Francachadonia

Comprace coñecer proxectos coma este interdisciplinar do IES A Cachada, que, co temón de FLE, constitúe un referente para o traballo integrado das competencias, sobre todo no que se refire á autonomía e ás competencias dixital e en comunicación lingüística.

Desde Tecnoloxía (Ana Moreiras) e Francés (Berta), ademais de Plástica e Ciencias Sociais, deseñáronse unha serie de tarefas e actividades que lle posibilitaron ao alumnado das Seccións Bilingües a co-organización dunha viaxe con ferramentas colaborativas. Especialmente interesante parécenos a realización e defensa oral por parte do alumnado de propostas -fundamentadas- de rutas e actividades para a visita, así como a presentación de diferentes monumentos e espazos durante a viaxe.

O alumnado como protagonista, velaí a "fórmula". E unhas profes que constrúen, acompañan os procesos e traballan pensando en metas educativas. Saben algo disto as autoridades educativas empeñadas en afundir o ensino público e vender fume?








O sitio do proxecto.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Poesía medieval e música

Na difícil abordaxe nas aulas desa xoia que é a poesía-canción trobadoresca, todos os que impartimos esta materia botamos man das audicións, incluíndo versións actualizadas por diferentes grupos e intérpretes. E intentamos conectar os recursos literarios medievais cos presentes en pezas de grupos actuais (como a forza do vento dos Ruxe-Ruxe), mesmo cando se fan propostas de (re)creación. Como para calquera outra etapa literaria.
Pero, conscientes da comuñón entre a escrita e a música nese período, tamén soemos incorporar a figura do cantautor/a, tan próxima á dos xograres autores e á dos segreis. Porén, esta conexión pode ir máis alá do simple diálogo motivador, da suxestión de mergullo na obra dalgún cantautor actual ou da procura dun contraste histórico. Están abertas interesantes posibilidades de desenvolvemento de proxectos en contextos reais de hoxe en día que, que eu saiba, non se están a aproveitar. Un falar, o alumnado podería:

  • presentar didacticamente un especial dun programa radiofónico sobre canción de autor con temáticas e formas de raíz medieval
  • elaborar os criterios que se deberían incluír nunha proposta de escolma de cancións en galego de todos os tempos solicitada por unha editorial discográfica e presentar a propia escolma nun wiki

Velaquí algúns exemplos de pezas especialmente interesantes a ter en conta:

1. Uxía Senlle

(inserido de Danza ritual)

2. Anxo Rei

3. Xosé Constenla

4. Roi Casal

Ninfa da frescas augas - Roi Casal por PAI Música en Vimeo.

5. Erika

Chuzame! A Facebook A Twitter

Producións colectivas

No IES da Pobra, onde a maioría dos docentes compartimos a percepción de que cada vez é máis difícil motivar o alumnado, facer que traballe -cousa que pasa, en diferentes graos, en todos os centros-, vimos de publicar as producións de tres pequenos (novos) proxectos que parecen indicar todo o contrario. Son as presentacións de elementos químicos (en 1º BAC), os videopoemas de lingua castelá (4º da ESO) e o wiki sobre cidades para visitar (3º de PDC).

Os -en xeral- bos resultados, produto dunha notábel implicación do alumnado, é moi posíbel que dependan destas -entre outras- características compartidas:

  • responden a propostas de construción de contidos claras e con sentido: fai próximos trazos e usos, adapta á linguaxe audiovisual, recomenda e guía
  • confórmanse grupos que traballan de maneira colaborativa e que contribúen a crear unha canle de interese social
  • o proceso de traballo cos textos encarréirase para conseguir reelaborar a información ou facer recreacións orixinais
  • o alumnado manexa ferramentas tecnolóxicas (presentacións animadas, vídeo, imaxe comentada...) para dar a coñecer cousas ás que lles dá valor comunicativo

E por que non propoñerlle ao alumnado en lingua galega a elaboración dun abano de recursos da publicidade, dunha serie de curtas a partir de textos poéticos do seu gusto ou dun wiki de recomendacións musicais, por exemplo? Custa centrar as producións, custa guiar ben e revisar continuamente o proceso, custa cultivar o diálogo preciso..., mais sempre paga a pena. E máis cando temos referentes como o espléndido blogue do IES Castro da Uz adicado a Novoneyra ou videopoemas coma este do IES de Ames:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Máis proxectos

Tras outra semana de ataques institucionais á lingua, continúan tamén as respostas activas desde o mundo ensino. Unha das máis estimábeis é a reafirmación do profesorado de Tecnoloxía, Ciencias e Matemáticas na súa vontade de impartir as aulas en galego, cun compromiso coa aprendizaxe e co país impagábel.

Entre as interesantes propostas xurdidas no debate, non se destacou logo suficientemente a oportunidade para prescindir dos libros de texto e apostar polo intercambio de materiais didácticos dinámicos, constrastados nas aulas, elaborados de acordo coas necesidades do alumnado.

E, cando están en cuestión tantas cousas fundamentais, entre elas a competencia comunicativa, tamén a área lingüística ten de ampliar o espazo dos traballos por proxectos, incorporando en dinámicas interdepartamentais o profesorado das materias de obrigada impartición en español (ou lingua estranxeira), sobre todo aquel que fica apoucado ou que non ten claras as razóns pedagóxicas -e legais, máis alá do decreto- da verdadeira aposta polo plurilingüismo. Concepto de novo prostituído, por certo, xunto con outros, no caramelo do decreto de centros plurilingües.

Chuzame! A Facebook A Twitter