Panorámicas

Está a ser unha enorme satisfacción, penso que para toda a xente que alí está a participar, a evolución do espazo colectivo ´agora rede, unha alternativa para a formación en TIC acorde coas necesidades actuais que non está a cubrir a Administración (como tan ben o formulou Alberto).

´Agora rede ofrece en primeiro lugar unha panorámica dos distintos percorridos didácticos que anda a construír o profesorado a través de blogues e wikis. Porén, o que máis estimo eu é a oportunidade de aprender cunha verdadeira interacción dinámica, moito máis funcional cá lectura de postaxes e o diálogo entrecortado dos comentarios nos cadernos de cadaquén.
No grupo de traballo sobre as aplicacións didácticas das ferramentas web, comezamos a lle dar voltas á escolla das máis útiles no ensino. E quero recoller aquí tamén (aínda que pareza contraditorio co anterior) unha consulta sobre circaVie, que permite crear frisos temporais. Con esta ferramenta intentei facer unha panorámica da literatura galega desde a Idade Media ao Rexurdimento a través de textos (aproveitando algunha das ilustracións desta iniciativa de Cultura, lamentabelmente só en castelán(?)) e non fun quen de facer unha escolla no tempo para que aquilo non parecese un ermo nunha enormidade de franxa temporal (pódese ver aquí, mais deixeino sen rematar ao apreciar o problema). Alguén sabe se se pode facer tal cousa con circaVie?
En todo caso, temos outra opción: xtimelime, aínda que os resultados non fiquen tan vistosos.

Chuzame! chúzame -

Comentarios (3)

Intercambios

Tras a boa acollida da última suxestión lanzada desde aquí, parece que é preciso abrir o debate sobre que iniciativa podemos artellar de maneira colectiva os e as docentes con presenza na rede. Podemos mellorar o noso labor diario na aula cunha interacción máis organizada? É posíbel abrir grupos de traballo desde a rede para ligar esforzos illados? Hai quen dispoña de tempo para tales empresas? Que funcionalidades serían imprescindíbeis no espazo web da rede social?
Se cadra, é o momento de espallar unha especie de meme para reflexionarmos sobre a necesidade ou non de construír unha ágora superposta a outros puntos de encontro e sobre o para que e o como. Como Sekeiros, Xoán e Nasa remexeron con ánimo, a eles van dirixidas en primeiro lugar estas cuestións. Pero fican abertas, claro.
[Podedes visitar este espazo en probas en ning (a publicidade é posíbel retirala)]
[Se o meme rula, encárgome eu de lle facer o seguimento]

Visite 'agora rede

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)