LIM e webquest

Doado manexo, contorno atractivo e adaptábel, posibilidade de inserir un html básico (para facer ligazóns, por exemplo) e material audiovisual (iso si, en flash), ampla variedade de páxinas, incluída unha cun menú de presentacións, incorporación da revisión das tarefas…, é difícil non buscarlle distintas aplicacións ao LIM, tal como se comentou na anterior entrada. Bótase de falta poder adaptar os ríxidos espazos para os textos e sería estupendo poder “embedar”, mais o que hai dá de si abondo. Porque, ademais, pode integrar o esquema das webquest sen que se desvirtúe, penso, ningunha das dúas ferramentas-recursos. É o que se intentou facer con este segundo caderno interactivo de lingua e literatura: Os camiños das linguas. Nel incluíronse dúas imaxes interactivas, realizadas grazas ao programa Mapas -tamén de Fran Macías-, As linguas da península ibérica e mais Camiño das linguas minorizadas.
Despois do traballo realizado polo alumnado co anterior caderno, con resultados moi positivos, agora comezamos a abordar o fenómeno do plurilingüismo e as causas principais da formación, expansión, minorización, substitución e normalización das linguas de xeito máis activo. Previamente, tirámoslle partido á procura do tesouro Linguas e mais linguas e máis adiante é posíbel que aproveitemos os materiais en slideshare de Landín, descubertos cando xa este LIM estaba rematado.