By xano (
febreiro 3, 2008 at 3:37 pm)
· Filed under blogue, recursos, eXe, iframe, LIM, procesador, proxecto, xéneros, xornalismo

Aínda que só se colgou unha pequena parte do proxecto Xornalistas con xornalistas para desenvolver na rede, preséntoo agora xa posto que está accesíbel desde Dis ti! (comezamos a traballar nel esta semana) e porque hai unha serie de cuestións técnicas que, se cadra, son de utilidade para alguén e alongarían en exceso un artigo que incluíse tamén os aspectos didácticos.
O primeiro problema que quixen resolver foi a desorientación que provoca en parte do alumnado a apertura de varias ventás para a consulta na rede, ralentizando o traballo e dispersándoo (aínda máis: só podemos manexar os computadores unha vez á semana, ou cada dúas). Seguramente iso forme parte da alfabetización dixital, mais prioricei aquí a escolla e tratamento da información, polo que cumpría modificar o contorno de traballo. Así:
- emprégase un LIM como caderno guía, sen incluír nel actividade ningunha;
- establecéronse dous iframes con cadanseu nome, un para abrir nel actividades e outro para recoller as ligazóns;
- e, por último, insérense nese contorno dúas ferramentas básicas, un dicionario (RAG) e un corrector (OrtoGal).
En canto ás propias actividades, vanse abrindo, segundo indicacións do caderno guía, pequenos LIM, tarefas eXe (véxase o artigo anterior Exe e Scratch en lingua), presentacións en flash e un procesador de textos (tinymce) para poder cubrir in situ cadros ou fichas e preparar borradores á hora de compoñer distintos xéneros xornalísticos.
Un par de cuestións máis técnicas. O caderno guía emprega aquelas páxinas que ofrecen a posibilidade de incluír html, de xeito que se especifica no target o nome do iframe no que queremos abrir o documento ou a páxina que corresponda:
Iso obriga a inserir os LIM de actividades ou os elementos flash en páxinas independentes. Para a construción do iframe, pódese consultar no navegador o propio código fonte do sitio. En canto ao procesador, é preciso descargalo e crear os html específicos que necesitemos; contén bastantes carpetas, imprescindíbeis para o seu funcionamento, de xeito que logo teremos que subilas comprimidas.
As esquinas redondeadas do caderno tomáronse de aquí.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
xaneiro 20, 2008 at 3:12 pm)
· Filed under recursos, historias, oralidade
Dous magníficos textos para traballar a oralidade e a sociolingüística. Para sumar ás Historias de vida de CulturagalegaTV ou aos documentos que pon á nosa disposición o Arquivo Sonoro de Galicia.
Download link
Download link
Vídeos tomados do Arquivo da Experiencia.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
xaneiro 20, 2008 at 2:58 am)
· Filed under aula, blogue, formación, recursos, actividades, entrevista, eXe, ferramentas web, scratch, xéneros

Non é a primeira vez que comentamos entre colegas o feito de que hai unha enorme oferta de ferramentas na rede para o ensino e que o principal é facer unha boa escolla, e non querer xogar con todas, cousa imposíbel ademais. Mais un anda á procura das que, sendo funcionais e atractivas, non nos compliquen moito a vida. Por iso, estou a integrar no traballo o eXe eLearning (véxase o artigo correspondente de ensinolgl, blogue de apoio ao labor colectivo que estamos a iniciar nun PFAC no centro) e mais o Scratch.
O eXe é unha ferramenta moi doada de empregar e, ademais, adaptábel ás nosas necesidades se temos algúns coñecementos de html. Ten pouca variedade de actividades, si, mais ao seren deseñadas estas con procesadores de texto e exportarse o resultado como páxina web, podemos incluír calquera complemento que precisemos. Unha das actividades que realicei, sinxeliña, é esta sobre unidades e funcións oracionais.
O Scratch está pensado máis ben para que o alumnado, xa na Primaria, programe el mesmo animacións, pois é moi intuitivo. E ten moitas máis potencialidades para as matemáticas e disciplinas que xogan con conceptos espaciais. En calquera caso, non está mal para animar historias e facer presentacións. Isto último foi o que pretendín con esta centrada no xénero da entrevista (dura uns 10 minutos; en Firefox e en IExplorer funciona, en Flock parece que non). Como se ve, pódese aloxar na propia páxina de Scratch -tamén, conseguindo un applet, en calquera outra páxina- e, se un se inscribe, pódense baixar os proxectos que queiramos e fedellar neles para ver como foron construídos (esa é a mellor guía) ou modificalos (están baixo Creative Commons, iso si).
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
xaneiro 11, 2008 at 3:36 am)
· Filed under aula, recursos, medios, xéneros, xornalismo
Aínda que están destinadas a ser só unha parte dun proceso secuencial con múltiples actividades sobre a prensa co que comezaremos en breve nas aulas, pareceume axeitado facerlles un sitio aquí por separado a estas dúas presentacións con certa interactividade: O papel social dos medios e Os xéneros xornalísticos. Foron realizadas con AnFX.
ENGADIDO. Pódese ver aquí o noso quiosco (accédese á páxina de cada un dos medios).
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
xaneiro 8, 2008 at 12:37 am)
· Filed under iniciativas, recursos, boomp3, podcast, podgalego, recursos

