Traballo en comunidade

Do traballo colectivo da AS-PG e para o labor colectivo, vén de abrirse a rede socioeducativa Belvís, unha iniciativa máis que necesaria para impulsar o intercambio e os proxectos didácticos no ensino galego. Xa contabamos no ensino universitario con aplicacións deste tipo, como a rede da UVigo, mais non no obrigatorio.

Aínda que mellorábel, como todo, ofrece a calquera membro da comunidade escolar un espazo de interacción de noso e, para min o máis interesante, a posibilidade de abrir grupos, privados ou públicos, con ferramentas de produción e colaboración como o blogue, foro, marcadores, wiki e arquivos de moi distinto tipo. Velaquí o noso grupo docente.

Nesta mesma altura rematamos nós (ou encetamos) un proxecto ben distinto, mais tamén de creación de comunidades, a Rede lingua. Supón un paso máis na procura dun instrumento manexábel que lle permita ao alumnado crear o seu contorno de traballo na rede e desenvolver colectivamente proxectos de investigación e comunicación. En Rede Lingua pretendemos mergullarnos en varias secuencias didácticas con alumnado de 1º ESO.

Neste caso, aloxamos o software comunitario Oxwall, traducido practicamente ao 100% ao galego (unhas 2.800 cadeas), para ter o control pleno do sitio e superar as limitacións de Wall.fm. Deste xeito, evitamos a publicidade que incorpora ao pasar de 5 membros e a eliminación da comunidade cando fica inactiva, ademais de poder abrir múltiples redes (acéptanse propostas, por certo).

Esta é a tradución do software Oxwall para a descarga (admítea tamén Wall se despois eliminamos o inglés).