Relación de tarefas en espazo colaborativo

Boa parte dos recursos presentes ultimamente neste blogue, e outros non referenciados, coma esta actividade de comprensión dunha entrevista audiovisual, sustentan as tarefas con material auténtico e enfocadas á produción textual que lle propoño ao alumnado na rede social (sociedade limitada, iso si) Obradoiro. Dez tarefas con certa complexidade sobre a prensa, o cine e a literatura que visan desenvolver integradamente competencias, nunha liña un pouco distinta aos proxectos en cadernos interactivos que seguimos ata agora. Están accesíbeis na portada, non así o traballo do alumnado, posto que se trata tamén de aprender a reformular e puír na rede procesos, en especial textos, e os resultados só pasan a ser públicos (en Dis ti!) unha vez que se revisaron suficientemente. Cando, ao remate do curso, se poida falar realmente dunha experiencia (curta), comentarei como se desenvolveu a cousa.