Archive for aula

LIM e webquest

Doado manexo, contorno atractivo e adaptábel, posibilidade de inserir un html básico (para facer ligazóns, por exemplo) e material audiovisual (iso si, en flash), ampla variedade de páxinas, incluída unha cun menú de presentacións, incorporación da revisión das tarefas..., é difícil non buscarlle distintas aplicacións ao LIM, tal como se comentou na anterior entrada. Bótase de falta poder adaptar os ríxidos espazos para os textos e sería estupendo poder "embedar", mais o que hai dá de si abondo. Porque, ademais, pode integrar o esquema das webquest sen que se desvirtúe, penso, ningunha das dúas ferramentas-recursos. É o que se intentou facer con este segundo caderno interactivo de lingua e literatura: Os camiños das linguas. Nel incluíronse dúas imaxes interactivas, realizadas grazas ao programa Mapas -tamén de Fran Macías-, As linguas da península ibérica e mais Camiño das linguas minorizadas.
Despois do traballo realizado polo alumnado co anterior caderno, con resultados moi positivos, agora comezamos a abordar o fenómeno do plurilingüismo e as causas principais da formación, expansión, minorización, substitución e normalización das linguas de xeito máis activo. Previamente, tirámoslle partido á procura do tesouro Linguas e mais linguas e máis adiante é posíbel que aproveitemos os materiais en slideshare de Landín, descubertos cando xa este LIM estaba rematado.

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

Elaborando mapas

 http://mapasconceituais.cap.ufrgs.br/]

A elaboración de mapas conceptuais a través das ferramentas que ofrece a rede é tamén un recurso que pode empregar o alumnado colaborativamente. Para comezar a facer as primeiras prácticas, buscamos un sitio sinxelo e funcional (o software de referencia, Cmaps Tools, figúrasenos moito máis potente pero menos manexábel) e traballamos con conceptos en relación con constituíntes. O sitio, Glinkr, permite xogar con ligazóns entre os conceptos e elementos e con ligazóns externas, incluír descricións complementarias, descargar o mapa, publicalo, etc. Máis adiante, habemos utilizar os mapas para recoller e impulsar a abordaxe de problemas e como complemento das exposicións realizadas polo alumnado.
Como curiosidade, polo de agora, tamén manexamos este buscador que organiza os resultados en forma de mapa: KartOO
Para Cmaps e suxestións didácticas: esta postaxe de Informática e educação.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Primeiros pasos co blogue da aula

Unha vez que botou a andar o noso blogue da aula, varias compañeiras e compañeiros interesáronse polas potencialidades didácticas desta ferramenta. Dificilmente se pode falar dunha experiencia recén encetada, o cal sería precipitado e pretencioso, mais si mostrar -para compartir- algúns dos pasos previos que considero necesarios.
En primeiro lugar, foi preciso coñecer distintas experiencias (en blogues da aula -aproveitamos a sistematización de Felipe Zayas- , especialmente) e as reflexións ao respecto, normalmente nos blogues de docentes, que poden conectar ou non directamente cos da aula. Experiencias e reflexións como as aquí ligadas no sidebar da dereita ou as recollidas nun artigo anterior e que permiten achegarse a diversos enfoques e usos didácticos das TIC. O que cómpre complementar con visións máis de conxunto, como este especial de Vieiros da Escola (número 16) ou algunhas presentacións en slideshare. Unha mostra destas:

