Máis proxectos

Tras outra semana de ataques institucionais á lingua, continúan tamén as respostas activas desde o mundo ensino. Unha das máis estimábeis é a reafirmación do profesorado de Tecnoloxía, Ciencias e Matemáticas na súa vontade de impartir as aulas en galego, cun compromiso coa aprendizaxe e co país impagábel.

Entre as interesantes propostas xurdidas no debate, non se destacou logo suficientemente a oportunidade para prescindir dos libros de texto e apostar polo intercambio de materiais didácticos dinámicos, constrastados nas aulas, elaborados de acordo coas necesidades do alumnado.

E, cando están en cuestión tantas cousas fundamentais, entre elas a competencia comunicativa, tamén a área lingüística ten de ampliar o espazo dos traballos por proxectos, incorporando en dinámicas interdepartamentais o profesorado das materias de obrigada impartición en español (ou lingua estranxeira), sobre todo aquel que fica apoucado ou que non ten claras as razóns pedagóxicas -e legais, máis alá do decreto- da verdadeira aposta polo plurilingüismo. Concepto de novo prostituído, por certo, xunto con outros, no caramelo do decreto de centros plurilingües.