Escoller libro de texto na ESO

Sen dúbida, a elección do libro de texto é unha das decisións que crea máis controversia nos centros. Aínda tendo como centrais os aspectos pedagóxicos, son moitos os factores que entran en xogo e deberiamos contar cuns criterios compartidos baseados no currículo á hora de facer a escolla, mesmo asumindo que o máis importante é o uso que lle saibamos dar ao libro. E, se ben é certo que resulta máis cómodo decidir por exclusión tras unha cata máis ou menos extensa, cómpre debullar un pouco eses criterios para facernos máis conscientes do valor desta ferramenta e das necesidades que haberá que atender.

Sabemos tod@s que o máis acaído é prescindir do libro de texto, pois este nunca pode integrar suficientemente os diversos elementos da aprendizaxe, mesmo que sexa dixital, nin permite adecuar as propostas ao contexto real. O ideal é o traballo con proxectos que teñan sentido para o alumnado (facer un estudo para enfrontar carencias sociais do contorno, realizar un informe para presentar -realmente- á prensa, elaborar unha guía na web que sexa útil para os demais, crear un vídeo para un evento programado no centro ou fóra del, etc.), sen obviar a reflexión e sistematización. Iso mesmo, con implicación de varios departamentos, pretendemos deseñar nesta altura no meu centro para 1º ESO e é un labor verdadeiramente ilusionante. Mais iso é o ideal; a realidade soe ser moi outra.

Velaquí, entón, a nosa escolma de criterios que cremos axustados ao que pode dar de si un libro didáctico. Evidentemente, non se trata de avaliar o labor dos e das compañeiras que crean o material -sempre admirábel-, senón a proposta didáctica da editorial.

  • As unidades teñen xustamente unidade e coherencia grazas ao traballo dun xénero textual ou a conexións parellas, evitando a atomización. Secuéncianse os contidos segundo as necesidades de uso e non seguindo criterios filolóxicos.
  • Ofréceselle ao alumnado ao comezo da cada unidade os obxectivos principais e os criterios de avaliación.
  • Posibilítase coa achega de criterios a autoavaliación do traballo realizado.
  • Contén propostas de construción textual e guíase o proceso (contextualización, planificación…) con apoios.
  • Inclúense tarefas relevantes (en proxectos ou traballos) con actividades de investigación, selección, análise, organización, integración, presentación… de contidos.
  • Apréciase progresión nos procedementos e nas destrezas necesarias.
  • Os contidos conceptuais son os xustos, sen excesos nin lagoas.
  • A exposición de contidos é clara e non contén inexactitudes. Preséntanse ben as causas, sobre todo as históricas.
  • Hai un marco de referencia propio no que se liga o galego co universal.
  • Intégranse (a través de textos, imaxes, recursos…) as producións e situacións de fortaleza da lingua: música actual, creación na rede, presenza nas tecnoloxías, etc.
  • A reflexión gramatical baséase na indución ou inferencia sobre os usos textuais.
  • Os conceptos gramaticais son os adecuados aos tipos e xéneros textuais traballados e encamíñanse á mellora da comprensión e expresión.
  • Incorpóranse textos reais, atractivos e de distintos ámbitos e xéneros.
  • A complexidade dos textos é a adecuada para a idade do alumnado.
  • Inclúense abondos textos orais (no soporte pertinente, non transcritos) incorporados ao labor na aula.
  • Concédeselles suficiente relevancia ás actividades de produción oral: intercambio de ideas, xéneros radiofónicos e audiovisuais, xogos de expresión, exposición de resultados de tarefas, etc.
  • Trabállanse os condicionamentos do uso e valoración sociais da lingua.
  • Afróntanse a través de dinámicas as necesidades de superación dos prexuízos lingüísticos actuais.
  • Facilítase a reflexión e a procura de alternativas ante as mensaxes sociais discriminatorias.
  • A educación literaria parte dos textos integrando produtivamente o contexto.
  • Hai propostas de (re)creación de textos literarios baseadas nos seus recursos.
  • Fanse suxestións e guías de lectura de proveito.
  • Hai achegamento a outras linguaxes estéticas, ademais da literaria.
  • Intégranse as competencias básicas con actividades cooperativas, orientacións para a lectura crítica da realidade, manexo das TIC… en procesos de traballo, non como simple anexo.
  • A presentación e o deseño son funcionais, motivadores e atraentes.
  • Déixase marxe para que o/a profe elixa e adapte.

Crédito da imaxe