Tarefas necesarias

Saltou á luz recentemente no noso IES a presenza na rede de imaxes tomadas polo alumnado pola súa conta dentro das aulas, seguindo unha práctica amplamente espallada entre a xuventude de acordo cos usos reducidos das tecnoloxías e, concretamente, de internet: exhibicionismo, espectacularización...

As dimensións sociais desta realidade fixo que a Comisión de Convivencia tomase, atinadamente, medidas formativas máis do que sancionadoras para as mozas implicadas. Porén, a reacción do alumnado puxo aínda máis en evidencia as proporcións desa praxis, as carencias do sistema e a amplitude das necesidades. E a día de hoxe hai máis imaxes do Centro no Tuenti das que había antes.

Nós vimos traballando estas cousas desde hai un tempo -de maneira directa (magnífica Pilar Ponte) e indirecta (tamén aquí) cun pequeno grupo de alumnos. E seguimos crendo que é imprescindíbel a práctica educativa para aprender a usar e a tirarlle máis partido ás tecnoloxías.

Desta volta, desde o Ámbito Sociolingüístico desenvolvemos, con alumnado afectado, unha serie de actividades de contraste entre redes sociais que deu lugar a análises pola súa parte coma esta. Algo así deben ser as tarefas con sentido que tanto procuramos. E desde o ENDL non custou moito implicar un grupiño de Bacharelato e outro de PDC na elaboración dunha reportaxe sobre o problema que pretendemos que fose interesante a atractiva, tamén en versión 3gp para espallar a través dos móbiles.

Non sabemos se a extensión desta liña de actuación no Centro podería evitar aqueles usos, pero desde logo abriría fiestras de aprendizaxe.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Blogosfera galega

Chuzame! A Facebook A Twitter

Reorientación das axudas aos ENL

Política Lingüística xa fixo pública a convocatoria de axudas para os proxectos dos equipos de normalización (consulta no DOG). Por vez primeira van ser valorados (e, daquela, suponse que incentivados) aspectos fundamentais como a implicación dos membros da comunidade educativa no proxecto, a orixinalidade das propostas para incidir nos usos orais e escritos, a utilización das novas tecnoloxías ou a colaboración con outras institucións e outros centros. O seu peso na cualificación do proxecto será dun 70%. Parece que se centra, pois, o camiño dunha axeitada planificación e dinamización lingüísticas. Agora precísanse os apoios institucionais correspondentes e as ferramentas e recursos tan demandados. E que non se demore a resolución.
O prazo para a presentación das solicitudes remata o 29 deste mes.
Chuzame! A Facebook A Twitter

Longa lingua compartida

Saudamos a saída da revista Longa Lingua, editada pola Mesa e que vai ter presenza en moitos centros de ensino. Así, na presentación do número 0 desta publicación sobre lingua e sociedade declarouse que un dos obxectivos "é servir de material de traballo para os equipos de Normalización Lingüística dos institutos e colexios, incluíndo xogos e unidades didácticas, e servindo de lugar de intercambio para a comunidade educativa, á que se convida a participar activamente na publicación". Actuación con propostas concretas que pode e debe sumar o seu no máis que necesario (e establecido polo PXNL) cambio de rumbo nas accións de moitos equipos -a esperanza do futuro labor dos e das coordinadoras de área dos ENL aínda tardará en facerse palpábel.
Editarase mensualmente e contará cunha boa tiraxe: 5.000 exemplares. Por suposto, parabenizamos A Mesa.
Chuzame! A Facebook A Twitter