boomp3.com

Xa reabriu hai uns días Podgalego e é obrigado facerlle promoción: atractivo, cunha presentación de recursos moi útil e cun amplo directorio, onde ademais se recollen os nosos experimentos. Máis motivación para o alumnado protagonista (nunca sobra) e compromiso para un, que agora terá que empezar a traballar en serio isto.O falangullo promocional, que se baixou da propia páxina, foi subido a BooMP3, o sitio de hospedaxe máis sinxelo e funcional que coñezo.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
decembro 30, 2007 at 2:07 am)
· Filed under iniciativas, recursos
A Letanía de Galicia aquí.
Produto da campaña de uxionovoneyra.com
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
decembro 27, 2007 at 4:35 am)
· Filed under aula, competencias, didáctica, iniciativas, recursos, escrita, propiedades, rosa salgueiro, webquest
O profesorado do ámbito educativo no que me movo, no centro e na rede, teno claro: o traballo coas TIC, para o desenvolvemento de múltiples competencias, especialmente a dixital, ten que ser unha das prioridades do ensino; porén, os e as docentes enfróntanse co ensino-ficción: as dotacións chegan a ser ridículas e os apoios e incentivos para a formación insuficientes. Medidas, a dotación e a formación, recollidas de xeito explícito no acordo de goberno (pdf), por certo, e semella que só con certa implementación no ensino infantil. Alén disto, nos contextos nos que se pode empregar didacticamente os computadores, non soe haber suficiente cobertura institucional, nin recoñecemento axeitado e difusión decente dos resultados.
E continúo co discurso reiterado: todo o anterior impide que teñamos un amplo abano de recursos e experiencias produto da nosa realidade. De aí (e non de motivacións personalistas) vén o empeño dun número cada vez maior de docentes con presenza na rede en facer achegas e en darlle a maior difusión posíbel a aqueles resultados, nalgúns casos de enorme valor e silenciados incomprensibelmente polas instancias educativas. Instancias, poñamos por caso a Inspección, interesadas máis ben só polo control de cuestións burocrático-formais. Algunha excepción hai, mais teñen que ser os responsábeis educativos quen aposten por cousas deste tipo.
Por iso, é un pracer contribuír ao espallamento de materiais coma os que Rosa Salgueiro pon a disposición de todas e todos en Na punta da lingua. Especialmente Hortografía. O cultivo das palabras: un negocio con futuro, onde se lle tira partido de xeito extraordinario ao Hotpotatoes e ao Ardora para posibilitar a reflexión sobre a lingua (sen obviar as propiedades textuais) e que remata moi acertadamente cunha webquest, posto que a mellora real da expresión escrita require abordar procesos de planificación, composición e revisión.
Por iso, tamén, comprace descubrir novos espazos de intercambio como a Wikiescola e albiscar unha nova realidade na que pasemos a colaborar de maneira máis estreita en plataformas comúns, desde as que lle tamén facer demandas á Administración.
boomp3.com
Voz creada con Cotovía.ENGADIDO: Na punta da lingua blogue. Rendemento dobre. Obrigados, Rosa.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
decembro 26, 2007 at 9:51 pm)
· Filed under recursos, lectura crítica, medios, publicidade
A través de Xosé Vidal, dei con A publicidade ao descuberto, documental moi didáctico sobre algunhas das claves para ler criticamente a publicidade. Digo algunhas porque o fondo da cuestión é complexo: a comprensión do funcionamento do sistema de mercado no que reina e do dominio do mundo publicitario sobre os medios e mesmo sobre a propia linguaxe.
Este enfoque da lectura crítica, crucial no desenvolvemento das competencias activas, é xustamente o que recolle o currículo de lingua galega, máis alá da mera análise formal ou a (re)creación ben dirixida mais acrítica. Bon, pois xa que participa na súa produción o Instituto Galego de Consumo: versión en galego xa! (a falta de produción propia).
Unha escolma de anuncios publicitarios para traballar a súa lectura crítica pode consultarse aquí.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
novembro 26, 2007 at 9:55 pm)
· Filed under aula, blogue, recursos, ferramentas web

