Archive for competencias

Para medrar, en galego

Para todas e todos os que estamos no ensino, as circunstancias da saída do Decreto 124/2007 constitúen moito máis ca unha lufada que obriga a interpretar posturas e intencións retrógradas e descaradamente tendenciosas ou electoralistas-españolistas. O Consello Consultivo logrou atrasar (máis aínda) a súa saída, co que iso supón para a organización dos centros, e os ultrapopulares encirrar receos e oposicións. Os que nunca se preocuparon polo incumprimento do anterior decreto (nin sequera de mínimos) nin polos desniveis competenciais e temen que este, o do 50%, se aplique realmente. Por iso é aínda máis preciso o labor pedagóxico ao respecto por parte do profesorado, alén das medidas que tomou e terá que tomar a Administración. E para iso hai realidades irrefutábeis, como son:

  • - A LOE recolle claramente o obxectivo de capacitar para a comunicación nas dúas linguas oficiais na mesma medida, o que é imposíbel de lograr se non hai unha ampla presenza no ensino da lingua minorizada.
  • - Como ten reiterado A Mesa, "a Carta Europea das Linguas rexionais e minoritarias incide particularmente no carácter positivo da diversidade lingüística, como un elemento de cohesión e de valor engadido para as sociedades democráticas e, por conseguinte, salienta a necesidade de adoptar estratexias de conservación, desenvolvemento e promoción do uso das linguas minoritarias e minorizadas. A Consellaría de Educación ten obriga de adaptar a lexislación galega á normativa europea que sinala que o ensino en Galiza debe ter como vehículo normal o galego. A Carta Europea das Linguas, aprobada por unanimidade durante o Goberno do PP, forma parte do ordenamento xurídico do Estado español."
  • - Unha das competencias profesionais necesarias do profesorado é o desenvolvemento plurilingüe do alumnado, no marco dos obxectivos europeos, o que só se pode facer co dominio e uso escolar efectivo da lingua galega.
  • - Apostar por un ensino bilingüe/plurilingüe (e o contexto que establece o decreto semella que é o mínimo dos mínimos para tal cousa) supón evidentes e contrastábeis vantaxes para o alumnado ao desenvolverse cognitivamente: mellora das destrezas psicolingüísticas e intelectuais e do pensamento diverxente, unha orientación analítica, unha maior sensibilidade ante os sinais do contexto social na comunicación..., e máis recursos e habilidades para a aprendizaxe de novas linguas. E na sociedade actual as competencias comunicativas desenvolvidas neste modelo de ensino son fundamentais. Aí están os estudos científicos de Herdina e Jessner, Cummis, etc. Só un dato: a avaliación do programa bilingüe de Quebec realizado por Lambert e Tucker en 1972 demostrou que o alumnado tiña iguais ou mellores resultados có monolingüe na lingua dominante, ademais de adquirir a minorizada; avaliacións europeas dos programas de inmersión de Cataluña recollen conclusións parellas.

ENGADIDO A 22/07/07: Manifesto Ensino en galego.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Entre textos

Difícil papel o que nos agarda dentro das aulas de 1º e 3º da ESO, no ensino secundario, este próximo curso. Sabemos que teremos a obriga de concretar un currículo baseado en competencias, mais aínda non o coñecemos oficialmente (só o borrador-pdf-). Sabemos que teremos que desenvolver competencias básicas, mais carecemos de formación ao respecto. Sabemos que hai que decidir xa se se pon ou non libro de texto, e cal se se opta por empregalo, mais como apreciar a súa idoneidade a respecto do currículo? E sobre todo sabemos:

  • que unha (outra) reforma nunca terá éxito se non hai un proceso participativo e experimental previo
  • que nos imos enfrontar a un currículo-ficción: só pode ser un horizonte guía con vocación práctica se se debulla formativamente
  • que un currículo baseado en competencias implica importantes cambios na práctica docente e un grao tan elevado de incerteza soe traducirse en mera adaptación formal (máis traballo para o profesorado para que todo siga igual)
  • que os libros de texto, elaborados sen un tempo suficiente de reflexión e traballo, non responden aos cambios didácticos precisos
  • que o vindeiro curso ten que ser de transición á forza, mais cara a onde se transita así?

