Seguimos ollando atrás (e un pouco o embigo colectivo) para pechar o curso con este mapa -despregábel- da nosa experiencia.
Archives for blogue category
Seguimos ollando atrás (e un pouco o embigo colectivo) para pechar o curso con este mapa -despregábel- da nosa experiencia.
21 Abr

Boa parte dos recursos presentes ultimamente neste blogue, e outros non referenciados, coma esta actividade de comprensión dunha entrevista audiovisual, sustentan as tarefas con material auténtico e enfocadas á produción textual que lle propoño ao alumnado na rede social (sociedade limitada, iso si) Obradoiro. Dez tarefas con certa complexidade sobre a prensa, o cine e a literatura que visan desenvolver integradamente competencias, nunha liña un pouco distinta aos proxectos en cadernos interactivos que seguimos ata agora. Están accesíbeis na portada, non así o traballo do alumnado, posto que se trata tamén de aprender a reformular e puír na rede procesos, en especial textos, e os resultados só pasan a ser públicos (en Dis ti!) unha vez que se revisaron suficientemente. Cando, ao remate do curso, se poida falar realmente dunha experiencia (curta), comentarei como se desenvolveu a cousa.
É ben ampla a diversidade de funcións dos blogues no ensino, incluída a de soporte para webquest e secuencias. Porén, non coñecía esta posibilidade traballada por Patxo Landa e presentada no blogue colaborativo TRES TIZAS: guiar de maneira clara e áxil unha única actividade dixital. O resultado é este interesante e atractivo Texto argumentativo, no que se traballa con esta magnífica escena de O indomábel Will Hunting, que aquí ofrecemos lexendada en galego con BubblePLY:
PRÁCTICA RETÓRICA PARA COLEGAS.
Xa que se trata de actividades sobre a argumentación e posto que desde a primeira ligazón, dun grupo de asesoras bascas, chegamos a este material de proxectos de traballo conxuntos de asesorías e profesorado, achegade razóns para apoiar a tese: Unhas asesorías potentes, non atadas ao traballo burocrático, dinámicas, con recursos suficientes e en estreita colaboración co profesorado da área poderían funcionar verdadeiramente como esteos da formación e da elaboración de canles e materiais didácticos.
Estamos comezando a colgar no blogue da aula algúns dos resultados dun pequeno obradoiro de creación poética organizado en conexión coa lectura interpretativa de textos representativos das grandes temáticas dos distintos períodos históricos que temos que abordar en 3º da ESO. Foi, con diferenza, a actividade (a serie de actividades) máis motivadora para o alumnado, e agora cómpre facer públicos os textos con suficiente valor. Aínda que o tempo non deu máis que para subir un miudallo, están no forno moitos versos impacientes.
Aproveitamos para probar con Issuu, unha ferramenta que, malia estar incluída na escolma inicial de ´agorarede, aínda non empregaramos. O feito de xogar con imaxes de textos -no caso dos caligramas- fixo que se preferise sobre outras opcións como Slideshare. E resulta ben funcional Issuu: só precisamos preparar un pdf, subilo e e dispoñemos dun libro en flash moi manexábel case ao instante.
ENGADIDO. Obradoiro 2, con ZohoShow:
![]()
Con SplashCast (música de Fanny e Alexander):
Aínda fica moito por revisar neste wordpress de blogaliza, sobre todo os embed perdidos no proceso de migración desde remexer en blogger, mais por fin estamos baixo plataforma galega.
Unha das cousas novas é a posibilidade de subir arquivos de audio. Probamos con esta reflexión persoal sobre a revisión na escrita dixital:
Producido con Cotovía.
Aínda que só se colgou unha pequena parte do proxecto Xornalistas con xornalistas para desenvolver na rede, preséntoo agora xa posto que está accesíbel desde Dis ti! (comezamos a traballar nel esta semana) e porque hai unha serie de cuestións técnicas que, se cadra, son de utilidade para alguén e alongarían en exceso un artigo que incluíse tamén os aspectos didácticos.
O primeiro problema que quixen resolver foi a desorientación que provoca en parte do alumnado a apertura de varias ventás para a consulta na rede, ralentizando o traballo e dispersándoo (aínda máis: só podemos manexar os computadores unha vez á semana, ou cada dúas). Seguramente iso forme parte da alfabetización dixital, mais prioricei aquí a escolla e tratamento da información, polo que cumpría modificar o contorno de traballo. Así:
En canto ás propias actividades, vanse abrindo, segundo indicacións do caderno guía, pequenos LIM, tarefas eXe (véxase o artigo anterior Exe e Scratch en lingua), presentacións en flash e un procesador de textos (tinymce) para poder cubrir in situ cadros ou fichas e preparar borradores á hora de compoñer distintos xéneros xornalísticos.