Dúas novas necesidades leváronnos a tirarlle partido a outros tantos espazos na rede: Google grupos e mais Vyew. O primeiro empregámolo para aloxar e compartir os documentos de traballo do propio alumnado (e así poder revisalos tamén o profesor sen atuír o correo) antes de seren publicados no blogue. Tamén permite crear páxinas internas e establecer debates entre as distintas aulas. Vyew é un encerado-libro web no que se insiren e manexan doadamente imaxes e notas con ligazóns, gráficos, etc., e que pode aproveitar tamén o alumnado para facer presentacións atractivas como alternativa ás diapositivas feitas con Impress ou Powerpoint. Recóllese abaixo unha páxina realizada para a mostra (só mostra) do noso labor na rede no seo dun PFAC no centro.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
novembro 17, 2007 at 10:17 pm)
· Filed under recursos
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
novembro 17, 2007 at 2:55 am)
· Filed under formación, iniciativas, recursos

Grazas á presentación feita por Román no
wiki donaurelio, chego ao admirábel traballo do Seminario Permanente do
IES A Sangriña, resultado do proxecto interdisciplinar Elaboración de material didáctico multimedia e interactivo,
A auga, aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial. Coas miradas atractivas da Xeoloxía, a xeografía e historia, a lingua galega e literatura, a tecnoloxía e a matemática, logo dun labor inxente.
Ademais, é para subscribir o que se recolle na memoria do proxecto:
Debería haber un sistema de difusión dos recursos que se elaboran, tanto nos seminarios permanentes como nos grupos de traballo, eficiente que permitira que traballos como o noso tiveran a difusión que merecen.
A Xunta e os Centros de Formación de Profesorado deberían ter grupos estables de traballo dedicados á elaboración de contidos en galego coa liberación horaria suficiente para garantir a eficiencia dos grupos.
É un problema grave á hora de elaborar contidos multimedia e interactivos para a rede o non dispoñer das ferramentas informáticas necesarias, a administración educativa tiña que tratar de resolver este problema poñendo a disposición dos grupos de traballo e investigación, ademais dos medios materiais, o software necesario para o desenvolvemento dos recursos multimedia.
O efecto motivador que observamos que ten o recurso elaborado fronte ao alumnado e o resto cidadáns permítenos afirmar que a administración educativa debe poñer especial fincapé na elaboración e uso de materiais multimedia e tecnoloxías da información e comunicación.
Outros recursos e materiais, na aula virtual do centro.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)
By xano (
novembro 11, 2007 at 1:56 pm)
· Filed under aula, recursos, webquest

Doado manexo, contorno atractivo e adaptábel, posibilidade de inserir un html básico (para facer ligazóns, por exemplo) e material audiovisual (iso si, en flash), ampla variedade de páxinas, incluída unha cun menú de presentacións, incorporación da revisión das tarefas..., é difícil non buscarlle distintas aplicacións ao LIM, tal como se comentou na anterior entrada. Bótase de falta poder adaptar os ríxidos espazos para os textos e sería estupendo poder "embedar", mais o que hai dá de si abondo. Porque, ademais, pode integrar o esquema das webquest sen que se desvirtúe, penso, ningunha das dúas ferramentas-recursos. É o que se intentou facer con este segundo caderno interactivo de lingua e literatura: Os camiños das linguas. Nel incluíronse dúas imaxes interactivas, realizadas grazas ao programa Mapas -tamén de Fran Macías-, As linguas da península ibérica e mais Camiño das linguas minorizadas.
Despois do traballo realizado polo alumnado co anterior caderno, con resultados moi positivos, agora comezamos a abordar o fenómeno do plurilingüismo e as causas principais da formación, expansión, minorización, substitución e normalización das linguas de xeito máis activo. Previamente, tirámoslle partido á procura do tesouro Linguas e mais linguas e máis adiante é posíbel que aproveitemos os materiais en slideshare de Landín, descubertos cando xa este LIM estaba rematado.
chúzame -
Ligazóns permanentes (permalinks)