Entre textos

Difícil papel o que nos agarda dentro das aulas de 1º e 3º da ESO, no ensino secundario, este próximo curso. Sabemos que teremos a obriga de concretar un currículo baseado en competencias, mais aínda non o coñecemos oficialmente (só o borrador-pdf-). Sabemos que teremos que desenvolver competencias básicas, mais carecemos de formación ao respecto. Sabemos que hai que decidir xa se se pon ou non libro de texto, e cal se se opta por empregalo, mais como apreciar a súa idoneidade a respecto do currículo? E sobre todo sabemos:

  • que unha (outra) reforma nunca terá éxito se non hai un proceso participativo e experimental previo
  • que nos imos enfrontar a un currículo-ficción: só pode ser un horizonte guía con vocación práctica se se debulla formativamente
  • que un currículo baseado en competencias implica importantes cambios na práctica docente e un grao tan elevado de incerteza soe traducirse en mera adaptación formal (máis traballo para o profesorado para que todo siga igual)
  • que os libros de texto, elaborados sen un tempo suficiente de reflexión e traballo, non responden aos cambios didácticos precisos
  • que o vindeiro curso ten que ser de transición á forza, mais cara a onde se transita así?

Diante disto, por textos que non quede:

  1. demandemos e organicemos formación colaborativa a este respecto nos propios centros (se falta, non hai verdadeira mellora da calidade educativa, e iso benefícianos a todos e todas)
  2. demandémoslle á Inspección idéntico empeño na avaliación (transformadora) dos contextos adversos de ensino e, en xeral, das necesidades educativas có que pon na revisión dos aspectos formais
  3. demandemos e experimentemos recursos para o traballo por proxectos, secuencias didácticas, obradoiros, tarefas… (iso si é facer un currículo innovador)
  4. demandemos disponibilidade e fagamos emprego das tecnoloxías da información-difusión e comunicación (TIC): blogues, wikis, webquest… (sempre para a reflexión, a motivación, a creatividade, a análise crítica…)
  5. se empregamos libro de texto (sempre cuestionados e agora máis prescindíbeis ca nunca, porén co sector editorial nunha situación delicada e coas familias dispostas a acollerse á gratuidade), que sexa un simple recurso, non armazón estruturante nin guía de actividades, e demandemos das editoriais bos materiais para o profesorado e da Administación maior apoio na súa elaboración.

[Imaxe tomada de http://photos1.blogger.com/blogger/2774/2958/1600/letras%20humanas.0.gif]