….. na procura de prácticas didácticas coas TIC en lingua e literatura

Archives for didáctica category

O profesorado do ámbito educativo no que me movo, no centro e na rede, teno claro: o traballo coas TIC, para o desenvolvemento de múltiples competencias, especialmente a dixital, ten que ser unha das prioridades do ensino; porén, os e as docentes enfróntanse co ensino-ficción: as dotacións chegan a ser ridículas e os apoios e incentivos para a formación insuficientes. Medidas, a dotación e a formación, recollidas de xeito explícito no acordo de goberno (pdf), por certo, e semella que só con certa implementación no ensino infantil. Alén disto, nos contextos nos que se pode empregar didacticamente os computadores, non soe haber suficiente cobertura institucional, nin recoñecemento axeitado e difusión decente dos resultados.

E continúo co discurso reiterado: todo o anterior impide que teñamos un amplo abano de recursos e experiencias produto da nosa realidade. De aí (e non de motivacións personalistas) vén o empeño dun número cada vez maior de docentes con presenza na rede en facer achegas e en darlle a maior difusión posíbel a aqueles resultados, nalgúns casos de enorme valor e silenciados incomprensibelmente polas instancias educativas. Instancias, poñamos por caso a Inspección, interesadas máis ben só polo control de cuestións burocrático-formais. Algunha excepción hai, mais teñen que ser os responsábeis educativos quen aposten por cousas deste tipo.
Por iso, é un pracer contribuír ao espallamento de materiais coma os que Rosa Salgueiro pon a disposición de todas e todos en Na punta da lingua. Especialmente Hortografía. O cultivo das palabras: un negocio con futuro, onde se lle tira partido de xeito extraordinario ao Hotpotatoes e ao Ardora para posibilitar a reflexión sobre a lingua (sen obviar as propiedades textuais) e que remata moi acertadamente cunha webquest, posto que a mellora real da expresión escrita require abordar procesos de planificación, composición e revisión.
Por iso, tamén, comprace descubrir novos espazos de intercambio como a Wikiescola e albiscar unha nova realidade na que pasemos a colaborar de maneira máis estreita en plataformas comúns, desde as que lle tamén facer demandas á Administración.

boomp3.com
Voz creada con Cotovía.ENGADIDO: Na punta da lingua blogue. Rendemento dobre. Obrigados, Rosa.

Esta semana houbo que presentarlle ao alumnado a organización dos contidos da materia que seguiremos no presente curso. E tiramos por un dos camiños máis arriscados: unha serie de proxectos de traballo para desenvolver á marxe do libro de texto ou, en todo caso, empregándoo como un material máis (ai, ai, xa se falou aquí deste asunto; e tras facer os comentarios oportunos na aula, unha alumna deixa caer o que paira sobre case todo o mundo: pero así vai ser imposíbel acabar o libro de texto!).
Para realizar esta “programación”, atendéronse, entre outros, os seguintes criterios:
  1. Deseñar proxectos que poidan adaptarse aos intereses do alumnado e ás necesidades que vaian xurdindo.
  2. Permitir o traballo dos máis diversos xéneros textuais.
  3. Integrar plenamente na dimensión comunicativa a reflexión (sistemática) sobre a lingua, por outro lado nunca arrombada ao atender todo o proceso de produción textual en todos os proxectos.
  4. Abordar a sociolingüística e a educación literaria desde tarefas sobre todo investigadoras e produtoras.
Pódese consultar o documento inicial completo no blogue dos terceiros da ESO.

Por certo, non puiden asistir ao curso sobre podcast, mais está claro que é unha magnífica ferramenta para potenciar os enfoques sociocomunicativos, polo que non quedou outra que facer algúns deberes. Como comprobar que con ClickCaster non fai falta titorial ningún nin case outros complementos; ou como ampliar o abano de propostas e experiencias didácticas recollidas na rede. Algunhas recomendábeis:

