(Curta) experiencia de traballo co alumnado nunha rede social

É hora de facer memoria avaliadora do labor realizado, tamén do dixital, claro. E, en coherencia coa cultura do intercambio que aquí sempre apoiamos, parece conveniente (outra cousa é que sexa útil) facer públicas algunhas notas referentes á nosa experiencia nunha rede social en Ning.

En primeiro lugar, é preciso tomar en conta as necesidades educativas que quixemos enfrontar e, en consecuencia, os obxectivos que perseguimos. Tamén para deixar claro que a elección dun espazo deste tipo non respondeu a un prurito innovador, nin moito menos a unha suposta pretensión de superar a ferramenta blogue (á que nós non lle tiramos suficiente partido nin chegamos a arrombar: non deixamos de publicar alí producións). De feito, entendemos estas dúas posibilidades, rede social e blogue, como complementarias respondendo a obxectivos en boa parte distintos, por máis que consideremos oportunas estas razóns en defensa da segunda.

O noso contexto de notábel desgaleguización e as consecuentes escasas competencias activas en galego do alumnado, a falta de hábito de revisión das producións, os problemas á hora de traballar con borradores (que acababan sendo publicados) no blogue, a dificultade para seguir proxectos de traballo na rede ao dispoñermos só dunha sesión á semana (no mellor dos casos) con computadores, entre outras razóns, foron decisivas para a escolla dun obradoiro en comunidade neste último trimestre.

Procuramos, logo, aproveitar unha contorna de traballo en interacción, segundo os parámetros presentados no documento dunha entrada anterior, orientados sempre por:

  • a proxección á lingua galega dos valores positivos asociados aos usos na rede;
  • o acceso modelador ás nosas producións culturais máis innovadoras;
  • a integración dos xéneros dixitais propios, extraescolares, do alumnado para reorientar os usos irreflexivos e consumistas e tamén como porta de acceso a outros xéneros máis elaborados;
  • a socialización formativa, a partilla e a suma de experiencias;
  • o desenvolvemento de procesos en continua revisión.

No que atinxe á motivación do alumnado, a resposta deste foi, en xeral, moi boa, tanto no que se refire á predisposición como á implicación. Unha moi pequena parte experimentou co espazo, pero non chegou a construír contidos; a maioría abordou tarefas de certa complexidade -nalgúns casos, con moi bos resultados- e inseriu artigos persoais, ademais de intercambiarse infinidade de mensaxes, mesmo desde fóra do centro e máis alá do horario escolar, desenvolvendo tamén neses casos hábitos e competencias en galego o alumnado castelán falante.

Unha experiencia, polo tanto, que pretendemos que teña continuidade, tamén para mellorar a organización e as propostas.

Outra moi distinta, mais igualmente en Ning e con participación do alumnado, é esta.

ENGADIDO

Para quen tiver interese en experimentar con guía, estes excelentes titoriais elaborados por António Teixeira.

Aquí, a nosa memoria.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Obradoiro poético

Estamos comezando a colgar no blogue da aula algúns dos resultados dun pequeno obradoiro de creación poética organizado en conexión coa lectura interpretativa de textos representativos das grandes temáticas dos distintos períodos históricos que temos que abordar en 3º da ESO. Foi, con diferenza, a actividade (a serie de actividades) máis motivadora para o alumnado, e agora cómpre facer públicos os textos con suficiente valor. Aínda que o tempo non deu máis que para subir un miudallo, están no forno moitos versos impacientes.

Aproveitamos para probar con Issuu, unha ferramenta que, malia estar incluída na escolma inicial de ´agorarede, aínda non empregaramos. O feito de xogar con imaxes de textos -no caso dos caligramas- fixo que se preferise sobre outras opcións como Slideshare. E resulta ben funcional Issuu: só precisamos preparar un pdf, subilo e e dispoñemos dun libro en flash moi manexábel case ao instante.

ENGADIDO. Obradoiro 2, con ZohoShow:

Con SplashCast (música de Fanny e Alexander):

Chuzame! A Facebook A Twitter

Borradores de secuencias

Creo que é evidente a aposta de Remexer pola publicación aberta, baixo Creative Commons, das actividades dixitais e dos resultados doutro tipo de tarefas. Cómpre aproveitar as posibilidades que nos abre a todos/as a cultura do intercambio: dispoñer dun amplo e, moitas veces adaptábel, abano de recursos, aproveitar experiencias e coñecementos no labor de construción, abrir reflexións para a mellora na súa elaboración, etc.
Agora ben, o propio deseño de tarefas para o traballo sen computadoras case non ten presenza aquí, fundamentalmente porque sempre atopo (moitas) cousas que puír e retocar nelas, alén da adaptación ás características de cada aula. En boa parte por andar a experimentar con proxectos secuenciais (tamén nos materiais dixitais, moi mellorábeis, mais aí semella máis aceptábel un grao elevado de experimentación). Porén, se cadra, pode ser aproveitábel colgar borradores que dean pé á partilla de ideas. Velaquí dous ben distintos, ambos para 3º da ESO:

Chuzame! A Facebook A Twitter

Algunhas propostas para a creación poética

Aquí pódese ver ampliado en flash.swf

Chuzame! A Facebook A Twitter