Archive for iniciativas

Dúas sonoras e necesarias iniciativas


Nun caso, desde Mensaxe nunha botella:

Son de poetas é un proxecto de traballo para este curso. Coa vosa colaboración iremos seleccionando poemas galegos musicados de todas as épocas.

Unha antoloxía de poesía galega musicada

No outro, desde a AS-PG:

A AS-PG poñerá en servizo a finais de outubro o seu podcast educativo. Coa iniciativa preténdese incidir no uso da lingua oral a través das novas tecnoloxías. Nos próximos días faremos públicas as bases dun concurso destinado a traballar con estas novas técnicas.

Espazo web con diversas canles de (vídeo)podcasting para o ensino
Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

Made in Galiza

Aínda que sexa con atraso, non podemos deixar de recomendar o novo libro de Séchu Sende (agora tamén con presenza transformadora na rede). Relatos de broco, suxestivos, coa penetrante e tenra forza do ourizo cacho, cun humor revelador, lírica ou enxeñosa retranca, con nós-palabras reconstruíndonos no país da linguaxe, coa lingua que fala con/de nós. Como di Depósito, Made in Galiza é literatura da boa ao tempo que un instrumento para encarar con recursos, nas aulas e (cara a) fóra delas, o conflito sociolingüístico e para a percepción crítica da desfeita da diversidade. Humor-reflexión, provocación-terapia, incitación á creación vivencial: quen non lle vai tirar partido?
Chuzame! chúzame -

Comentarios (3)

facer e falar para facer falar

Wikispaces

O traballo por proxectos ou tarefas cohesionadas pode ser unha opción (entre outras) con potencialidades para traballar as actitudes lingüísticas, aspecto clave na nosa materia. Opción metodolóxica que semella ter aínda escasa presenza no ensino medio, sobre a que cómpre reflexionar aínda moito e coa que se debería experimentar máis, ao meu entender. Por iso, abriuse un wiki que recolle unhas coordinadas elementais, unha serie de actividades dinámicas susceptíbeis de ser incorporadas aos proxectos centrados na oralidade e nos contidos sociolingüísticos do currículo, tres proxectos con trazos ben distintos en fase de planificación e unha páxina para reflexións e propostas varias. A iniciativa é de ligamabitácora, si, mais un espazo colaborativo coma este fica sempre aberto ás achegas de todas e todos: é só premer en editar e contribuír á reflexión-acción.
Chuzame! chúzame -

Comentarios

Respostas á medida

Comentarios

Proposta de banco de actividades

Faise preciso aproveitar as tarefas colaborativas e de investigación que propoñen moitas webquest (non todas) de lingua e literatura. Os roles -xornalistas, recitadores/as, biógrafos, guías turísticos, etc.-, o tipo de labores a realizar e a forma de aproveitar materiais e recursos son ben plurais e motivadores, adaptábeis a outros traballos, con e sen tecnoloxías da comunicación e información.Por iso estaría ben contar cun banco de actividades realizado a partir da revisión de diversas webquest no que se recollan eses datos e as fontes correspondentes. Algúns enderezos a visitar serían os seguintes:

Phpwebquest galego

Phpwebquest portugués

Comunitat catalana de webquest

InstantWebquest galegoportugués e español

Weib Balears

Edugaliza

Aprendendo na internet

FPA

EducAragón

Bitácora sobre webquest en español

O banco pode ser unha boa base para o deseño e a experimentación na aula de actividades innovadoras. Leva o seu traballo, mais pagaría a pena.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Reorientación das axudas aos ENL

Política Lingüística xa fixo pública a convocatoria de axudas para os proxectos dos equipos de normalización (consulta no DOG). Por vez primeira van ser valorados (e, daquela, suponse que incentivados) aspectos fundamentais como a implicación dos membros da comunidade educativa no proxecto, a orixinalidade das propostas para incidir nos usos orais e escritos, a utilización das novas tecnoloxías ou a colaboración con outras institucións e outros centros. O seu peso na cualificación do proxecto será dun 70%. Parece que se centra, pois, o camiño dunha axeitada planificación e dinamización lingüísticas. Agora precísanse os apoios institucionais correspondentes e as ferramentas e recursos tan demandados. E que non se demore a resolución.
O prazo para a presentación das solicitudes remata o 29 deste mes.
Chuzame! chúzame -