Diante disto, por textos que non quede:

  1. demandemos e organicemos formación colaborativa a este respecto nos propios centros (se falta, non hai verdadeira mellora da calidade educativa, e iso benefícianos a todos e todas)
  2. demandémoslle á Inspección idéntico empeño na avaliación (transformadora) dos contextos adversos de ensino e, en xeral, das necesidades educativas có que pon na revisión dos aspectos formais
  3. demandemos e experimentemos recursos para o traballo por proxectos, secuencias didácticas, obradoiros, tarefas... (iso si é facer un currículo innovador)
  4. demandemos disponibilidade e fagamos emprego das tecnoloxías da información-difusión e comunicación (TIC): blogues, wikis, webquest... (sempre para a reflexión, a motivación, a creatividade, a análise crítica...)
  5. se empregamos libro de texto (sempre cuestionados e agora máis prescindíbeis ca nunca, porén co sector editorial nunha situación delicada e coas familias dispostas a acollerse á gratuidade), que sexa un simple recurso, non armazón estruturante nin guía de actividades, e demandemos das editoriais bos materiais para o profesorado e da Administación maior apoio na súa elaboración.

[Imaxe tomada de http://photos1.blogger.com/blogger/2774/...]

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Multilingüismo

Unha cuestión aludida en anteriores entradas, mais non asentada, é a da concepción do multilingüismo no marco da educación europea.
Con palabras coma esa, igual que con normalización, por exemplo, cómpre precisar moito. Ese é o propósito deste relatorio sobre un novo cadro estratéxico para o multilingüismo, presentado polo eurodeputado de ERC
Bernat Joan i Marí.
[Para contraste, o documento anterior].
[Unha lectura desde Galiza, con bos argumentos, mais politicamente correcta: A Europa das linguas, en Europa, Europa]
[Para o ámbito educativo, pode ser moi clarificador o estudo El tractament de les llengües en un model d'educació plurilungüe per al sistema educatiu valenciá, de Vicent Pascual Granell. Para unha reseña, con segunda parte, ultralocàlia.]

Chuzame! chúzame -

Comentarios (2)

Galego(e)portugués no ensino

Falamos noutra ocasión do inconcibíbel muro da raia e da necesidade de abrírmonos de vez e en todos os ámbitos ao mundo luso.
No ensino, a presenza do portugués como lingua estranxeira é moi cativa e cumpriría, máis ben, incorporar a cultura en lingua portuguesa ás distintas materias, achegándose ás realidades daqueles ámbitos en relación cos contidos curriculares, empregando recursos en portugués, interaccionando con alumnado de expresión portuguesa, etc. Hai profesorado facendo estas cousas con normalidade desde hai tempo e hai experiencias exitosas como Ponte... nas ondas!, con froitos como os Meninos cantores. Os beneficios (socio)lingüísticos destas prácticas son múltiplos e innegábeis.
En lingua galega, é claro, é onde mellor se poden abordar (sobre a práctica cotiá, non adicando un día a presentar a lingua e cultura portuguesas) as dificultades derivadas do afastamento histórico, en primeiro lugar fonéticas e gráficas, e as causas e consecuencias dese afastamento.
A este respecto, a rede de centros bilingües(!?) da Consellaría, en teoría, integra o portugués (véxase a orde das seccións bilingües). Agora ben, a creación dunha sección bilingüe esixe a presenza do portugués como lingua estranxeira no centro, posibilitando que o profesorado de grupos con portugués poida impartir as súas aulas nesta lingua, e non só empregar algún que outro recurso.

Para o apoio no ensino da/na lingua portuguesa, alén do manual práctico Portugalizar, temos na rede recursos como:
-Ferramentas: a Lingua portuguesa do Priberam, o Ciberdúvidas do Sapo ou a Gramática on-line.
-Actividades específicas e interactivas: Aprender português, do Centro Virtual Camões ou os materiais do Proxecto Follo. Para as primeiras etapas do ensino, por exemplo: o sitio dos miudos, a Escolinha, o Cambito, Escaleno (hai unha boa recolleita de recursos para crianças na APPEX).

