A información en clips


Dedicámonos no proxectiño deste trimestre en 4º a mellorar a selección, clasificación e tratamento da información co fin de elaborar un xénero textual. Pretendemos sistematizar un pouco máis estes aspectos competenciais clave nos que aínda nos queda bastante por andar.

Así, foi posíbel que cada grupo escollese, non só a temática, senón o seu propio xénero (anotación de guía, tríptico e artigo, cos que o alumnado xa estaba relativamente familiarizado) compartindo o proceso de traballo. O grao de motivación cunha proposta deste tipo é, evidentemente, elevado e apréciase na implicación diaria. Ao que contribuíu a escolla, con votación, da ferramenta de marcadores sociais na actividade inicial.

E é precisamente o servizo web elixido, Clipboard, o que quero salientar aquí. Máis alá da organización dos favoritos fichados en cartafoles atractivos visualmente (ao xeito de Pinterest), é especialmente útil a opción de crear anotacións -cun editor xeitoso- que poden reclipearse (copiarse) para facelas propias e reeditalas. É a maneira máis doada e eficaz que coñezo de ofrecerlle ao alumnado táboas para cubrir ou documentos base sobre os que traballar directamente na rede, neste caso mesmo a carón dos marcadores que vai ter que empregar para enfrontar a actividade. Todo iso nun contorno de rede social que facilita o traballo colaborativo e mais o seguimento do labor realizado.

En calquera caso, tamén hai algúns aspectos menos positivos:

  • só é posíbel engadir favoritos co botón do navegador (iso si, guíase a -rápida- instalación)
  • insire os clips como privados por defecto (cómpre premer, entón, en Publicar)
  • non acepta tiles nas etiquetas

Os resultados poden perfectamente gardarse en Clipboard nun cartafol de producións, mais nós temos sitios específicos para trasladar e darlle un formato final ás producións. Niso estamos agora e queda para outra.