguir que leven a artistas das distintas linguas propias do Estado aos programas de televisión e que dean a posibilidade de poder escoller algunha canción nunha lingua oficial distinta do castelán para cantar nos concursos. Desta maneira, axudaremos a que se coñezan e valoren máis linguas, máis artistas.
R.C.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Minisecuencias

Recoñezo que no 2º ciclo da ESO a abordaxe nas miñas aula dos contidos históricos é sempre unha batalla entre os piratas da recreación e os bancos de datos. Recoñezo que solapo os planos de descubertas, de "desenvolvemento de tarefas colectivas sobre as lecturas e o seu contexto entendendo o influxo determinante das circunstancias históricas e da situación sociolingüística na evolución do sistema literario galego", con transmisión sen movemento. Recoñezo que termo inutilmente do fastío do alumnado durante demasiadas aulas ao reducir o enfoque realmente comunicativo ao proxecto do trimestre e os obradoiros de creación literaria. Recoñezo que non reacciono (nin vexo reacción) ante a ditabranda do libro de texto, a pesar de empregalo de mil maneiras e sen ataduras.

E todo o anterior nada ten a ver con poñer en cuestión o decisivo valor da perspectiva e o coñecemento históricos no noso contexto. Mais si con tratar de evitar de vez:

  • o parcelismo, historicismo, mecanicismo e demais ismos funestos;
  • o modelo transmisivo con presentación (máis ou menos atractiva) dos contidos;
  • a práctica reprodutiva, incluídos os traballos expositivos académicos, como centro do traballo;
  • as propostas de reelaboración sen os apoios suficientes.

Nesta contradición, deseñamos e comezamos a desenvolver pequenas secuencias, para o día a día (duran unhas 4-5 sesións), baseadas fundamentalmente en tarefas experimentadas na aula que conectan e articulan minimamente os bloques de contidos. Algunhas das producións: artigo de blogue con galería de imaxes con pé, reclamación da recepción das televisións portuguesas en aberto, voz en off para vídeo sobre obras literarias, mapa lingüístico da aula, etc.

Os pasos que seguimos, sempre de xeito flexíbel, son os seguintes:

      1. Despois de centrar os obxectivos, a produción final e mais os criterios de avaliación, partimos dun vídeo para provocar, en gran grupo, a reflexión sobre determinados aspectos clave. Na primeira destas secuencias, que remata coa escrita dunha anotación de blogue sobre un autor literario, este booktrailer (fronte a estoutro).
      2. Traballamos, tamén en gran grupo, o xénero textual que se vai producir, con indución e recolleita das súas características. No mesmo exemplo: Blogue e post.
      3. Abordamos os contidos de Lingua e sociedade e/ou Educación literaria necesarios para a construción do texto por medio de grupos cooperativos (con grupos de expertos para preguntas de relación, folio xiratorio e lapis ao centro para mapa conceptual, etc.). Empregamos o libro de texto como unha das fontes de información principais.
      4. Resolvemos individualmente unha serie de actividades, entre elas as máis acaídas do libro de texto.
      5. En parellas, seguimos o proceso de produción do texto coa referencia de, cando menos, un modelo e cunha guía de elaboración e revisión. Os apoios primeiros e as anotacións con fotobiobibliografía.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Algunhas claves dos traballos de produción textual

Cláudio Bazzoni, ao valorar os proxectos de Lingua Portuguesa presentados ao Premio Victor Civita, subliña certeiramente algunhas cuestións á hora de deseñar proxectos ou secuencias de comunicación. Non son aínda máis decisivas no noso contexto?

Chuzame! A Facebook A Twitter