Para (vi)ver en portugués: a Biblioteca Virtual do Estudante de Língua Portuguesa, a Multimédia da RTP, as curtametraxes de Portacurtas, o mundo musical luso na Cotonete, etc., etc. (poden atoparse outros na nosa escolma).

ENGADIDO a 22/05/07: o MDL anima o profesorado a solicitar a oferta, por parte dos centros, de lingua portuguesa como materia optativa, fornecendo distintos materiais.
ENGADIDO a 02/06/07: pódeselles tirar partido tamén a estes vídeos de Nossa língua portuguesa e TV-Escola.

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

Implicacións didácticas do currículo de lingua e literatura

Unha lectura do que supón no ensino da lingua e da literatura un currículo baseado nas competencias básicas. É o material empregado no seminario Novo currículo de lingua galega e literatura. Implicacións e propostas didácticas, nas Xornadas de Lingua e Literatura.
As reproducións, en letra miúda, teñen que verse desde o propio slideshare, en full.
Chuzame! chúzame -

Comentarios

No Brasil, sete anos atrás.

Comentarios

Competencias en xogo

As novas regras de xogo no ensino, queirámolo ou non, veñen marcadas polas competencias (de xeito especial, polas básicas). Estas proveñen do mundo da competitividade laboral e responden aos intereses mercantís do Consello de Europa(1), cómpre non esquecelo, mais a súa continua reorientación (pdf) -por exemplo, filtrouse a agresiva competencia empresarial emprendedora- e adecuación ás diferentes realidades educativas pode tamén permitirnos unha substancial mellora do proceso de ensino aprendizaxe desde claves críticas e enraizadas na realidade galega.

Saber simplemente que as competencias básicas (pdf) -deste xeito no borrador do currículo galego LOE (pdf)- son un conxunto de habilidades que deben ser alcanzadas no ensino obrigatorio por todo o alumnado e que supoñen a posibilidade de usar funcionalmente os coñecementos en diferentes contextos, pode levar a pensar que nos achamos diante dun mero cambio terminolóxico que non vai implicar máis que unha adaptación formal. Agora ben, descubrir as súas finalidades integradoras e a condición esencial da súa efectividade, a existencia de situacións reais ou simuladas que esixan operacións mentais complexas para a realización de accións adaptadas, pon inmediatamente en cuestión certas dinámicas didácticas e obriga a procurar posíbeis alternativas.

A respecto diso, Joan Mateu enfía boa parte das cuestións fundamentais e abre algúns vieiros nestas estimábeis reflexións (pdf). Nelas deixa clara a idea de que o profesorado non está chamado a desempeñar unha función máis complexa, mais si a realizar un (custoso) cambio cultural docente. A sociedade actual (con saturación de información, coñecemento fragmentado...) imposibilítalle ao alumnado a comprensión da realidade e esta situación non se enfronta coa transmisión de coñecementos que caracterizou grande parte do ensino ata agora. A realidade, cada vez máis complexa, esixe a activación das habilidades(2), se temos claro que hai que formar cidadáns críticos que sexan quen de modificala.

Xa que logo, urxe o deseño de tarefas e modelos de actividades que creen contextos de realidade (complexos, ricos, variados) e oportunidades de desenvolvemento sistemático e conxunto de competencias. Xa non interesa, na aula de lingua, a abordaxe dunha ampla tipoloxía textual para realizar actividades con escasa ou nula ligazón, senón atender as múltiplas situacións dos principais ámbitos sociais (no sentido amplo: académico, laboral, lúdico, etc.) para, nelas, enfrontar o alumnado con problemas reais que esixan formular hipóteses, procurar, seleccionar e reelaborar información, planificar e revisar textos, reflexionar sobre a lingua e sobre a situación sociolingüística, etc. Outorgándolle predominio ao traballo colaborativo, concretando retos axustados, subministrándolle ao alumnado os materiais e recursos necesarios, adaptando a avaliación...

