Tarefas para traballar a historia da literatura

Acabamos de abrir un espazo no que temos postas moitas expectativas (e xa algún traballo): Secuencias de historia da literatura.
Partimos das seguintes constatacións ao respecto:

  • É preciso integrar no segundo ciclo da ESO a perspectiva histórica na educación literaria, con certo peso no currículo sobre todo debido ás especificidades dunha literatura como é a galega, estreitamente ligada ás circunstancias históricas adversas do país e ao labor de recuperación nacional.
  • Esa realidade non pode levar a sobredimensionar esta perspectiva fronte a outras necesarias, como a lectura interpretativa ou a creación a partir de modelos, nin tampouco a separalas tallantemente mantendo unha visión estritamente historicista e unha estratexia (didáctica?) transmisora baseada na exposición.
  • O alumnado soe aborrecer tales exposicións, aínda que as poidamos adornar de múltiples maneiras, e a aprendizaxe soe reducirse á asimilación de feitos para o día do exame.
  • O currículo deixa ben claro que hai que abordar o contexto histórico-literario a través de tarefas de investigación e resolución de problemas que lle permitan ao alumnado establecer relacións.
  • Non é doado guiar un traballo deste tipo para que non acabe sendo unha simple composición produto dun copiar e pegar máis ou menos habelencioso. E menos aínda se traballamos coas TIC, cousa imprescindíbel (se posíbel).

A nosa estratexia consistiu ata agora (desde tempos do BUP) en traballar en grupo as conexións entre diferentes contidos a través de preguntas profundadoras, esquematizacións ou pequenos retos. Pero cada vez custa máis que o alumnado perciba esas relacións e, sobre todo, o sentido da actividade. Cando algunhas desas cuestións constitúen un traballo de avaliación que é mester realizar con certa autonomía, os resultados soen ser mediocres.
Foi esta realidade, unida ao coñecemento de propostas semellantes a certas webquest (sen roles) pero máis versátiles e tamén con grandes potencialidades didácticas, como esta secuencia sobre Antonio Machado, o que determinou a creación deste espazo que contén polo de agora unha serie de actividades sobre a narrativa de Dieste, pero que se irá enchendo con novas secuencias.