Ofrécese espazo amoblado

Compártese proxecto en construción para este mes. Moi amplo e xa practicamente amoblado. É un 4º sen ascensor e con dereito a obradoiro (ben pintado). Máis económico, imposíbel: só se precisa non necesitar tempo para instalarse.
Razón, aquí.

(Despedíndonos cunha brincadeira en serio)

Chuzame! A Facebook A Twitter

Traballo en comunidade

Do traballo colectivo da AS-PG e para o labor colectivo, vén de abrirse a rede socioeducativa Belvís, unha iniciativa máis que necesaria para impulsar o intercambio e os proxectos didácticos no ensino galego. Xa contabamos no ensino universitario con aplicacións deste tipo, como a rede da UVigo, mais non no obrigatorio.

Aínda que mellorábel, como todo, ofrece a calquera membro da comunidade escolar un espazo de interacción de noso e, para min o máis interesante, a posibilidade de abrir grupos, privados ou públicos, con ferramentas de produción e colaboración como o blogue, foro, marcadores, wiki e arquivos de moi distinto tipo. Velaquí o noso grupo docente.

Nesta mesma altura rematamos nós (ou encetamos) un proxecto ben distinto, mais tamén de creación de comunidades, a Rede lingua. Supón un paso máis na procura dun instrumento manexábel que lle permita ao alumnado crear o seu contorno de traballo na rede e desenvolver colectivamente proxectos de investigación e comunicación. En Rede Lingua pretendemos mergullarnos en varias secuencias didácticas con alumnado de 1º ESO.

Neste caso, aloxamos o software comunitario Oxwall, traducido practicamente ao 100% ao galego (unhas 2.800 cadeas), para ter o control pleno do sitio e superar as limitacións de Wall.fm. Deste xeito, evitamos a publicidade que incorpora ao pasar de 5 membros e a eliminación da comunidade cando fica inactiva, ademais de poder abrir múltiples redes (acéptanse propostas, por certo).

Esta é a tradución do software Oxwall para a descarga (admítea tamén Wall se despois eliminamos o inglés).

Chuzame! A Facebook A Twitter

Antoloxía poética enriquecida

Desenvolvemos este trimestre en 1º de bacharelato unha pequena secuencia de actividades na rede sobre a literatura dos Séculos Escuros e do Rexurdimento, intentando atender os textos e o seu contexto. Tratábase de que o alumnado realizase, partindo dunha escolma (súa e argumentada), unha proposta de traballo coas TIC dun poema, achegando apoios para a súa comprensión. Proposta que logo poderían facer efectiva outr@s compañeir@s.

Os resultados en xeral non son malos, porque boa parte do alumnado aproveitou as orientacións e oportunidades para revisar o feito, para evitar simples copias e translacións, para mergullar algo no contexto sen ficar no obvio. Unha escolma das producións presentámola na nosa revista dixital. Aquí estamos a xuntar agora o fundamental do traballo, cos textos e os seus complementos.

Mais, e a pesar de que custou ao comezo, o mellor da experiencia é o labor dentro da rede comunitaria, tanto polo apoio e a retroalimentación constante como pola práctica da lingua no ámbito do intercambio dixital. Iso si, require unha dedicación por parte do/a profe non pequena precisamente e nesas horas nas que seica non traballamos, claro. Neste caso, empregamos os comentarios nos diferentes muros, as mensaxes persoais internas e o chat público e mais o privado para que fluíse a información, e había que atender todo; alén diso, ofrecíaselles aos mozos e mozas a avaliación, seguindo os criterios acordados, nunha páxina específica que se actualizaba continuamente.

Por certo, grou.ps deixa bastante que desexar no que se refire aos avisos de intervencións, pois non hai forma de que advirta dos comentarios no muro persoal ou das reedicións. Tamén por iso, precisamos unha alternativa propia.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Máis ferramentas en Achegando ideas



Aínda que Drupal resulta abondo rudo (quen dispuxese dun software coma o de Schoology en galego!), intentamos facer máis funcional para o ensino a nosa rediña con ferramentas para a xestión de grupos e a creación de contidos.
Existe agora a posibilidade de que quen crea-administra un grupo marque eventos e asigne tarefas, recollendo logo a avaliación no caderno de notas (cada membro poderá ver só as súas). Mais, o que me parece verdadeiramente útil é que calquera integrante pode crear con facilidade diferentes probas e cuestionarios interactivos (de opción múltiple, de asociación...), e facer o seu seguimento. E, posto que calquera produción no sitio é realizada cun editor, pódese integrar multimedia. Esta posibilidade aberta para o alumnado, con potencialidades didácticas (crearen eles/as un cuestionario rico para que os demais o resolvan), si que semella interesante, posto que non existe en galego e sen limitacións no aspecto textual, dispoñíbel na rede, accesíbel e sen abafante publicidade, ferramenta ningunha deste tipo, que eu saiba. E os resultados non son malos, aínda que podían ser máis atractivos.

Chuzame! A Facebook A Twitter