Proxectos para mergullar

A indagación produtiva, tan rendíbel en todos os procesos de aprendizaxe, pode constituír tamén un vieiro para a dinamización lingüística se focalizamos os ámbitos sociais de uso, os múltiples espazos de creación ou distintos aspectos da fortaleza da lingua hoxe.

Mais, o caso é que cando esa indagación se proxecta sobre a historia e desde a historia, o que tamén cómpre facer, corremos o risco de ficar nun labor puramente histórico-lingüístico ou ben nun etnográfico-sentimental, o que é realmente contraproducente, sobre todo en contextos de desgaleguización acentuada. Fuxir da simple constatación do proceso de substitución lingüística, do vitimismo estéril, da asociación do galego co pasado, da perspectiva museística, parece só posíbel se reactualizamos, recoñecemos, revivimos e reciclamos as claves dese pasado coas perspectivas e as ferramentas de hoxe. Se iso contribúe á identificación co vehículo da creación, coa lingua. Algo obvio.

Como obvio é tamén que para facer iso non abonda con reproducir e difundir cos novos medios os usos, as circunstancias ou as formas culturais de antano. Cumprirá establecer diálogos cos protagonistas, motivar para recrear, abrir novas prácticas desde a potencialidade creativa, configurativa, do noso pasado, que é o que realmente pode interesar.

Máis ou menos nesta liña, hai boas experiencias, como as recollidas nos premiados No meu mar, na miña lingua e O tesouro dos nosos avós (as súas producións en blogue). Salvando as distancias, no noso IES, grazas á iniciativa dun membro do ENDL, puxemos xa en marcha o proxecto interdepartamental Unha imaxe, unha historia, co que pretendemos implicar un número considerábel de alumnado de diferentes niveis na conexión entre o pasado recente e a actualidade a través de fotos antigas con escenas reconstruíbeis hoxe. Esas dúas caras temporais do mesmo espazo terán que acompañarse de historias explicativas ou narrativas a xeito de pés de foto longos, baseadas nos contrastes entre as imaxes e na recolleita de información oral. A produción final debera ser un libro-mapa na rede e unha exposición audiovisual.

Neste blogue, aínda en probas, iremos dando conta do seu desenvolvemento e publicando os traballos do alumnado.