Como xa se sinalou aquí, algunhas tarefas de webquest están camiñando nesa dirección, mais debería ser a propia Administración educativa quen fomentase o debate, propiciase experiencias, orientase..., antes de "innovar por decreto". Cataluña ou Canarias, por exemplo, xa hai ben tempo que encetaron esa liña, máis ou menos acertada pero participativa.

_______

(1) As razóns económicas preceden as demais. É o Mercado Común o que esixe os Marcos Comúns de referencia. Segundo o obxectivo estratéxico do Cumio de Lisboa (2000), é preciso que os mercados de traballo europeos sexan globalmente accesíbeis, permitindo a libre circulación de man de obra, servizos, bens e capitais, para o que cómpre o dominio efectivo por parte da poboación de certas competencias básicas. E será no Consello europeo de Barcelona (2002) cando se propón a mellora do dominio desas competencias. Así, a Decisión 2241 do Parlamento Europeo e do Consello de 2004, relativa a un marco comunitario único para a transparencia das cualificacións, impulsará os instrumentos para a cualificación competencial á hora de acceder a un emprego ou de solicitar a admisión nunha actividade de aprendizaxe.
Para contextualizar máis os intereses ideolóxicos que ocultan as competencias, pode lerse esta lúcida análise, na que se sinala que:
A introdução da noção de competência constitui uma mudança no sentido ideológico, ou seja, no de diminuir os conhecimentos que hoje são apresentados pela escola, tendo em vista que estes não são úteis para a inserção no mercado de trabalho. Então, é preciso que a escola prepare de outra forma os futuros trabalhadores para a sociedade dita do saber. E essa forma é exatamente a da pedagogia das competências, considerando que esta permite uma formação flexível, polivalente, que atende às exigências imediatas, ou seja, a escola se ocupará de ensinar aquilo que terá utilidade garantida. E aí está a grande mudança, isto é, os conhecimentos deixam de ser importantes para se dar maior destaque ao savoir-éxecuter [saber executar], tendo em vista a compreensão de que as competências são sempre consideradas em situação, em ação. A formação do professor a partir do modelo de competências pode contribuir para a subordinação da educação ao racionalismo utilitarista do mercado.

(2) Iso son as competencias. Joan Mateu establece unha diferenciación cabal entre información, saber, coñecemento, capacidade, habilidade e competencia, marcando unha progresión na comprensión e relación activa coa realidade.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Da submisión á fidelidade

O blog La paraula vola ponnos en contacto cos estudos e propostas do psicólogo Ferran Suay relativos ao proceso de substitución lingüística desde a perspectiva da psicoloxía do individuo e, en concreto, referentes ás condutas de submisión e fidelidade lingüísticas en situacións comunicativas en contextos de conflito. A procura de actuacións sobre a consciencia (socio)lingüística, posibilitando a adquisición de recursos persoais para afrontar as situacións de conflito e mellorar a autoestima en relación coa identidade e os usos da lingua, é un camiño aínda non suficientemente desenvolvido. Deste doutor en psicoloxía, corresponsábel do Taller d'Espai Lingüístic Personal, ofrécenos Antoni de la Torre, editor do citado blog, a presentación en slideshare Compromisos cívics i normalitat, que paga a pena consultar.
Porque é evidente que o dereito lingüístico central, poder vivir facendo un uso pleno da lingua propia (minorizada), é ben difícil de exercer -só temos que revisar os múltiplos casos de represión lingüística no mundo laboral galego- e hai un amplo abano de submisións lingüísticas que traspasan fronteiras simplificadoras -só hai que ler as declaracións ao respecto de Sarille no número 0 de Longa Lingua. E o alumnado dos nosos centros é, en grande parte, herdeiro e/ou practicante da deserción lingüística, tamén nos seus diferentes graos.
Para o galego, temos estudos sobre actitudes e hábitos que parten da análise dos discursos dos propios falantes, como os de Ana Iglesias Álvarez, autora de Falar galego: "No veo por qué". E hai psicólogos que se achegan ao estudo da sociolingüística, como Xaquín Loredo Gutiérrez, membro do Equipo de investigación do Seminario de Sociolingüística, que elaborou un Deseño de medidas para mellorar as actitudes cara ao galego e incrementar o seu uso. Alén disto, a compoñente psicolóxica latexa na maioría das propostas e actuacións de dinamización lingüística de colectivos como Tagen Ata (especialmente nos seus obradoiros de lingua e sociedade) e de profesores/as como Sechu Sende, autor de iniciativas máis que necesarias.
Porén, unha cuestión fundamental como son as estratexias para acadar unha progresiva fidelidade lingüística aínda ten que traballarse moito máis. E sobre todo no ensino, onde fai falta moita reflexión-acción a apartir das súas consecuencias didácticas: a construción de usos variados e reais da lingua a través de simulacións e interaccións diversas; o achegamento a modelos atraentes de uso consciente da lingua no deporte, na creación audiovisual... (os modelos determinadores/orientadores da conduta son centrais en calquera "intervención"); a aproximación ás expresións e aos referentes culturais -nun sentido amplo- en lingua portuguesa; etc., etc.
Chuzame! chúzame -

