Os medios I

Aínda que só se colgou unha pequena parte do proxecto Xornalistas con xornalistas para desenvolver na rede, preséntoo agora xa posto que está accesíbel desde Dis ti! (comezamos a traballar nel esta semana) e porque hai unha serie de cuestións técnicas que, se cadra, son de utilidade para alguén e alongarían en exceso un artigo que incluíse tamén os aspectos didácticos.
O primeiro problema que quixen resolver foi a desorientación que provoca en parte do alumnado a apertura de varias ventás para a consulta na rede, ralentizando o traballo e dispersándoo (aínda máis: só podemos manexar os computadores unha vez á semana, ou cada dúas). Seguramente iso forme parte da alfabetización dixital, mais prioricei aquí a escolla e tratamento da información, polo que cumpría modificar o contorno de traballo. Así:

  • emprégase un LIM como caderno guía, sen incluír nel actividade ningunha;
  • establecéronse dous iframes con cadanseu nome, un para abrir nel actividades e outro para recoller as ligazóns;
  • e, por último, insérense nese contorno dúas ferramentas básicas, un dicionario (RAG) e un corrector (OrtoGal).

En canto ás propias actividades, vanse abrindo, segundo indicacións do caderno guía, pequenos LIM, tarefas eXe (véxase o artigo anterior Exe e Scratch en lingua), presentacións en flash e un procesador de textos (tinymce) para poder cubrir in situ cadros ou fichas e preparar borradores á hora de compoñer distintos xéneros xornalísticos.
Un par de cuestións máis técnicas. O caderno guía emprega aquelas páxinas que ofrecen a posibilidade de incluír html, de xeito que se especifica no target o nome do iframe no que queremos abrir o documento ou a páxina que corresponda:

Iso obriga a inserir os LIM de actividades ou os elementos flash en páxinas independentes. Para a construción do iframe, pódese consultar no navegador o propio código fonte do sitio. En canto ao procesador, é preciso descargalo e crear os html específicos que necesitemos; contén bastantes carpetas, imprescindíbeis para o seu funcionamento, de xeito que logo teremos que subilas comprimidas.
As esquinas redondeadas do caderno tomáronse de aquí.

Chuzame! A Facebook A Twitter

LIM e webquest

Doado manexo, contorno atractivo e adaptábel, posibilidade de inserir un html básico (para facer ligazóns, por exemplo) e material audiovisual (iso si, en flash), ampla variedade de páxinas, incluída unha cun menú de presentacións, incorporación da revisión das tarefas..., é difícil non buscarlle distintas aplicacións ao LIM, tal como se comentou na anterior entrada. Bótase de falta poder adaptar os ríxidos espazos para os textos e sería estupendo poder "embedar", mais o que hai dá de si abondo. Porque, ademais, pode integrar o esquema das webquest sen que se desvirtúe, penso, ningunha das dúas ferramentas-recursos. É o que se intentou facer con este segundo caderno interactivo de lingua e literatura: Os camiños das linguas. Nel incluíronse dúas imaxes interactivas, realizadas grazas ao programa Mapas -tamén de Fran Macías-, As linguas da península ibérica e mais Camiño das linguas minorizadas.
Despois do traballo realizado polo alumnado co anterior caderno, con resultados moi positivos, agora comezamos a abordar o fenómeno do plurilingüismo e as causas principais da formación, expansión, minorización, substitución e normalización das linguas de xeito máis activo. Previamente, tirámoslle partido á procura do tesouro Linguas e mais linguas e máis adiante é posíbel que aproveitemos os materiais en slideshare de Landín, descubertos cando xa este LIM estaba rematado.

Chuzame! A Facebook A Twitter

LIM

Como complemento ao traballo de comprensión e produción de textos do ámbito das institucións, empregamos estas actividades creadas con ediLIM, intentando xogar tamén con textos no estreito rego das respostas pechadas. Aínda así, mantívose a súa función máis evidente, a práctica e avaliación de certos coñecementos; mais, ferramentas coma esta poden ser aproveitadas para a construción destes. Un outro labor pendente.
En primaria, o Seminario Galán ten feito cousas coma esta.
ENGADIDO a 05/11/07: a través de Caderno de cores chegamos á recomendábel páxina de Xosé Antón Vicente Galego para docentes: Ferramentas para a aula (entre elas, o LIM, claro).
Chuzame! A Facebook A Twitter