….. na procura de prácticas didácticas coas TIC en lingua e literatura

Archives for formación category

Mapa da experiencia 07-08

Seguimos ollando atrás (e un pouco o embigo colectivo) para pechar o curso con este mapa -despregábel- da nosa experiencia.

Manexo do flash

Son grandes as expectativas abertas pola actividade de formación ofrecida pola CIG-Ensino Flash como ferramenta didáctica, posto que se pretende conxugar técnica e uso pedagóxico desta tecnoloxía. Agora ben, temos a posibilidade de manexar directamente o flash -o que non é o mesmo que usar ferramentas, web ou de autor, que funcionan con flash- para confeccionar recursos sen ter que acudir aos programas máis complexos (caso do Adobe Flash, por exemplo). Se un/unha non precisa facer grandes primores, a aplicación web The Effect Generator permite crear de xeito bastante doado animacións con textos, ademais de slideshows, etc. e logo publicar os resultados. Para traballar no computador, xa se recomendou aquí (véxase a anterior Pequena presentación dos medios e xéneros xornalísticos) o software AnFX, gratuíto durante 15 días, período que sobra para dominalo e tirarlle partido se dispoñemos de algo de tempo. Xustamente, estamos a botar man destes instrumentos nun grupo de traballo sobre a mellora da escrita, e o aspecto que nos levou a eles foi a exemplificación con certa interactividade da revisión de textos con certa extensión; velaquí unha mostra mínima das posibilidades de cada un:

Con AnFX


Con The Effect Generator

Tíraselles rendemento no ensino ás aplicacións que permiten realizar presentacións multimedia (imaxes con música, imaxes con texto oral ou escrito, etc.); pero máis aínda se nos permiten, non só engadir elementos existentes na rede ou documentos do computador, senón tamén elaborar outros sobre o proceso de composición e combinalos; e sobre todo se é posíbel xuntar ou fusionar imaxe, audio, vídeo e escrita; mais, por que non ter as nosas creacións (e outras alleas) nunha lista de exhibición? Pois todo iso, de xeito ben simple, é posíbel facelo con SplashCast. Se a nosa finalidade é que o alumnado constrúa coñecemento traballando diferentes códigos, de xeito creativo e sen complicacións técnicas, esta ferramenta semella idónea. Desde a simple integración á exposición multimedia áxil.

Para achegarse, pódese asistir a este titorial en galego, dirixido ao alumnado, que subimos a ´agorarede:

Titorial de SplashCast

Non é a primeira vez que comentamos entre colegas o feito de que hai unha enorme oferta de ferramentas na rede para o ensino e que o principal é facer unha boa escolla, e non querer xogar con todas, cousa imposíbel ademais. Mais un anda á procura das que, sendo funcionais e atractivas, non nos compliquen moito a vida. Por iso, estou a integrar no traballo o eXe eLearning (véxase o artigo correspondente de ensinolgl, blogue de apoio ao labor colectivo que estamos a iniciar nun PFAC no centro) e mais o Scratch.
O eXe é unha ferramenta moi doada de empregar e, ademais, adaptábel ás nosas necesidades se temos algúns coñecementos de html. Ten pouca variedade de actividades, si, mais ao seren deseñadas estas con procesadores de texto e exportarse o resultado como páxina web, podemos incluír calquera complemento que precisemos. Unha das actividades que realicei, sinxeliña, é esta sobre unidades e funcións oracionais.
O Scratch está pensado máis ben para que o alumnado, xa na Primaria, programe el mesmo animacións, pois é moi intuitivo. E ten moitas máis potencialidades para as matemáticas e disciplinas que xogan con conceptos espaciais. En calquera caso, non está mal para animar historias e facer presentacións. Isto último foi o que pretendín con esta centrada no xénero da entrevista (dura uns 10 minutos; en Firefox e en IExplorer funciona, en Flock parece que non). Como se ve, pódese aloxar na propia páxina de Scratch -tamén, conseguindo un applet, en calquera outra páxina- e, se un se inscribe, pódense baixar os proxectos que queiramos e fedellar neles para ver como foron construídos (esa é a mellor guía) ou modificalos (están baixo Creative Commons, iso si).

