Unha suxestión

Recollo a segunda secuencia deste trimestre en 4º, nun principio titulada TV sen fronteiras, pero que tras a súa adaptación debería titularse en todo caso Música sen fronteiras. E é que custou moito centrar unha produción que non resultase excesivamente forzada diante das actitudes lingüísticas da maioría do alumnado. O obxectivo foi realizar unha reclamación / suxestión suficientemente argumentada sobre a presenza das linguas na programación musical das canles de radio e televisión.

  • A reflexión inicial partiu desta reportaxe da RTP, que nos permitiu avaliar o valor da demanda no ámbito dos medios e intercambiar ideas sobre as barreiras impostas entre a nosa realidade e o mundo luso, as posibilidades da aprendizaxe do portugués ou a repercusión para a lingua da apertura ao espazo da lusofonía.
  • Nas destrezas textuais e discursivas, recollemos as características dos xéneros da demanda e debullamos a estrutura do discurso, como elemento de coherencia, para chegar a crear un texto de opinión con orde indutiva, primeiro colectivamente (co folio xiratorio), logo con revisión en gran grupo e con mellora individual.
  • Abordamos a situación das linguas peninsulares (non só do Estado) con actividades sobre cancións, aproveitando os estupendos materiais de Román (un e dous), e realizamos estas interactivas.
  • Por último, seguimos o proceso da escrita da suxestión / reclamación.

Un exemplo de produción do alumnado:

Dirección de Antena 3
Cando vexo algúns programas ou concursos musicais na súa cadea, sempre estou agardando a ver se cantan algunha canción nunha lingua que non sexa o castelán ou o inglés. Eu ben sei que a maioría das linguas do Estado, aínda que sexan oficiais, non se coñecen moi ben nos lugares nos que non se falan; pero aínda así, teño que admitir que estou moi sorprendida de non escoitar nunca unha canción en galego, catalán, euskera…
É lóxico isto? É ben certo que a maioría das persoas non entenderían toda a letra das cancións, pero non é menos certo que cada dous por tres soan cancións en inglés. Enténdese mellor o inglés que as propias linguas do Estado ou é que pensamos que as linguas con menos número de falantes son inferiores ás outras?
Ao non facernos chegar música nas distintas linguas do Estado, pérdese a diversidade cultural e lingüística e desaténdese o artigo 5 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Por outra parte, hai moitos artistas que cantan nas súas linguas e non se dan a coñecer no resto de España cando cantan mellor ou igual que outros coñecidos.
Resumindo, entre todos temos que conseguir que leven a artistas das distintas linguas propias do Estado aos programas de televisión e que dean a posibilidade de poder escoller algunha canción nunha lingua oficial distinta do castelán para cantar nos concursos. Desta maneira, axudaremos a que se coñezan e valoren máis linguas, máis artistas.
R.C.