Sen interrupcións

A redescuberta de SoundCloud, que xa recomendamos aquí, convénceme das súas posibilidades para o ensino. Sobre todo porque é un contorno nada invasivo no que se partilla son elaborado e que fai sinxelísimo algo fundamental no proceso de compartir e aprender:

  • publicar audio como anotación independente
  • comentalo con claridade e precisión

Os comentarios poden situarse nun momento determinado do discurso oral e reprodúcense automaticamente na súa altura. Tanto para as suxestións do/a profe ás producións orais -máis alá do intercambio na aula e dos recursos ofrecidos- como para a análise e discusión de diferentes pezas por parte do alumnado, o rendemento parece evidente. A pesar de que só na conta Premium podemos renovar o audio, se é que o temos que modificar.

No noso contorno, o mundo do ensino parece non ter moita presenza nesta plataforma (con excepcións), mais si a teñen outros ámbitos, sobre todo o musical. Un pequeno mergullo en SoundClod abonda para dar con, por exemplo, a Central Folque, o hip-hop de Fluzo ou o de Malandrómeda, as versións en guitarra de Trastesduo, os Trasnos de Moscoso, grupos de intercambio como o de DJ’S GALEG@S, as audioguías de Arousa Norte… Ou tamén:

…esta fusión electrónica do discurso:
CAN I PLAY WITH YA?, de Blankito e a Banda Plugin

…as palabras cerne de Cunqueiro:
Mil primaveras máis – Alvaro Cunqueiro, de inbeatadostodos

…as reivindicacións de CLV:
CVL – Defendamos o galego [Prod. Surce], de Northwest Point

…a Negra sombra feita reggae por Taru e os Paxaros Coiro:
Taru “Negra Sombra”, de Reggaliza

Por certo, algo así, que facilite a revisión textual na rede, cumpría para a escrita. Nin os envíos, nin as marcas sobre flash, nin os comentarios ao pé parecen axudar. E un non dá pasado do comenta citando [quote] automático. Alternativa?