Outra proposta para traballar con blogues

Para que o alumnado de 1º ESO poidese ter un blogue persoal, procuramos unha plataforma (despois do fracaso técnico da rede social no primeiro trimestre e da boa pero limitada experiencia en Edmodo no segundo) que permitise:

  • crear unha aula cos blogues do alumnado e, polo tanto, ter o control de todas as contas deste, con acceso incluso aos borradores
  • manexar o sitio coa menor complicación posíbel sen que iso limitase significativamente as funcionalidades
  • acceder á administración en galego ou en portugués

E esa plataforma existe. Coñeciamos opcións como Kidblog, baseada en WordPress, pero só en inglés e cunha presentación que non nos convence moito. Mais, tiñamos, dentro do noso proxecto interdisciplinar, unha caixa de ferramentas creada con Weebly, que ofrece sitios web con páxinas e blogues que se compoñen partindo do sistema arrastra e solta (e pica). E descubrimos que se podía ampliar a conta para profe, o que abría a posibilidade de conformar aulas. Na versión gratuíta só permite crear un número limitado de contas e durante un período de probas. Mais, é doado ampliar ambos se se convida “colegas” (pode facerse con outros correos propios) a sumarse a Weebly Education.

É por iso que, incluíndo a simplificación dos apoios presentes nas páxinas do blogue da aula de PDC de cursos pasados e mais unha guía básica do manexo de Weebly, elaboramos esta presentación para que un alumnado moi diverso, pouco motivado e cunha experiencia dixital reducida compoña un verdadeiro caderno dixital. Polo de agora, a iniciativa funciona…