Para superar a dependencia do literal

Gratísima descuberta a do -relativamente recente- libro Evaluación de lengua escrita y dependencia de lo literal, de Maite Ruiz Flores, publicado por Graó e parcialmente accesíbel desde Google Libros. Nese espazo, precisamente, acabamos de deixar a nosa "crítica":

Obra certeira e práctica para todos os docentes, non só os de lingua. É unha das mellores reflexións críticas que coñezo sobre como se ensina a comprender e producir textos, con propostas claras para desenvolver realmente procesos cognitivos.

Efectivamente, nela debúllase a cerna didáctica á hora de traballar con textos e, sobre todo, de mellorar a escritura sobre fontes, cuestión fundamental na avaliación do alumnado en practicamente todas as materias. Porque seguro que cremos que a maioría non pedimos respostas mecánicas para comprobar a comprensión, que non fomentamos o copia e pega nin o copia-memoriza-reproduce, que facilitamos a comprensión dos contidos e mesmo guiamos a elaboración dos escritos na aplicación do aprendido, que deseñamos tarefas con sentido que motivan a lectura e escritura, que encarreiramos o emprego das tecnoloxías da información para acceder ás fontes... e, aínda así, podemos estar a potenciar a mera translación dos discursos, a aprendizaxe só de estratexias de acomodo e, ao resto, a construción de pseudotextos académicos e o coñecemento inerte.

... la dependencia de lo literal pone bajo sospecha muchos de los ejercicios aparentemente inocuos que tienen lugar en la escuela, porque pueden desarrollarse falseando los procesos cognitivos involucrados en la comprensión y en la redacción. Se hace inevitable observar que, a menudo, nuestras críticas sobre el rendimiento de los alumnos ponen de relieve que se limitan a estar a la altura de las tareas que les encomendamos.

Ante isto, algúns vieiros parecen ser:

  • axudar a producir pensamento con anticipacións, implicacións, etc. e traballar os diversos graos de comprensión dun texto, non só a obtención de información, senón tamén as inferencias, a interpretación do contido, a valoración...
  • posibilitar a selección de fontes diversas por parte do alumnado e a elaboración de criterios de escolla
  • impulsar a creación de ferramentas para organizar o contido dos textos (gráficos, diagramas...)
  • facer precisa a reelaboración da información (xulgar datos contraditorios, redactar con obxectivos distintos aos dos textos fonte, ligar coa experiencia ou cun punto de vista persoal...)
  • abrir as aplicacións do coñecemento na resolución de problemas reais e propoñer tarefas de lectura e escritura non reprodutivas e con obxectivos suxestivos
  • inserir o erro no proceso de aprendizaxe e atender a causa de cada un deles, así como comprometer o alumnado na revisión e reescrita dos seus textos

En Lingua e literatura, conviña logo, co permiso das ratios, desenvolver o traballo coas fontes, atender a complexidade da escritura en conexión coa comprensión dos textos que achegan coñecemento, profundar nas estratexias para promover a revisión e desenvolver proxectos de escritura/comunicación en grupo que xeren a autorregulación. Para (case) todo iso, as propostas de Ruiz Flores son especialmente valiosas.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Revisión

Aínda fica moito por revisar neste wordpress de blogaliza, sobre todo os embed perdidos no proceso de migración desde remexer en blogger, mais por fin estamos baixo plataforma galega.

Unha das cousas novas é a posibilidade de subir arquivos de audio. Probamos con esta reflexión persoal sobre a revisión na escrita dixital:

revision2.mp3

Producido con Cotovía.

Chuzame! A Facebook A Twitter