Feito con ToonDoo
Archives for competencias category
Relación de tarefas en espazo colaborativo
Posted on 2008 under aula, blogue, competencias, recursos | 2 Comentarios21 Abr

Boa parte dos recursos presentes ultimamente neste blogue, e outros non referenciados, coma esta actividade de comprensión dunha entrevista audiovisual, sustentan as tarefas con material auténtico e enfocadas á produción textual que lle propoño ao alumnado na rede social (sociedade limitada, iso si) Obradoiro. Dez tarefas con certa complexidade sobre a prensa, o cine e a literatura que visan desenvolver integradamente competencias, nunha liña un pouco distinta aos proxectos en cadernos interactivos que seguimos ata agora. Están accesíbeis na portada, non así o traballo do alumnado, posto que se trata tamén de aprender a reformular e puír na rede procesos, en especial textos, e os resultados só pasan a ser públicos (en Dis ti!) unha vez que se revisaron suficientemente. Cando, ao remate do curso, se poida falar realmente dunha experiencia (curta), comentarei como se desenvolveu a cousa.
Lingua con lingua
Posted on 2007 under aula, competencias, didáctica, iniciativas, recursos | 1 Comentario27 Dec
O profesorado do ámbito educativo no que me movo, no centro e na rede, teno claro: o traballo coas TIC, para o desenvolvemento de múltiples competencias, especialmente a dixital, ten que ser unha das prioridades do ensino; porén, os e as docentes enfróntanse co ensino-ficción: as dotacións chegan a ser ridículas e os apoios e incentivos para a formación insuficientes. Medidas, a dotación e a formación, recollidas de xeito explícito no acordo de goberno (pdf), por certo, e semella que só con certa implementación no ensino infantil. Alén disto, nos contextos nos que se pode empregar didacticamente os computadores, non soe haber suficiente cobertura institucional, nin recoñecemento axeitado e difusión decente dos resultados.
E continúo co discurso reiterado: todo o anterior impide que teñamos un amplo abano de recursos e experiencias produto da nosa realidade. De aí (e non de motivacións personalistas) vén o empeño dun número cada vez maior de docentes con presenza na rede en facer achegas e en darlle a maior difusión posíbel a aqueles resultados, nalgúns casos de enorme valor e silenciados incomprensibelmente polas instancias educativas. Instancias, poñamos por caso a Inspección, interesadas máis ben só polo control de cuestións burocrático-formais. Algunha excepción hai, mais teñen que ser os responsábeis educativos quen aposten por cousas deste tipo.
Por iso, é un pracer contribuír ao espallamento de materiais coma os que Rosa Salgueiro pon a disposición de todas e todos en Na punta da lingua. Especialmente Hortografía. O cultivo das palabras: un negocio con futuro, onde se lle tira partido de xeito extraordinario ao Hotpotatoes e ao Ardora para posibilitar a reflexión sobre a lingua (sen obviar as propiedades textuais) e que remata moi acertadamente cunha webquest, posto que a mellora real da expresión escrita require abordar procesos de planificación, composición e revisión.
Por iso, tamén, comprace descubrir novos espazos de intercambio como a Wikiescola e albiscar unha nova realidade na que pasemos a colaborar de maneira máis estreita en plataformas comúns, desde as que lle tamén facer demandas á Administración.
boomp3.com![]()
Voz creada con Cotovía.ENGADIDO: Na punta da lingua blogue. Rendemento dobre. Obrigados, Rosa.
Proxectos para intentar tirarlle partido ao currículo
Posted on 2007 under aula, blogue, competencias, didáctica | No Comment28 Set
Para realizar esta “programación”, atendéronse, entre outros, os seguintes criterios:
- Deseñar proxectos que poidan adaptarse aos intereses do alumnado e ás necesidades que vaian xurdindo.
- Permitir o traballo dos máis diversos xéneros textuais.
- Integrar plenamente na dimensión comunicativa a reflexión (sistemática) sobre a lingua, por outro lado nunca arrombada ao atender todo o proceso de produción textual en todos os proxectos.
- Abordar a sociolingüística e a educación literaria desde tarefas sobre todo investigadoras e produtoras.
Por certo, non puiden asistir ao curso sobre podcast, mais está claro que é unha magnífica ferramenta para potenciar os enfoques sociocomunicativos, polo que non quedou outra que facer algúns deberes. Como comprobar que con ClickCaster non fai falta titorial ningún nin case outros complementos; ou como ampliar o abano de propostas e experiencias didácticas recollidas na rede. Algunhas recomendábeis:
O desenvolvemento competencial no tratamento da información e no emprego das TIC esixe, ao meu ver, tres piares imprescindíbeis: disponibilidade de infraestruturas e instrumentos, formación axeitada do profesorado no manexo educativo deses instrumentos e unha orientación didáctica que sitúe o alumnado como protagonista da construción crítica do saber e que impulse a creación e o intercambio de contidos por parte dos docentes. Xa non falamos de asesores técnicos de informática nos centros (pdf), condicións da reciclaxe para a motivación (pdf) ou socioconstrutivismo no uso das tecnoloxías.
Cando falla xa o primeiro piar, non é estraño que aínda falten bastantes pasos, tal como comentaba aquí mesmo Carlos Santos, para termos presenza organizada e vizosa, dinamizadora, na rede (véxanse, en diferentes ámbitos, Pom de Blogs, Internet e Web na Educação ou Aulablog/Planeta Educativo). Aínda así, os blogues escolmados na barra da dereita son boa mostra do interese e o esforzo por parte do profesorado galego na mellora destas competencias, desde o troco de reflexións, experiencias, etc., ata a preparación de diarios da aprendizaxe do propio alumnado. Máis exemplos e usos: caderno de formación docente (diguital…), blogue do centro (IES Isaac Díaz Pardo, IES do Sar…), blogue da biblioteca (recollidos no BEGA e organizados no biblioblogs), publicación de contidos do alumnado con xestión só do profesorado (axouxereblog…) ou compartida (Galeguistas…), blogues propiamente da aula ou grupo de traballo (Literatura galega de 2º de Bacharelato, O galego na rede…), individuais da materia (castafiore e outros recollidos en Mensaxe nunha botella…), voceiros máis persoais (gemma…), etcétera, porque as potencialidades de blogues e wikis na educación séguense a ampliar, tamén, por suposto, no ensino da lingua.
Se se conta con aqueles tres piares, a planificación inevitábel deste labor mesmo pode ser ilusionante. Cando falla fundamentalmente o primeiro (aí o autodidactismo non ten nada que facer), á par das demandas constantes, hai que posibilitar a alfabetización informacional e o uso activo das ferramentas básicas con actividades previas e de revisión e contraste do traballo realizado na aula ben medidas e adaptadas ao contexto. Teremos que ser nós quen editemos, moitas veces na casa, procesos e resultados, teranse que organizar visitas á biblioteca entroutando o acceso en grupos aos seus computadores… En fin, con iso temos que contar, lamentabelmente, moitos docentes.
ENGADIDO a 07/09/07: Un método de lectura crítica , como recoñecer as estrataxemas da manipulación, unha guía de análise proposta por Michel Collon dos mediamonopolis.
Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL); A Mesa pola Normalización Lingüística; Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG)