Grazas á presentación feita por Román no wiki donaurelio, chego ao admirábel traballo do Seminario Permanente do IES A Sangriña, resultado do proxecto interdisciplinar Elaboración de material didáctico multimedia e interactivo, A auga, aplicacións enerxéticas na Galicia preindustrial. Coas miradas atractivas da Xeoloxía, a xeografía e historia, a lingua galega e literatura, a tecnoloxía e a matemática, logo dun labor inxente.
Ademais, é para subscribir o que se recolle na memoria do proxecto:
Debería haber un sistema de difusión dos recursos que se elaboran, tanto nos seminarios permanentes como nos grupos de traballo, eficiente que permitira que traballos como o noso tiveran a difusión que merecen.
A Xunta e os Centros de Formación de Profesorado deberían ter grupos estables de traballo dedicados á elaboración de contidos en galego coa liberación horaria suficiente para garantir a eficiencia dos grupos.
É un problema grave á hora de elaborar contidos multimedia e interactivos para a rede o non dispoñer das ferramentas informáticas necesarias, a administración educativa tiña que tratar de resolver este problema poñendo a disposición dos grupos de traballo e investigación, ademais dos medios materiais, o software necesario para o desenvolvemento dos recursos multimedia.
O efecto motivador que observamos que ten o recurso elaborado fronte ao alumnado e o resto cidadáns permítenos afirmar que a administración educativa debe poñer especial fincapé na elaboración e uso de materiais multimedia e tecnoloxías da información e comunicación.

Outros recursos e materiais, na aula virtual do centro.

Unha vez que botou a andar o noso blogue da aula, varias compañeiras e compañeiros interesáronse polas potencialidades didácticas desta ferramenta. Dificilmente se pode falar dunha experiencia recén encetada, o cal sería precipitado e pretencioso, mais si mostrar -para compartir- algúns dos pasos previos que considero necesarios.
En primeiro lugar, foi preciso coñecer distintas experiencias (en blogues da aula -aproveitamos a sistematización de Felipe Zayas- , especialmente) e as reflexións ao respecto, normalmente nos blogues de docentes, que poden conectar ou non directamente cos da aula. Experiencias e reflexións como as aquí ligadas no sidebar da dereita ou as recollidas nun artigo anterior e que permiten achegarse a diversos enfoques e usos didácticos das TIC. O que cómpre complementar con visións máis de conxunto, como este especial de Vieiros da Escola (número 16) ou algunhas presentacións en slideshare. Unha mostra destas:

Nese proceso de aprendizaxe da experiencia dos demais (sempre aberto), acompañado dun progresivo cambio de mentalidade -moi ben recollido por Sebastiá Giralt-, agroman axiña posibilidades para a nosa práctica na aula e procuras de respostas ás cuestións máis técnicas. É dicir, xorde a necesidade de concretar que facer e de saber como. Porque o para que está ben claro: para compartir e tentar mellorar a aprendizaxe e a motivación do alumnado, aceptando que calquera, incluíndo pais e nais, pode coñecer, avaliar e criticar o noso traballo.
Toca entón conectar con colegas con inquedanzas ao respecto, entrar nos debates na rede (por exemplo, participando nos comentarios aos artigos ou postaxes máis interesantes dos blogues visitados), sumarse á formación colaborativa ou impulsala… E experimentar cos blogues, intentar abrir algún para remexer e probar, pois sempre poderemos modificar ou eliminar o feito. Para isto, hai distintas plataformas: blogaliza, blogoteca, nireblog, blogger, wordpress…, todas elas con guías, coma esta da blogoteca, con aínda máis axuda no blogue Depósito. Eu optei por blogger, traballando internamente en (galego)portugués, porque permite acceder ao html, mais recomendo unha das tres primeiras plataformas.
Tras practicar e explorar vieiros desde este mesmo espazo, decidín crear un blogue da aula (compartido por todos os terceiros da ESO, mais con seccións para cada un deles) e planificar, integrándoo no “programa” da materia, o seu emprego por parte do alumnado, que está xa a ser o editor principal. Por un lado, incluíronse ligazóns con algúns dos sitios que haberá que visitar para realizar determinadas tarefas na rede (webquest, etc.) e un espazo fixo para ter sempre a man a guía do que hai que facer. Por outro lado, abríronse tantas contas para o acceso á edición como grupos temos establecidos dentro de cada aula, de xeito que o alumnado poida seguir funcionando colaborativamente cos computadores, facer público directamente o resultado das distintas fases dos proxectos desenvolvidos, interaccionar e autocorrixir as súas producións. Os documentos de referencia estanse aloxando en thinkfree e mais no wiki de 2º de Bacharelato.
Comezouse así a facer camiño, mais este é interminábel. Porque o traballo cos blogues no ensino permite, non só encarreirar o acceso ás fontes de información e a distintos recursos, senón tamén integrar e debullar didacticamente moitas outras ferramentas da chamada web 2.0 para o tratamento, a creación, a xestión e a presentación de contidos: desde CMap Tools (titorial) a Slidestory (titorial), por citar dúas. Algunhas móstranse de xeito esquemático en Educativa, de maneira moi clara e experiencial nesta recompilación de Lourdes Domenech e con máis amplitude en moitas bitácoras sobre as TIC e o ensino: Educação 2.0, Bitàcola deMestra Tic, etc.
Máis referencias para todo o anterior pódense atopar no wiki de inforensino creado por Carlos Santos.
A 15/10/07, máis ligazóns: estes foguemaps de Vilatersana e Fazendo BLOGS.

