Para medrar, en galego

Para todas e todos os que estamos no ensino, as circunstancias da saída do Decreto 124/2007 constitúen moito máis ca unha lufada que obriga a interpretar posturas e intencións retrógradas e descaradamente tendenciosas ou electoralistasespañolistas. O Consello Consultivo logrou atrasar (máis aínda) a súa saída, co que iso supón para a organización dos centros, e os ultrapopulares encirrar receos e oposicións. Os que nunca se preocuparon polo incumprimento do anterior decreto (nin sequera de mínimos) nin polos desniveis competenciais e temen que este, o do 50%, se aplique realmente. Por iso é aínda máis preciso o labor pedagóxico ao respecto por parte do profesorado, alén das medidas que tomou e terá que tomar a Administración. E para iso hai realidades irrefutábeis, como son:
  • – A LOE recolle claramente o obxectivo de capacitar para a comunicación nas dúas linguas oficiais na mesma medida, o que é imposíbel de lograr se non hai unha ampla presenza no ensino da lingua minorizada.
  • – Como ten reiterado A Mesa, “a Carta Europea das Linguas rexionais e minoritarias incide particularmente no carácter positivo da diversidade lingüística, como un elemento de cohesión e de valor engadido para as sociedades democráticas e, por conseguinte, salienta a necesidade de adoptar estratexias de conservación, desenvolvemento e promoción do uso das linguas minoritarias e minorizadas. A Consellaría de Educación ten obriga de adaptar a lexislación galega á normativa europea que sinala que o ensino en Galiza debe ter como vehículo normal o galego. A Carta Europea das Linguas, aprobada por unanimidade durante o Goberno do PP, forma parte do ordenamento xurídico do Estado español.”
  • – Unha das competencias profesionais necesarias do profesorado é o desenvolvemento plurilingüe do alumnado, no marco dos obxectivos europeos, o que só se pode facer co dominio e uso escolar efectivo da lingua galega.
  • – Apostar por un ensino bilingüe/plurilingüe (e o contexto que establece o decreto semella que é o mínimo dos mínimos para tal cousa) supón evidentes e contrastábeis vantaxes para o alumnado ao desenvolverse cognitivamente: mellora das destrezas psicolingüísticas e intelectuais e do pensamento diverxente, unha orientación analítica, unha maior sensibilidade ante os sinais do contexto social na comunicación…, e máis recursos e habilidades para a aprendizaxe de novas linguas. E na sociedade actual as competencias comunicativas desenvolvidas neste modelo de ensino son fundamentais. Aí están os estudos científicos de Herdina e Jessner, Cummis, etc. Só un dato: a avaliación do programa bilingüe de Quebec realizado por Lambert e Tucker en 1972 demostrou que o alumnado tiña iguais ou mellores resultados có monolingüe na lingua dominante, ademais de adquirir a minorizada; avaliacións europeas dos programas de inmersión de Cataluña recollen conclusións parellas.

ENGADIDO A 22/07/07: Manifesto Ensino en galego.