Entrar en materia

A maior satisfacción que un recibe cando se decide a editar un blog centrado na súa materia de ensino é atopar espazos de intercambio con preocupacións e obxectivos próximos. A rede é un ámbito óptimo para complementar o, sempre escaso, labor colaborativo e reflexivo que se realiza nos Centros, nas actividades de formación, nos círculos de amizade...
A este blogueiro anímao observar como abrollan novos espazos para o debate sobre a lingua, para a actualización didáctica, para compartir materiais, recursos e ideas. E como antesala do blog mestre, blog de aula ou caderno dixital colectivo (caso de Mensaxe nunha botella ou Revolta da freixa), desenvolvemento "natural" se o medio for favorábel.
En todo caso, é precisa a participación, dunha ou doutra maneira, nesta procura que emprega a rede para ser máis efectiva, sen ser ese emprego, por suposto, a finalidade. Un/unha non pode ficar á marxe porque no seu centro haxa só unha sala de ordenadores (aula TIC?) e estea sempre ocupada. Hai que reclamar máis medios, xaora, mais a clave é unha didáctica innovadora adaptada ao contexto.
En fin, todo isto é só para saudar dous gromos vizosos: encerado dixital e Materia de lingua. Para visitalos a miúdo e participar.
E para os que estean pensando en sumarse con edición propia, Materia de lingua inclúe unha guía moi clara sobre os blogs como recurso para lingua e literatura (tomada de Depósito). Que medre.
ENGADIDO: Materia de lingua é un blog experimental creado nunha actividade do CFR d'A Coruña e non parece ter continuidade.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Souto, Carballeira, Toxal… Anxo e Anxela

Hoxe presentouse en Compostela Non queimes o futuro, proxecto coordinado pola AS-PG que ofrece material didáctico interdisciplinar (paineis, DVD e unidades didácticas con guía para o profesorado) para a concienciación sobre as medidas de prevención fronte o lume. Púxolle o ramo ao acto o ecoloxista, pacifista... e contacontos Anxo Moure (vede esta presentación súa en Terr@ctiva), con historias con moito contido crítico, suxestión e humor. Con gomada en moitas escolas, na rede ten os Contos solidarios, iniciativa de Bicis pola paz, ONGD fundada por el.
Produto da colaboración de catro Consellerías, unha delas Educación, tamén se vai presentar este luns o programa Polo monte, que inclúe un proxecto de innovación educativa con diversos protocolos, entre eles o de estudo da microtoponimia.
Chuzame! A Facebook A Twitter

APLIGA?

É certo que o profesorado en xeral carece dunha cultura colaborativa suficientemente asentada, por múltiplas razóns, entre elas a heteroxeneidade do colectivo. E que aquelas e aqueles que impartimos lingua non sempre compartimos proxectos (de departamento, normalizadores...) debido a diferenzas ideolóxicas máis marcadas -incluída a normativa lingüística.
Tamén é certo que, se non todo, boa parte do profesorado de lingua máis activo ten un espazo de referencia e traballo na Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e participa nas súas actividades, realizadas normalmente en colaboración coa CIG-Ensino, chegando a sentirse representado por estas entidades.
E non deixa de ser certo que hai unha excesiva confianza nos materiais elaborados pol@s amig@s, digo pola editorial coa que nos identificamos/entendemos mellor.
Porén, cómpre enfrontarse a algúns interrogantes:

  1. Non é urxente mellorar a participación social (valorizadora) no noso labor docente, a relación coas asociacións do contorno e nacionais que colaboren na formación crítica, creativa e verdadeiramente democrática e na superación dos prexuízos sociolingüísticos?
  2. Abonda e satisfai o escaso traballo colaborativo e o esporádico debate sobre a didáctica da lingua e a literatura?
  3. Non é importante abrir unha canle de relación directa, máis alá da sindical, coas institucións educativas para que a participación en cuestións fundamentais, como por exemplo a elaboración dos currículos, sexa realmente representativa?
  4. Por que non facer público, a través da rede, o material resultante dos traballos de formación nos centros de ensino e de distintas iniciativas de innovación pedagóxica?
  5. Aínda que parte das anteriores cuestións as está a desenvolver a AS-PG, non conviría constituír unha asociación, sempre participativa e dinámica, de profesorado de lingua e literatura galegas? En fin, aí está a colega portuguesa, ou @s tecnólog@s, para comparar.
Chuzame! A Facebook A Twitter