Para superar a dependencia do literal

Gratísima descuberta a do -relativamente recente- libro Evaluación de lengua escrita y dependencia de lo literal, de Maite Ruiz Flores, publicado por Graó e parcialmente accesíbel desde Google Libros. Nese espazo, precisamente, acabamos de deixar a nosa “crítica”:

Obra certeira e práctica para todos os docentes, non só os de lingua. É unha das mellores reflexións críticas que coñezo sobre como se ensina a comprender e producir textos, con propostas claras para desenvolver realmente procesos cognitivos.

Efectivamente, nela debúllase a cerna didáctica á hora de traballar con textos e, sobre todo, de mellorar a escritura sobre fontes, cuestión fundamental na avaliación do alumnado en practicamente todas as materias. Porque seguro que cremos que a maioría non pedimos respostas mecánicas para comprobar a comprensión, que non fomentamos o copia e pega nin o copia-memoriza-reproduce, que facilitamos a comprensión dos contidos e mesmo guiamos a elaboración dos escritos na aplicación do aprendido, que deseñamos tarefas con sentido que motivan a lectura e escritura, que encarreiramos o emprego das tecnoloxías da información para acceder ás fontes… e, aínda así, podemos estar a potenciar a mera translación dos discursos, a aprendizaxe só de estratexias de acomodo e, ao resto, a construción de pseudotextos académicos e o coñecemento inerte.

… la dependencia de lo literal pone bajo sospecha muchos de los ejercicios aparentemente inocuos que tienen lugar en la escuela, porque pueden desarrollarse falseando los procesos cognitivos involucrados en la comprensión y en la redacción. Se hace inevitable observar que, a menudo, nuestras críticas sobre el rendimiento de los alumnos ponen de relieve que se limitan a estar a la altura de las tareas que les encomendamos.

Ante isto, algúns vieiros parecen ser:

  • axudar a producir pensamento con anticipacións, implicacións, etc. e traballar os diversos graos de comprensión dun texto, non só a obtención de información, senón tamén as inferencias, a interpretación do contido, a valoración…
  • posibilitar a selección de fontes diversas por parte do alumnado e a elaboración de criterios de escolla
  • impulsar a creación de ferramentas para organizar o contido dos textos (gráficos, diagramas…)
  • facer precisa a reelaboración da información (xulgar datos contraditorios, redactar con obxectivos distintos aos dos textos fonte, ligar coa experiencia ou cun punto de vista persoal…)
  • abrir as aplicacións do coñecemento na resolución de problemas reais e propoñer tarefas de lectura e escritura non reprodutivas e con obxectivos suxestivos
  • inserir o erro no proceso de aprendizaxe e atender a causa de cada un deles, así como comprometer o alumnado na revisión e reescrita dos seus textos

En Lingua e literatura, conviña logo, co permiso das ratios, desenvolver o traballo coas fontes, atender a complexidade da escritura en conexión coa comprensión dos textos que achegan coñecemento, profundar nas estratexias para promover a revisión e desenvolver proxectos de escritura/comunicación en grupo que xeren a autorregulación. Para (case) todo iso, as propostas de Ruiz Flores son especialmente valiosas.