Wiki caixa de ferramentas

Wikispaces

Hai un condicionante previo no uso didáctico da rede que o modelo actual de formación non soe atender axeitadamente: o achegamento ás ferramentas máis útiles (previa escolla, pois a oferta é amplísima) e o manexo compartido. Tal cousa pretendeuse facer na ágora, porén aí parece máis axeitado intercambiar experiencias docentes (eu sigo a crer na utilidade dese espazo, aínda que diversas circunstancias fan que non funcione máis que parcialmente como unha rede social ou comunidade de práctica).

Por outro lado, se pretendemos que o alumnado sexa axente activo na rede (e crítico e creativo, claro, de aí a centralidade da didáctica), é preciso que dispoña de guías técnicas, pois -segundo a miña experiencia- as dificultades non son poucas na maioría, aínda que cunhas poucas orientacións abonda. Guías hai de sobra en internet, si, mais non sempre se adecúan ás nosas necesidades nin deberan contribuír a acrecentar a minorización lingüística do galego e os prexuízos a ela asociados.

Estas son algunhas das razóns que sosteñen a proposta de participación nun wiki no que se recollan e presenten as aplicacións web de interese e funcionais (contén xa unha achega bastante ampla). O que facer con elas é o máis importante, abofé, pero -como calquera profesional- non podemos descoñecer o que temos na man á hora de actuar. Cómpre crear máis rede!

Acceso ao wiki