Un par de cuestións máis técnicas. O caderno guía emprega aquelas páxinas que ofrecen a posibilidade de incluír html, de xeito que se especifica no target o nome do iframe no que queremos abrir o documento ou a páxina que corresponda:
Iso obriga a inserir os LIM de actividades ou os elementos flash en páxinas independentes. Para a construción do iframe, pódese consultar no navegador o propio código fonte do sitio. En canto ao procesador, é preciso descargalo e crear os html específicos que necesitemos; contén bastantes carpetas, imprescindíbeis para o seu funcionamento, de xeito que logo teremos que subilas comprimidas.
As esquinas redondeadas do caderno tomáronse de aquí.
Non é a primeira vez que comentamos entre colegas o feito de que hai unha enorme oferta de ferramentas na rede para o ensino e que o principal é facer unha boa escolla, e non querer xogar con todas, cousa imposíbel ademais. Mais un anda á procura das que, sendo funcionais e atractivas, non nos compliquen moito a vida. Por iso, estou a integrar no traballo o eXe eLearning (véxase o artigo correspondente de ensinolgl, blogue de apoio ao labor colectivo que estamos a iniciar nun PFAC no centro) e mais o Scratch.
O eXe é unha ferramenta moi doada de empregar e, ademais, adaptábel ás nosas necesidades se temos algúns coñecementos de html. Ten pouca variedade de actividades, si, mais ao seren deseñadas estas con procesadores de texto e exportarse o resultado como páxina web, podemos incluír calquera complemento que precisemos. Unha das actividades que realicei, sinxeliña, é esta sobre unidades e funcións oracionais.
O Scratch está pensado máis ben para que o alumnado, xa na Primaria, programe el mesmo animacións, pois é moi intuitivo. E ten moitas máis potencialidades para as matemáticas e disciplinas que xogan con conceptos espaciais. En calquera caso, non está mal para animar historias e facer presentacións. Isto último foi o que pretendín con esta centrada no xénero da entrevista (dura uns 10 minutos; en Firefox e en IExplorer funciona, en Flock parece que non). Como se ve, pódese aloxar na propia páxina de Scratch -tamén, conseguindo un applet, en calquera outra páxina- e, se un se inscribe, pódense baixar os proxectos que queiramos e fedellar neles para ver como foron construídos (esa é a mellor guía) ou modificalos (están baixo Creative Commons, iso si).
A blogosfera das bibliotecas escolares galegas é un espazo cada vez máis rico e organizado, no e do que aprender moito; iso si, non sempre autocentrado, no sentido de partir dos recursos propios: prensa galega, etc. Aínda que o coñezamos máis ou menos, sempre presta visitar esta rede de mensaxes. Xa hai máis de trinta blogues potenciando a difusión dinámica, a interacción, a comunicación:
Acceso directo ao mapa aquí.
Os resultados da conxugación de dinamización e TIC (ou mellor, da dinamización co emprego das TIC) soen ser moi atractivos e mesmo sorprendentes, nalgúns casos admirábeis.É evidente a necesidade de estender este modelo ao conxunto da comunidade educativa (centros, ENDL, didácticas específicas…), mais, que plans, coberturas e asesoramentos hai ao respecto? O encomiábel voluntarismo por parte do profesorado é quen está a poñer a educación galega ao día neste aspecto, como no CPI de Cuntis (”onde”, por certo, botou a andar un novo e estupendo Caderno de lingua). A iniciativa innovadora dos docentes é imprescindíbel tamén, mais nin é suficiente nin debera chegar ao sobreesforzo. Por parte da Consellaría, abonda con isto, máis que nada webs dinámicas (pdf) nuns poucos centros, convocatoria de premios e cursos de formación? Non cumprirían espazos de divulgación e plataformas coma esas de Educastur? Ademais dunha dotación decente en todos os centros, formación colaborativa en horario lectivo e asesorías non atadas á burocracia, claro:
Lorem ipsum dolor sit amet, consectetuer adipiscing elit. Vestibulum at arcu. Integer et risus. Morbi id tellus. Integer felis. Mauris malesuada, turpis vitae facilisis euismod, dui arcu adipiscing sem, eu vulputate leo ante in lacus. Sed porta accumsan lectus. Aenean ac sem. In consequat tempus velit. Phasellus leo enim, adipiscing a, egestas nec, pretium ut, pede. Mauris sollicitudin diam et mauris. Sed quis enim vel augue egestas lobortis. Etiam tempus ipsum vel neque.