Unha cita case obrigada para moitos docentes no mes de setembro constitúena desde hai xa ben tempo as Xornadas da CIG e a AS-PG. Nos Encontros pedagóxicos de Compostela teremos a oportunidade de explorar na práctica o uso dos blogues e podcast no ensino, en especial no da lingua. Iso logo de escoitar a Xulio Rodríguez falar do traballo por proxectos (enfoque didáctico que desenvolven as Xornadas da Coruña, nas que tamén están presentes as TIC).
Xulio Rodríguez, por certo, ten reflexionado sobre a necesidade do uso crítico e activo (participativo, creativo, colaborativo) das novas ou adultas tecnoloxías. Empregalas para transmitir coñecemento doutro xeito, simplemente, ou facer as mesmas actividades mecánicas en distinto soporte, de pouco serve e é un esforzo para o profesorado (aprendizaxe e práctica previa, programación, etc.) sen moito rendemento. Porén, cando se descobren potencialidades didácticas concretas na organización da aula, na construción de coñecemento, na apertura de motivacións, proxectos e recursos expresivos e comunicativos, na ampliación da interacción reflexiva e da difusión…, a (seguramente ampla) dedicación sempre paga a pena. A este respecto, hai enriquecedores intercambios de opinión na rede coma este.
Ao lado doutros obradoiros, como o de literatura, impartido por Ramón Caride, con experiencias non só no seu centro, o traballo cos podcast guiarano Estíbaliz Espinosa -ou mmmm, impulsora do caderno dixital Mensaxe nunha botella- e o pailán e chuceiroModesto del Río. É claro que á maioría cómprenos un (maior) achegamento aos seus aspectos técnicos e aos recursos dispoñíbeis, mais calquera pode atopar en internet guías (Podgalego aínda está a traballar no tema, pero aí está a de Lourdes Barroso, por exemplo) que lle posibilitan a calquera situarse en pouco tempo. Nin sequera é necesario saber manexar programas para o tratamento do son como Audacity, a web 2.0 ofrece alternativas. O que realmente é preciso é coñecer experiencias didácticas, valorar propostas e bosquexar proxectos, cousas que acertadamente parecen recollerse no programa do obradoiro.
O traballo dos distintos xéneros orais, da realidade sociolingüística ou da literatura poden reforzarse con este recurso, aproveitando dalgún xeito o publicado (por areias sonoras, Pablo Torreira…), mais sobre todo coa creación planificada e o intercambio por parte do alumnado. Contamos poder facer este tipo de cousas e ampliar estas referencias no obradoiro.
E a AS-PG seguirá a potenciar a súa aplicación didáctica co I Concurso de Podcasts Lingüísticos Artísticos.
_________
E de aí ao videopodcast. De gzcontrainfosgz:

Video thumbnail. Click to play

 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.