Comentarios

Borrador do novo currículo LOE de lingua galega e literatura

Nova Escola Galega colgou na súa páxina o borrador dos novos currículos galegos. Que eu saiba, é o primeiro lugar no que se fan públicos (!?). En todo caso, comeza a revisión.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Razóns fronte a ultradereita lingüística

Como se recolle no Chuza, los de la libertad del idioma reaccionan diante do que é só un proxecto, saudábel pero sen suficiente afouteza, de Decreto do uso do galego no ensino. Cómpre facer labor (in)formativo no que atinxe ao miolo desta cuestión, pois que o eco mediático destas entidades é desproporcionado. Labor na liña marcada polo PXNL e as indicacións europeas, como recolle nas súas demandas a Mesa, con argumentacións como as de Monteagudo e as que sosteñen un verdadeiro multilingüismo, só posíbel con competencia e uso normalizado da lingua minorizada.
Chuzame! chúzame -

Comentarios

Formación do profesorado de galego ou de galician?

Unha das postadas do moi recomendábel blog Depósito recolle unha avaliación completiña, por parte dos asistentes (tod@s?), dun curso de formación organizado por Política Lingüística e a USC. Difícil que un programa tan atractivo non chegase a aterrar e producise este "Post-folio".
Chuzame! chúzame -

Comentarios

A aprendizaxe da lingua hoxe

Lamentabelmente, o ensino hoxe aínda segue a funcionar en parte, e agás gabábeis excepcións, como aquelas primeiras escolas destinadas a atender os fillos dos traballadores e traballadoras das fábricas para asegurar mentes mecánicas e submisas. E mesmo (e aínda máis) cando se incorporan as novas tecnoloxías de xeito acrítico e tecnicista.
Porén, desde hai xa ben tempo, tanto razóns de tipo ecolóxico (modelo económico neoliberal depredador insostíbel) como éticas (distanciamento cognitivo e emotivo cunha realidade cada vez máis inxusta e brutal) e sociopedagóxicas (subsistencia na sociedade da información, esixencia de labores colaborativos, etc.), fan que o ensino activo e crítico se erixa como o eixo da didáctica.
En lingua e literatura, materia centrada no instrumento procesual por excelencia, o enfoque comunicativo-construtivista soubo integrar o desenvolvemento das competencias que forman o cidadán crítico na sociedade de hoxe. Esta é a liña que está a actualizar a didáctica e que terá que orientar os novos currículos. Dentro dela, a alfabetización electrónica e crítica é un dos cernes e unha das referencias neste sentido está a ser, novamente, Daniel Cassany, que emprega o termo de literacidade crítica (documentos un, dous, tres, catro), presente tamén no noso espazo.
Para a consecución duns niveis adecuados de formación nas distintas competencias básicas precísase a construción dunha cultura de cooperación na aula e a incorporación de estratexias de ensinanza por descubrimento, ambas as cousas ao resto fusionábeis. Como botóns de mostra esta webquest e estoutros traballos (1 e 2). Un paso máis alá nesta liña, non excluínte mais case obrigado no ensino primario, son os proxectos de traballo interdisciplinares (pode consultarse a particular experiencia portuguesa de áreas de proxecto).

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 « Previous entries Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 · Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 Next entries »Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4