Wiki caixa de ferramentas

Wikispaces

Hai un condicionante previo no uso didáctico da rede que o modelo actual de formación non soe atender axeitadamente: o achegamento ás ferramentas máis útiles (previa escolla, pois a oferta é amplísima) e o manexo compartido. Tal cousa pretendeuse facer na ágora, porén aí parece máis axeitado intercambiar experiencias docentes (eu sigo a crer na utilidade dese espazo, aínda que diversas circunstancias fan que non funcione máis que parcialmente como unha rede social ou comunidade de práctica).

Por outro lado, se pretendemos que o alumnado sexa axente activo na rede (e crítico e creativo, claro, de aí a centralidade da didáctica), é preciso que dispoña de guías técnicas, pois -segundo a miña experiencia- as dificultades non son poucas na maioría, aínda que cunhas poucas orientacións abonda. Guías hai de sobra en internet, si, mais non sempre se adecúan ás nosas necesidades nin deberan contribuír a acrecentar a minorización lingüística do galego e os prexuízos a ela asociados.

Estas son algunhas das razóns que sosteñen a proposta de participación nun wiki no que se recollan e presenten as aplicacións web de interese e funcionais (contén xa unha achega bastante ampla). O que facer con elas é o máis importante, abofé, pero -como calquera profesional- non podemos descoñecer o que temos na man á hora de actuar. Cómpre crear máis rede!

Acceso ao wiki

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Ferramenta de creación de audioblogues en galego

Entre as ferramentas web que andamos a revisar para a creación de guías (nun principio de cara á formación, pero sobre todo como útiles para o alumnado que os precise, como recollemos na ágora), destaca Big Contact.

Este servizo posibilita crear sen dificultades canles de anotacións con audio e/ou vídeo. Iso si, os arquivos mp3/mp4 teñen que estar aloxados previamente na rede (en sitios como SolidCast ou na biblioteca do noso blogue, por exemplo). O resultado é unha bitácora cun reprodutor inicial dos arquivos todos e mais cos reprodutores particulares das anotacións con texto, imaxes... Todos eles son incrustábeis por medio de código embed. Ofrece múltiplas opcións para a subscrición e a descarga coa ligazón á orixe do arquivo de audio/vídeo.

Se o anterior é xa atractivo, sobre todo polo xogo que dá un reprodutor que ensarilla os podcast enriquecidos, aínda o é máis o feito de que podemos adaptar a aparencia do blogue e presentalo case integramente en galego. E iso porque ten aberto o acceso ao xhtml (desde Website Style) e con tal de facermos unha copia de seguridade no noso computador...

Un exemplo de canle. O reprodutor a pantalla completa (desde aí captúrao ben Vodpod para Wordpress). E incrustado:

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

Panorámicas

Está a ser unha enorme satisfacción, penso que para toda a xente que alí está a participar, a evolución do espazo colectivo ´agora rede, unha alternativa para a formación en TIC acorde coas necesidades actuais que non está a cubrir a Administración (como tan ben o formulou Alberto).

´Agora rede ofrece en primeiro lugar unha panorámica dos distintos percorridos didácticos que anda a construír o profesorado a través de blogues e wikis. Porén, o que máis estimo eu é a oportunidade de aprender cunha verdadeira interacción dinámica, moito máis funcional cá lectura de postaxes e o diálogo entrecortado dos comentarios nos cadernos de cadaquén.
No grupo de traballo sobre as aplicacións didácticas das ferramentas web, comezamos a lle dar voltas á escolla das máis útiles no ensino. E quero recoller aquí tamén (aínda que pareza contraditorio co anterior) unha consulta sobre circaVie, que permite crear frisos temporais. Con esta ferramenta intentei facer unha panorámica da literatura galega desde a Idade Media ao Rexurdimento a través de textos (aproveitando algunha das ilustracións desta iniciativa de Cultura, lamentabelmente só en castelán(?)) e non fun quen de facer unha escolla no tempo para que aquilo non parecese un ermo nunha enormidade de franxa temporal (pódese ver aquí, mais deixeino sen rematar ao apreciar o problema). Alguén sabe se se pode facer tal cousa con circaVie?
En todo caso, temos outra opción: xtimelime, aínda que os resultados non fiquen tan vistosos.

Chuzame! chúzame -

Comentarios (3)

Exe e Scratch en lingua

Non é a primeira vez que comentamos entre colegas o feito de que hai unha enorme oferta de ferramentas na rede para o ensino e que o principal é facer unha boa escolla, e non querer xogar con todas, cousa imposíbel ademais. Mais un anda á procura das que, sendo funcionais e atractivas, non nos compliquen moito a vida. Por iso, estou a integrar no traballo o eXe eLearning (véxase o artigo correspondente de ensinolgl, blogue de apoio ao labor colectivo que estamos a iniciar nun PFAC no centro) e mais o Scratch.
O eXe é unha ferramenta moi doada de empregar e, ademais, adaptábel ás nosas necesidades se temos algúns coñecementos de html. Ten pouca variedade de actividades, si, mais ao seren deseñadas estas con procesadores de texto e exportarse o resultado como páxina web, podemos incluír calquera complemento que precisemos. Unha das actividades que realicei, sinxeliña, é esta sobre unidades e funcións oracionais.
O Scratch está pensado máis ben para que o alumnado, xa na Primaria, programe el mesmo animacións, pois é moi intuitivo. E ten moitas máis potencialidades para as matemáticas e disciplinas que xogan con conceptos espaciais. En calquera caso, non está mal para animar historias e facer presentacións. Isto último foi o que pretendín con esta centrada no xénero da entrevista (dura uns 10 minutos; en Firefox e en IExplorer funciona, en Flock parece que non). Como se ve, pódese aloxar na propia páxina de Scratch -tamén, conseguindo un applet, en calquera outra páxina- e, se un se inscribe, pódense baixar os proxectos que queiramos e fedellar neles para ver como foron construídos (esa é a mellor guía) ou modificalos (están baixo Creative Commons, iso si).

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Máis dúas ferramentas

Dúas novas necesidades leváronnos a tirarlle partido a outros tantos espazos na rede: Google grupos e mais Vyew. O primeiro empregámolo para aloxar e compartir os documentos de traballo do propio alumnado (e así poder revisalos tamén o profesor sen atuír o correo) antes de seren publicados no blogue. Tamén permite crear páxinas internas e establecer debates entre as distintas aulas. Vyew é un encerado-libro web no que se insiren e manexan doadamente imaxes e notas con ligazóns, gráficos, etc., e que pode aproveitar tamén o alumnado para facer presentacións atractivas como alternativa ás diapositivas feitas con Impress ou Powerpoint. Recóllese abaixo unha páxina realizada para a mostra (só mostra) do noso labor na rede no seo dun PFAC no centro.

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)