Lingua con lingua

O profesorado do ámbito educativo no que me movo, no centro e na rede, teno claro: o traballo coas TIC, para o desenvolvemento de múltiples competencias, especialmente a dixital, ten que ser unha das prioridades do ensino; porén, os e as docentes enfróntanse co ensino-ficción: as dotacións chegan a ser ridículas e os apoios e incentivos para a formación insuficientes. Medidas, a dotación e a formación, recollidas de xeito explícito no acordo de goberno (pdf), por certo, e semella que só con certa implementación no ensino infantil. Alén disto, nos contextos nos que se pode empregar didacticamente os computadores, non soe haber suficiente cobertura institucional, nin recoñecemento axeitado e difusión decente dos resultados.

E continúo co discurso reiterado: todo o anterior impide que teñamos un amplo abano de recursos e experiencias produto da nosa realidade. De aí (e non de motivacións personalistas) vén o empeño dun número cada vez maior de docentes con presenza na rede en facer achegas e en darlle a maior difusión posíbel a aqueles resultados, nalgúns casos de enorme valor e silenciados incomprensibelmente polas instancias educativas. Instancias, poñamos por caso a Inspección, interesadas máis ben só polo control de cuestións burocrático-formais. Algunha excepción hai, mais teñen que ser os responsábeis educativos quen aposten por cousas deste tipo.
Por iso, é un pracer contribuír ao espallamento de materiais coma os que Rosa Salgueiro pon a disposición de todas e todos en Na punta da lingua. Especialmente Hortografía. O cultivo das palabras: un negocio con futuro, onde se lle tira partido de xeito extraordinario ao Hotpotatoes e ao Ardora para posibilitar a reflexión sobre a lingua (sen obviar as propiedades textuais) e que remata moi acertadamente cunha webquest, posto que a mellora real da expresión escrita require abordar procesos de planificación, composición e revisión.
Por iso, tamén, comprace descubrir novos espazos de intercambio como a Wikiescola e albiscar unha nova realidade na que pasemos a colaborar de maneira máis estreita en plataformas comúns, desde as que lle tamén facer demandas á Administración.

boomp3.com
Voz creada con Cotovía.ENGADIDO: Na punta da lingua blogue. Rendemento dobre. Obrigados, Rosa.

Unha reflexión sobre “Lingua con lingua

  1. Por fin tiven tempo para mirar con calma todos os materiais deste blog. Simplemente estou impresionada. Incluireinos nas ligazóns clasificadas da miña web, coas que comecei a traballar nestes días. Un cento de parabéns!

Os comentarios están pechados.