Comentarios

O ENTRANS e a docencia

A Consellería de Educación, en colaboración coa de Innovación e Industria, oferta unha actividade de formación que permite poñerse ao día nos distintos proxectos institucionais galegos polo software libre, participar na súa "localización" a través da ferramenta ENTRANS e bosquexar as súas posibilidades didácticas. Trátase, pois, dun curso innovador que pode abrir interesantes vías de traballo, sempre e cando o permitan as condicións e dotacións dos centros, claro. Porque o verdadeiro interese da proposta sitúase máis alá da colaboración na tradución de aplicacións informáticas: na revisión textual por parte do alumnado, no emprego dos propios programas en labores de aula, etc.
A actividade leva por título ENTRANS: a lingua galega e a tradución do software libre para Galicia (pódese descargar aquí en .pdf ou consultala no Sistema de xestión da formación do profesorado). Ten unha fase presencial o día 9 de marzo e outra a distancia do 12 ao 19.
Chuzame! chúzame -

Comentarios

Son ou non son

Cando inserín a campaña Eu son no Taboleiro da marxe, considerei a posibilidade de introducila nunha postaxe con comentario, pois semella máis ben un envío de material diverso aos centros educativos de ensino infantil, aínda que con protagonistas e obxectivos compartidos. Labor que está obrigada a realizar a Administración con tanto empeño, cando menos, como o que lle adica ao impacto mediático.
Mais, xa non pode ficar só como entrada no Taboleiro, pois o mesmo día sabemos que a Consellaría de Educación parece que agora non pensa incluír a aprendizaxe da lectoescritura en galego no novo Decreto de galeguización do ensino. Semella que estamos diante dun abaneo, no proceso de elaboración do Decreto, producido por unha nova conxuntura política e polo cambio dun eco de paro estudantil por outro de Plataformas por la libertad del idioma. E a cousa promete continuar.
Mais, ningunha campaña nin ningún feixe de materiais (aínda que sexan tan atractivos e favorecedores do intercambio comunicativo coma estes dos Bolechas) poden substituír as -necesarias- medidas reais de normalización. Iso que chaman decisións políticas. E que hai que condicionar.
Porque a potenciación do idioma parece ficar neste tipo de cousas.

ENGADIDO a 14/02/07: Postura d'A Mesa en relación coas negociacións, contidos e prazos do novo Decreto. Breve contextualización en Vieiros.
ENGADIDO a 23/02/07: Acordo entre as forzas políticas para tirar en breve o Decreto (de mínimos). Síntese e PDF do Borrador.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Entrar en materia

A maior satisfacción que un recibe cando se decide a editar un blog centrado na súa materia de ensino é atopar espazos de intercambio con preocupacións e obxectivos próximos. A rede é un ámbito óptimo para complementar o, sempre escaso, labor colaborativo e reflexivo que se realiza nos Centros, nas actividades de formación, nos círculos de amizade...
A este blogueiro anímao observar como abrollan novos espazos para o debate sobre a lingua, para a actualización didáctica, para compartir materiais, recursos e ideas. E como antesala do blog mestre, blog de aula ou caderno dixital colectivo (caso de Mensaxe nunha botella ou Revolta da freixa), desenvolvemento "natural" se o medio for favorábel.
En todo caso, é precisa a participación, dunha ou doutra maneira, nesta procura que emprega a rede para ser máis efectiva, sen ser ese emprego, por suposto, a finalidade. Un/unha non pode ficar á marxe porque no seu centro haxa só unha sala de ordenadores (aula TIC?) e estea sempre ocupada. Hai que reclamar máis medios, xaora, mais a clave é unha didáctica innovadora adaptada ao contexto.
En fin, todo isto é só para saudar dous gromos vizosos: encerado dixital e Materia de lingua. Para visitalos a miúdo e participar.
E para os que estean pensando en sumarse con edición propia, Materia de lingua inclúe unha guía moi clara sobre os blogs como recurso para lingua e literatura (tomada de Depósito). Que medre.
ENGADIDO: Materia de lingua é un blog experimental creado nunha actividade do CFR d'A Coruña e non parece ter continuidade.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Longa lingua compartida

