Os medios I

Aínda que só se colgou unha pequena parte do proxecto Xornalistas con xornalistas para desenvolver na rede, preséntoo agora xa posto que está accesíbel desde Dis ti! (comezamos a traballar nel esta semana) e porque hai unha serie de cuestións técnicas que, se cadra, son de utilidade para alguén e alongarían en exceso un artigo que incluíse tamén os aspectos didácticos.
O primeiro problema que quixen resolver foi a desorientación que provoca en parte do alumnado a apertura de varias ventás para a consulta na rede, ralentizando o traballo e dispersándoo (aínda máis: só podemos manexar os computadores unha vez á semana, ou cada dúas). Seguramente iso forme parte da alfabetización dixital, mais prioricei aquí a escolla e tratamento da información, polo que cumpría modificar o contorno de traballo. Así:

  • emprégase un LIM como caderno guía, sen incluír nel actividade ningunha;
  • establecéronse dous iframes con cadanseu nome, un para abrir nel actividades e outro para recoller as ligazóns;
  • e, por último, insérense nese contorno dúas ferramentas básicas, un dicionario (RAG) e un corrector (OrtoGal).

En canto ás propias actividades, vanse abrindo, segundo indicacións do caderno guía, pequenos LIM, tarefas eXe (véxase o artigo anterior Exe e Scratch en lingua), presentacións en flash e un procesador de textos (tinymce) para poder cubrir in situ cadros ou fichas e preparar borradores á hora de compoñer distintos xéneros xornalísticos.
Un par de cuestións máis técnicas. O caderno guía emprega aquelas páxinas que ofrecen a posibilidade de incluír html, de xeito que se especifica no target o nome do iframe no que queremos abrir o documento ou a páxina que corresponda:

Iso obriga a inserir os LIM de actividades ou os elementos flash en páxinas independentes. Para a construción do iframe, pódese consultar no navegador o propio código fonte do sitio. En canto ao procesador, é preciso descargalo e crear os html específicos que necesitemos; contén bastantes carpetas, imprescindíbeis para o seu funcionamento, de xeito que logo teremos que subilas comprimidas.
As esquinas redondeadas do caderno tomáronse de aquí.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Exe e Scratch en lingua

Non é a primeira vez que comentamos entre colegas o feito de que hai unha enorme oferta de ferramentas na rede para o ensino e que o principal é facer unha boa escolla, e non querer xogar con todas, cousa imposíbel ademais. Mais un anda á procura das que, sendo funcionais e atractivas, non nos compliquen moito a vida. Por iso, estou a integrar no traballo o eXe eLearning (véxase o artigo correspondente de ensinolgl, blogue de apoio ao labor colectivo que estamos a iniciar nun PFAC no centro) e mais o Scratch.
O eXe é unha ferramenta moi doada de empregar e, ademais, adaptábel ás nosas necesidades se temos algúns coñecementos de html. Ten pouca variedade de actividades, si, mais ao seren deseñadas estas con procesadores de texto e exportarse o resultado como páxina web, podemos incluír calquera complemento que precisemos. Unha das actividades que realicei, sinxeliña, é esta sobre unidades e funcións oracionais.
O Scratch está pensado máis ben para que o alumnado, xa na Primaria, programe el mesmo animacións, pois é moi intuitivo. E ten moitas máis potencialidades para as matemáticas e disciplinas que xogan con conceptos espaciais. En calquera caso, non está mal para animar historias e facer presentacións. Isto último foi o que pretendín con esta centrada no xénero da entrevista (dura uns 10 minutos; en Firefox e en IExplorer funciona, en Flock parece que non). Como se ve, pódese aloxar na propia páxina de Scratch -tamén, conseguindo un applet, en calquera outra páxina- e, se un se inscribe, pódense baixar os proxectos que queiramos e fedellar neles para ver como foron construídos (esa é a mellor guía) ou modificalos (están baixo Creative Commons, iso si).

Chuzame! chúzame -

Comentarios