NETrezade: a narración dixital

“Tecnicamente, a narración dixital consiste en curtametraxes de moi pequena duración, con personaxes e historias próximas, e construídas co equipo máis simple nun curto límite de tempo. Un proxecto de narración dixital ou digital storytelling realízase en poucos encontros onde as persoas constrúen o material rapidamente utilizando ferramentas de doado acceso e uso. Poden utilizarse múltiples recursos: debuxos dixitalizados, clips de vídeo dixital, texto, fotografías, voz en off, títulos, transicións, etc. Pero, independentemente da tecnoloxía e os recursos, o máis importante é contar unha historia, utilizando este medio para dicir algo ás demais persoas.”

NETrezade é un proxecto que parte da literatura e o feito literario para realizar propostas de produción de historias na web. Mais non está circunscrito á área lingüística nin é esta o seu alicerce. Entre outras cousas, porque parte dun enfoque interdisciplinar e a súa autora é profe de Tecnoloxía. De todos os xeitos, contén tres programas, ao xeito de webquest, que poden adaptarse para seren desenvoltos en lingua e literatura:

Consecuentemente co anterior, non está entre os obxectivos deste proxecto desenvolver as claves textuais e lingüísticas dos xéneros propostos e nel cobran máis valor os aspectos técnicos; de feito, conta con aproveitábeis videotitoriais da web 2.0 (creación de documentos con Google Docs, manexo de Xtranormal…). Porén, achega modelos de elaboracións intermedias e finais que son moi útiles para orientar e motivar o  alumnado. Velaquí unha animación e unha curta baseadas no relato Falar, de Made in Galiza.

NETmoviola: Falar de Ana Moreiras en Vimeo.