Unha cita case obrigada para moitos docentes no mes de setembro constitúena desde hai xa ben tempo as Xornadas da CIG e a AS-PG. Nos Encontros pedagóxicos de Compostela teremos a oportunidade de explorar na práctica o uso dos blogues e podcast no ensino, en especial no da lingua. Iso logo de escoitar a Xulio Rodríguez falar do traballo por proxectos (enfoque didáctico que desenvolven as Xornadas da Coruña, nas que tamén están presentes as TIC).
Xulio Rodríguez, por certo, ten reflexionado sobre a necesidade do uso crítico e activo (participativo, creativo, colaborativo) das novas ou adultas tecnoloxías. Empregalas para transmitir coñecemento doutro xeito, simplemente, ou facer as mesmas actividades mecánicas en distinto soporte, de pouco serve e é un esforzo para o profesorado (aprendizaxe e práctica previa, programación, etc.) sen moito rendemento. Porén, cando se descobren potencialidades didácticas concretas na organización da aula, na construción de coñecemento, na apertura de motivacións, proxectos e recursos expresivos e comunicativos, na ampliación da interacción reflexiva e da difusión…, a (seguramente ampla) dedicación sempre paga a pena. A este respecto, hai enriquecedores intercambios de opinión na rede coma este.
Ao lado doutros obradoiros, como o de literatura, impartido por Ramón Caride, con experiencias non só no seu centro, o traballo cos podcast guiarano Estíbaliz Espinosa -ou mmmm, impulsora do caderno dixital Mensaxe nunha botella- e o pailán e chuceiroModesto del Río. É claro que á maioría cómprenos un (maior) achegamento aos seus aspectos técnicos e aos recursos dispoñíbeis, mais calquera pode atopar en internet guías (Podgalego aínda está a traballar no tema, pero aí está a de Lourdes Barroso, por exemplo) que lle posibilitan a calquera situarse en pouco tempo. Nin sequera é necesario saber manexar programas para o tratamento do son como Audacity, a web 2.0 ofrece alternativas. O que realmente é preciso é coñecer experiencias didácticas, valorar propostas e bosquexar proxectos, cousas que acertadamente parecen recollerse no programa do obradoiro.
O traballo dos distintos xéneros orais, da realidade sociolingüística ou da literatura poden reforzarse con este recurso, aproveitando dalgún xeito o publicado (por areias sonoras, Pablo Torreira…), mais sobre todo coa creación planificada e o intercambio por parte do alumnado. Contamos poder facer este tipo de cousas e ampliar estas referencias no obradoiro.
E a AS-PG seguirá a potenciar a súa aplicación didáctica co I Concurso de Podcasts Lingüísticos Artísticos.
_________
E de aí ao videopodcast. De gzcontrainfosgz:

Video thumbnail. Click to play

Wikispaces

O traballo por proxectos ou tarefas cohesionadas pode ser unha opción (entre outras) con potencialidades para traballar as actitudes lingüísticas, aspecto clave na nosa materia. Opción metodolóxica que semella ter aínda escasa presenza no ensino medio, sobre a que cómpre reflexionar aínda moito e coa que se debería experimentar máis, ao meu entender. Por iso, abriuse un wiki que recolle unhas coordinadas elementais, unha serie de actividades dinámicas susceptíbeis de ser incorporadas aos proxectos centrados na oralidade e nos contidos sociolingüísticos do currículo, tres proxectos con trazos ben distintos en fase de planificación e unha páxina para reflexións e propostas varias. A iniciativa é de ligamabitácora, si, mais un espazo colaborativo coma este fica sempre aberto ás achegas de todas e todos: é só premer en editar e contribuír á reflexión-acción.

