Tarefas necesarias

Saltou á luz recentemente no noso IES a presenza na rede de imaxes tomadas polo alumnado pola súa conta dentro das aulas, seguindo unha práctica amplamente espallada entre a xuventude de acordo cos usos reducidos das tecnoloxías e, concretamente, de internet: exhibicionismo, espectacularización…

As dimensións sociais desta realidade fixo que a Comisión de Convivencia tomase, atinadamente, medidas formativas máis do que sancionadoras para as mozas implicadas. Porén, a reacción do alumnado puxo aínda máis en evidencia as proporcións desa praxis, as carencias do sistema e a amplitude das necesidades. E a día de hoxe hai máis imaxes do Centro no Tuenti das que había antes.

Nós vimos traballando estas cousas desde hai un tempo -de maneira directa (magnífica Pilar Ponte) e indirecta (tamén aquí) cun pequeno grupo de alumnos. E seguimos crendo que é imprescindíbel a práctica educativa para aprender a usar e a tirarlle máis partido ás tecnoloxías.

Desta volta, desde o Ámbito Sociolingüístico desenvolvemos, con alumnado afectado, unha serie de actividades de contraste entre redes sociais que deu lugar a análises pola súa parte coma esta. Algo así deben ser as tarefas con sentido que tanto procuramos. E desde o ENDL non custou moito implicar un grupiño de Bacharelato e outro de PDC na elaboración dunha reportaxe sobre o problema que pretendemos que fose interesante a atractiva, tamén en versión 3gp para espallar a través dos móbiles.

Non sabemos se a extensión desta liña de actuación no Centro podería evitar aqueles usos, pero desde logo abriría fiestras de aprendizaxe.