A información en clips


Dedicámonos no proxectiño deste trimestre en 4º a mellorar a selección, clasificación e tratamento da información co fin de elaborar un xénero textual. Pretendemos sistematizar un pouco máis estes aspectos competenciais clave nos que aínda nos queda bastante por andar.

Así, foi posíbel que cada grupo escollese, non só a temática, senón o seu propio xénero (anotación de guía, tríptico e artigo, cos que o alumnado xa estaba relativamente familiarizado) compartindo o proceso de traballo. O grao de motivación cunha proposta deste tipo é, evidentemente, elevado e apréciase na implicación diaria. Ao que contribuíu a escolla, con votación, da ferramenta de marcadores sociais na actividade inicial.

E é precisamente o servizo web elixido, Clipboard, o que quero salientar aquí. Máis alá da organización dos favoritos fichados en cartafoles atractivos visualmente (ao xeito de Pinterest), é especialmente útil a opción de crear anotacións -cun editor xeitoso- que poden reclipearse (copiarse) para facelas propias e reeditalas. É a maneira máis doada e eficaz que coñezo de ofrecerlle ao alumnado táboas para cubrir ou documentos base sobre os que traballar directamente na rede, neste caso mesmo a carón dos marcadores que vai ter que empregar para enfrontar a actividade. Todo iso nun contorno de rede social que facilita o traballo colaborativo e mais o seguimento do labor realizado.

En calquera caso, tamén hai algúns aspectos menos positivos:

  • só é posíbel engadir favoritos co botón do navegador (iso si, guíase a -rápida- instalación)
  • insire os clips como privados por defecto (cómpre premer, entón, en Publicar)
  • non acepta tiles nas etiquetas

Os resultados poden perfectamente gardarse en Clipboard nun cartafol de producións, mais nós temos sitios específicos para trasladar e darlle un formato final ás producións. Niso estamos agora e queda para outra.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Muros con poesía


Na secuencia de traballo da poesía de posguerra, que se apoiou nesta escolma e mais nesta presentación interactivas, rematamos empregando Padlet (antes Wallwisher) para publicar escolmas de grupo con textos ilustrados e minimamente presentados. A posibilidade de colocar nun espazo compartido os recursos necesarios ou as opcións de privacidade e acceso directo á edición facilitaron moito o labor de construción de muros coma este.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Unha suxestión

Recollo a segunda secuencia deste trimestre en 4º, nun principio titulada TV sen fronteiras, pero que tras a súa adaptación debería titularse en todo caso Música sen fronteiras. E é que custou moito centrar unha produción que non resultase excesivamente forzada diante das actitudes lingüísticas da maioría do alumnado. O obxectivo foi realizar unha reclamación / suxestión suficientemente argumentada sobre a presenza das linguas na programación musical das canles de radio e televisión.

  • A reflexión inicial partiu desta reportaxe da RTP, que nos permitiu avaliar o valor da demanda no ámbito dos medios e intercambiar ideas sobre as barreiras impostas entre a nosa realidade e o mundo luso, as posibilidades da aprendizaxe do portugués ou a repercusión para a lingua da apertura ao espazo da lusofonía.
  • Nas destrezas textuais e discursivas, recollemos as características dos xéneros da demanda e debullamos a estrutura do discurso, como elemento de coherencia, para chegar a crear un texto de opinión con orde indutiva, primeiro colectivamente (co folio xiratorio), logo con revisión en gran grupo e con mellora individual.
  • Abordamos a situación das linguas peninsulares (non só do Estado) con actividades sobre cancións, aproveitando os estupendos materiais de Román (un e dous), e realizamos estas interactivas.
  • Por último, seguimos o proceso da escrita da suxestión / reclamación.

Un exemplo de produción do alumnado:

Dirección de Antena 3
Cando vexo algúns programas ou concursos musicais na súa cadea, sempre estou agardando a ver se cantan algunha canción nunha lingua que non sexa o castelán ou o inglés. Eu ben sei que a maioría das linguas do Estado, aínda que sexan oficiais, non se coñecen moi ben nos lugares nos que non se falan; pero aínda así, teño que admitir que estou moi sorprendida de non escoitar nunca unha canción en galego, catalán, euskera...
É lóxico isto? É ben certo que a maioría das persoas non entenderían toda a letra das cancións, pero non é menos certo que cada dous por tres soan cancións en inglés. Enténdese mellor o inglés que as propias linguas do Estado ou é que pensamos que as linguas con menos número de falantes son inferiores ás outras?
Ao non facernos chegar música nas distintas linguas do Estado, pérdese a diversidade cultural e lingüística e desaténdese o artigo 5 da Lei Xeral de Comunicación Audiovisual. Por outra parte, hai moitos artistas que cantan nas súas linguas e non se dan a coñecer no resto de España cando cantan mellor ou igual que outros coñecidos.
Resumindo, entre todos temos que conseguir que leven a artistas das distintas linguas propias do Estado aos programas de televisión e que dean a posibilidade de poder escoller algunha canción nunha lingua oficial distinta do castelán para cantar nos concursos. Desta maneira, axudaremos a que se coñezan e valoren máis linguas, máis artistas.
R.C.

Chuzame! A Facebook A Twitter

Para aclarar algo


Sempre tiven debilidade polas liñas do tempo enriquecidas e ningunha das ferramentas da web me convencían. Mais si agora Timeline JS, cun resultado limpo e potente. Con ela elaborouse o apoio final de toda unha serie para abordar a etapa de preguerra da historia da lingua.
Mais, nunca tiven tan claro que, para a propia lingua e para a aprendizaxe do alumnado da ESO, unhas aulas expositivas, aínda complementadas con artefactos dixitais, non son o mellor camiño, nin moito menos. E a alternativa da asignación de tarefas ben pautadas pode ter nesta aplicación un bo aliado; para iso, o alumnado terá que encher de contido un documento coma este, que foi o empregado para compoñer a nosa liña. Pode facelo, ademais, en Google Docs de xeito colaborativo, e desa maneira obterá directamente a url dos datos coa que xerar o obxecto.

Aquí instalado e funcionando en galego.

ACTUALIZACIÓN (17/11/2012)
Liña do tempo das obras da literatura da posguerra (continúa, tamén dentro, aquí).

Chuzame! A Facebook A Twitter