Reparar (n)o automático

Estou cada vez máis convencido de que se conflúen distintos contidos curriculares en procesos de análise e produción secuenciados na rede, claros e con sentido para o alumnado, ábrense novas posibilidades de desenvolvemento competencial. E, na nosa materia, tamén deberiamos integrar aí a reflexión sobre a lingua, non só na fase de revisión dos propios escritos e sen que tal cousa se converta nun engadido que entrapalle o labor da tarefa guía.

No módulo de Competencia comunicativa e dixital, estamos especialmente obrigados a facer iso. Seguindo -como se pode- esa liña, elaboramos un conxunto de actividades centradas no uso e avaliación dos tradutores automáticos, con recolleita das deficiencias lingüísticas, que, nalgúns casos1, poden sorprender ata o propio alumnado. En calquera caso, a reflexión sobre a lingua limítase aquí á detección, reparación e clasificación de problemas elementais de cohesión, norma sintáctica e fraseoloxía -as eivas dos tradutores-, sen que haxa profundamento nun aspecto concreto.2 Trátase máis de facer que lean reflexivamente diferentes tipos de texto, de que sexan quen de tomar consciencia de certos erros de lingua e de intentar explicar as razóns criticamente e sen escanear fontes. Difícil tarefa para todos/as.

(1) No caso de Google translate / Youtube, as eivas non se reducen a cuestións puntuais de sintaxe e de fraseoloxía, senón que atinxen a propia intelixibilidade. Véxanse, como exemplo, os subtítulos deste vídeo publicitario (desde o botón triángulo > botón lendas > trianguliño > TRANSLATE > do francés ao galego).

(2) Moi lonxe de experiencias si centradas e valentes como, en Lengua española, as de Lourdes Domenech ou Felipe Zayas.