(Curta) experiencia de traballo co alumnado nunha rede social

É hora de facer memoria avaliadora do labor realizado, tamén do dixital, claro. E, en coherencia coa cultura do intercambio que aquí sempre apoiamos, parece conveniente (outra cousa é que sexa útil) facer públicas algunhas notas referentes á nosa experiencia nunha rede social en Ning.

En primeiro lugar, é preciso tomar en conta as necesidades educativas que quixemos enfrontar e, en consecuencia, os obxectivos que perseguimos. Tamén para deixar claro que a elección dun espazo deste tipo non respondeu a un prurito innovador, nin moito menos a unha suposta pretensión de superar a ferramenta blogue (á que nós non lle tiramos suficiente partido nin chegamos a arrombar: non deixamos de publicar alí producións). De feito, entendemos estas dúas posibilidades, rede social e blogue, como complementarias respondendo a obxectivos en boa parte distintos, por máis que consideremos oportunas estas razóns en defensa da segunda.

O noso contexto de notábel desgaleguización e as consecuentes escasas competencias activas en galego do alumnado, a falta de hábito de revisión das producións, os problemas á hora de traballar con borradores (que acababan sendo publicados) no blogue, a dificultade para seguir proxectos de traballo na rede ao dispoñermos só dunha sesión á semana (no mellor dos casos) con computadores, entre outras razóns, foron decisivas para a escolla dun obradoiro en comunidade neste último trimestre.

Procuramos, logo, aproveitar unha contorna de traballo en interacción, segundo os parámetros presentados no documento dunha entrada anterior, orientados sempre por:

  • a proxección á lingua galega dos valores positivos asociados aos usos na rede;
  • o acceso modelador ás nosas producións culturais máis innovadoras;
  • a integración dos xéneros dixitais propios, extraescolares, do alumnado para reorientar os usos irreflexivos e consumistas e tamén como porta de acceso a outros xéneros máis elaborados;
  • a socialización formativa, a partilla e a suma de experiencias;
  • o desenvolvemento de procesos en continua revisión.

No que atinxe á motivación do alumnado, a resposta deste foi, en xeral, moi boa, tanto no que se refire á predisposición como á implicación. Unha moi pequena parte experimentou co espazo, pero non chegou a construír contidos; a maioría abordou tarefas de certa complexidade -nalgúns casos, con moi bos resultados- e inseriu artigos persoais, ademais de intercambiarse infinidade de mensaxes, mesmo desde fóra do centro e máis alá do horario escolar, desenvolvendo tamén neses casos hábitos e competencias en galego o alumnado castelán falante.

Unha experiencia, polo tanto, que pretendemos que teña continuidade, tamén para mellorar a organización e as propostas.

Outra moi distinta, mais igualmente en Ning e con participación do alumnado, é esta.

ENGADIDO

Para quen tiver interese en experimentar con guía, estes excelentes titoriais elaborados por António Teixeira.

Aquí, a nosa memoria.