Saudamos a saída da revista Longa Lingua, editada pola Mesa e que vai ter presenza en moitos centros de ensino. Así, na presentación do número 0 desta publicación sobre lingua e sociedade declarouse que un dos obxectivos "é servir de material de traballo para os equipos de Normalización Lingüística dos institutos e colexios, incluíndo xogos e unidades didácticas, e servindo de lugar de intercambio para a comunidade educativa, á que se convida a participar activamente na publicación". Actuación con propostas concretas que pode e debe sumar o seu no máis que necesario (e establecido polo PXNL) cambio de rumbo nas accións de moitos equipos -a esperanza do futuro labor dos e das coordinadoras de área dos ENL aínda tardará en facerse palpábel.
Editarase mensualmente e contará cunha boa tiraxe: 5.000 exemplares. Por suposto, parabenizamos A Mesa.
Chuzame! chúzame -

Comentarios

Fronteiras

Vieiros informa hoxe da campaña da Plataforma pola Recepção das Televisões Portuguesas na Galiza.
Mais, xa no 2005 o Consello de Europa, na súa avaliación do grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Minoritarias, deixaba en evidencia a falta de vontade do Estado no referente á mellora da relación entre a Galiza e Portugal e no que atinxe ao respecto á "liberdade de recepción directa das emisións de radio e televisión dos países veciños nunha lingua utilizada baixo unha forma idéntica ou próxima dunha lingua rexional ou minoritaria" (art. 11.b). E xa nese momento a Plataforma realizou as reclamacións oportunas aos gobernos español e galego.
Nesta liña, o MDL solicitara o 24 de xullo do ano pasado a realización de trámites e negociacións por parte do goberno da Xunta para a recepción en aberto das radios e televisións portuguesas en todo o territorio galego (e da RG e da TVG en Portugal).
É esta, penso, unha cuestión de mínimos, que, casualmente, non asumen os que se enchen a boca coa necesaria inexistencia das fronteiras (unidireccional e para o capital e o ocio), e non ten por que estar marcada por determinados posicionamentos ideolóxicos, ben sexa lingüísticos, ben políticos. A necesidade do plurilingüismo (mesmo concibido de xeito tendencioso como fan aqueles: só o das linguas útiles para a mobilidade e, ao resto, para o negocio) é un argumento máis que de peso para tirar abaixo o muro da raia; entendamos que por necesidade de aprender outras linguas ou por osixenación da nosa.
Máis alá da calidade das televisións portuguesas (que os nosos propios veciños non aprecian demasiado), só poder as nosas fillas e fillos ver algunha serie de desenhos animados -hai algún aceptábel- en portugués faría caer, se non fronteiras, si máis de unha barreira e vacinaría contra asociacións prexuizosas. Polo de agora, se un/unha non é arraiano nin ten parabólica, ten que se conformar con poñerlles cousas coma esta.
Mais nos cimentos dese muro da raia están razóns simbólicas e comerciais ben armadas.
Ah, e para cando unha segunda canle de calidade na TVG?

Engadido a 30/01/07. Este é o sitio da campaña actual, con banners coma o seguinte:
Este stio apoia a iniciativa da Plataforma para a Recepçom das Televisões e Rádios Portuguesas na Galiza

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Souto, Carballeira, Toxal… Anxo e Anxela

Hoxe presentouse en Compostela Non queimes o futuro, proxecto coordinado pola AS-PG que ofrece material didáctico interdisciplinar (paineis, DVD e unidades didácticas con guía para o profesorado) para a concienciación sobre as medidas de prevención fronte o lume. Púxolle o ramo ao acto o ecoloxista, pacifista... e contacontos Anxo Moure (vede esta presentación súa en Terr@ctiva), con historias con moito contido crítico, suxestión e humor. Con gomada en moitas escolas, na rede ten os Contos solidarios, iniciativa de Bicis pola paz, ONGD fundada por el.
Produto da colaboración de catro Consellerías, unha delas Educación, tamén se vai presentar este luns o programa Polo monte, que inclúe un proxecto de innovación educativa con diversos protocolos, entre eles o de estudo da microtoponimia.
Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 « Previous entries Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 · Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 Next entries »Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4