Avaliación

Dos erros sempre podemos aprender (sobre todo, a evitalos). Como do erro do enfoque expositivo do seminario sobre o novo currículo, nas Xornadas de lingua e literatura. Aínda considerando a necesidade de presentar contidos dificilmente encaixábeis nun proceso activo ou a escaseza de tempo. Porque, ademais, a reflexión colectiva final foi o máis interesante. Especialmente a referida á dificultade de avaliar proxectos.
E é que, segundo outra máxima repetida, aprendemos segundo nos avalían. E as/os docentes, aínda atendendo a avaliación inicial e a formativa en cada tarefa, temos sempre a preocupación por avaliar sumativamente coa maior “obxectividade” posíbel.
Hai estudos e experiencias en que apoiarse. De principio, dinnos que é conveniente situarse na perspectiva da avaliación reguladora (pdf). No proceso avaliativo de proxectos é recomendábel fixar criterios de realización das tarefas e niveis de logro (pdf), ademais de establecer os procedementos para a recollida de información, claro. Así, as valoracións sosteranse en xuízos de referencia criterial, o que permitirá ter constancia dos cambios nos niveis de logro competencial e deseñar estratexias de mellora.
E tanto na avaliación formativa (pdf), que se realiza durante a secuencia de actividades, como na final, baseada fundamentalmente nas producións de rendemento (informe, exposición oral, nova creación…), o alumnado debe tomar consciencia da evolución da súa aprendizaxe, de aí a necesidade de retroalimentación e autoavaliación (pdf).
Na concreción dos procedementos, semellan especialmente útiles, alén de escalas ou pautas de avaliación, os diarios de aprendizaxe -na liña dos portafolios (pdf)-, nos que o alumnado compila os seus traballos, borradores, reflexións, informes, etc. Todos eles están presentes nas orientacións para a avaliación desta secuencia didáctica (pdf).
Mais non abonda con criterios e ferramentas, aínda temos que valorar o peso porcentual de cada elemento para a avaliación sumativa, tanto dentro de cada proxecto como, sobre todo, ao final dun trimestre. Como no traballo con métodos máis convencionais.
Agora ben, interrogantes non faltan. Hai que evitar as chamadas probas obxectivas? Hai que “poñer” un proxecto final con maior peso do labor individual? Como abordar as recuperacións? ¿?
Unha lectura do que supón no ensino da lingua e da literatura un currículo baseado nas competencias básicas. É o material empregado no seminario Novo currículo de lingua galega e literatura. Implicacións e propostas didácticas, nas Xornadas de Lingua e Literatura.
As reproducións, en letra miúda, teñen que verse desde o propio slideshare, en full.

Prácticas discursivas

Á hora de deseñar calquera actividade para a aula que se afaste da aplicación mecánica de contidos, corremos o risco de caer nas ocorrencias, como di Ramón López Facal, nada pedagóxicas. Isto acontece sempre cos (necesarios?) libros de texto cando propoñen investigar e tirar conclusións sobre determinado aspecto (ás veces excesivamente complexo) sen abordar as dificultades de comprensión que ha atopar o alumnado, sen orientar a planificación do proceso e sen ofrecer recursos adecuados. E, en distinta medida, tamén soe acontecer isto en moitas propostas didácticas (as nosas incluídas) que non son resultado de proxectos desenvolvidos na aula durante un período suficientemente amplo para poder incorporar melloras. Porque aquel é labor do profesorado no contexto de cada centro e aula. Facerse cunha actividade que consideramos interesante, no soporte que sexa, e aplicala tal cal non garante o éxito da aprendizaxe, folga dicilo, aínda máis cando se trata de case só un bosquexo.

As secuencias didácticas contrastadas e centradas en tarefas concretas (que non por iso deixan de integrar contidos, como mostra Felipe Zayas) si poden ofrecer máis ferramentas e as liñas da programación das habilidades e coñecementos implicados na actividade comunicativa. Ou, cando menos, ofrecen unha ancoraxe experiencial que facilita a adaptación á hora de aplicalas. Alén de abrir portas á interdisciplinariedade.

Culturas literarias

Achegamos unha proposta de traballo coa literatura contemporánea en linguaprende, convencidos de que os proxectos (ou as situacións-problema) constitúen un dos mellores xeitos de desenvolver o proceso dialóxico imprescindíbel para entender e gozar coa literatura. Diálogo lector/a-texto-autor/a, diálogo coas culturas e visións do mundo do alumnado, co contorno cultural, co contexto histórico, con outros textos literarios, coas distintas lecturas (interpretativas e expresivas) das obras, coa creatividade transformadora de cada un e unha, cos rexistros e procedementos lingüísticos, etc. Para o descubrimento e a participación activa, claro.
Manter illados, ou só dispostos en paralelo, os tres grandes tratamentos da literatura -o historicista, o analítico ou de comentario de texto e o de fomento da lectura e a creación- non parece ser suficiente. En todo caso, hai iniciativas interesantes, como cazas do tesouro, os libros a exame ou obradoiros literarios.
 

About Author

Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.