Nese proceso de aprendizaxe da experiencia dos demais (sempre aberto), acompañado dun progresivo cambio de mentalidade -moi ben recollido por Sebastiá Giralt-, agroman axiña posibilidades para a nosa práctica na aula e procuras de respostas ás cuestións máis técnicas. É dicir, xorde a necesidade de concretar que facer e de saber como. Porque o para que está ben claro: para compartir e tentar mellorar a aprendizaxe e a motivación do alumnado, aceptando que calquera, incluíndo pais e nais, pode coñecer, avaliar e criticar o noso traballo.
Toca entón conectar con colegas con inquedanzas ao respecto, entrar nos debates na rede (por exemplo, participando nos comentarios aos artigos ou postaxes máis interesantes dos blogues visitados), sumarse á formación colaborativa ou impulsala... E experimentar cos blogues, intentar abrir algún para remexer e probar, pois sempre poderemos modificar ou eliminar o feito. Para isto, hai distintas plataformas: blogaliza, blogoteca, nireblog, blogger, wordpress..., todas elas con guías, coma esta da blogoteca, con aínda máis axuda no blogue Depósito. Eu optei por blogger, traballando internamente en (galego)portugués, porque permite acceder ao html, mais recomendo unha das tres primeiras plataformas.
Tras practicar e explorar vieiros desde este mesmo espazo, decidín crear un blogue da aula (compartido por todos os terceiros da ESO, mais con seccións para cada un deles) e planificar, integrándoo no "programa" da materia, o seu emprego por parte do alumnado, que está xa a ser o editor principal. Por un lado, incluíronse ligazóns con algúns dos sitios que haberá que visitar para realizar determinadas tarefas na rede (webquest, etc.) e un espazo fixo para ter sempre a man a guía do que hai que facer. Por outro lado, abríronse tantas contas para o acceso á edición como grupos temos establecidos dentro de cada aula, de xeito que o alumnado poida seguir funcionando colaborativamente cos computadores, facer público directamente o resultado das distintas fases dos proxectos desenvolvidos, interaccionar e autocorrixir as súas producións. Os documentos de referencia estanse aloxando en thinkfree e mais no wiki de 2º de Bacharelato.
Comezouse así a facer camiño, mais este é interminábel. Porque o traballo cos blogues no ensino permite, non só encarreirar o acceso ás fontes de información e a distintos recursos, senón tamén integrar e debullar didacticamente moitas outras ferramentas da chamada web 2.0 para o tratamento, a creación, a xestión e a presentación de contidos: desde CMap Tools (titorial) a Slidestory (titorial), por citar dúas. Algunhas móstranse de xeito esquemático en Educativa, de maneira moi clara e experiencial nesta recompilación de Lourdes Domenech e con máis amplitude en moitas bitácoras sobre as TIC e o ensino: Educação 2.0, Bitàcola deMestra Tic, etc.
Máis referencias para todo o anterior pódense atopar no wiki de inforensino creado por Carlos Santos.
A 15/10/07, máis ligazóns: estes foguemaps de Vilatersana e Fazendo BLOGS.

Chuzame! chúzame -

Comentarios (1)

Proxectos para intentar tirarlle partido ao currículo

Esta semana houbo que presentarlle ao alumnado a organización dos contidos da materia que seguiremos no presente curso. E tiramos por un dos camiños máis arriscados: unha serie de proxectos de traballo para desenvolver á marxe do libro de texto ou, en todo caso, empregándoo como un material máis (ai, ai, xa se falou aquí deste asunto; e tras facer os comentarios oportunos na aula, unha alumna deixa caer o que paira sobre case todo o mundo: pero así vai ser imposíbel acabar o libro de texto!).
Para realizar esta "programación", atendéronse, entre outros, os seguintes criterios:
  1. Deseñar proxectos que poidan adaptarse aos intereses do alumnado e ás necesidades que vaian xurdindo.
  2. Permitir o traballo dos máis diversos xéneros textuais.
  3. Integrar plenamente na dimensión comunicativa a reflexión (sistemática) sobre a lingua, por outro lado nunca arrombada ao atender todo o proceso de produción textual en todos os proxectos.
  4. Abordar a sociolingüística e a educación literaria desde tarefas sobre todo investigadoras e produtoras.
Pódese consultar o documento inicial completo no blogue dos terceiros da ESO.

Por certo, non puiden asistir ao curso sobre podcast, mais está claro que é unha magnífica ferramenta para potenciar os enfoques sociocomunicativos, polo que non quedou outra que facer algúns deberes. Como comprobar que con ClickCaster non fai falta titorial ningún nin case outros complementos; ou como ampliar o abano de propostas e experiencias didácticas recollidas na rede. Algunhas recomendábeis:

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Ferramentas virtuais

Despois dun ano fóra do meu centro, tiña a esperanza de poder traballar a tan cacarexada competencia dixital nunhas condicións non tan pésimas como ata agora. Pois ben, un IES non pequeno como é este conta con dúas salas con computadores, unha delas sen conexión a internet, e con 0 (cero) equipos informáticos nas aulas. É evidente que, en xeral, o ensino galego está nunha situación aínda precaria a respecto da presenza das TIC, e non só no que se refire a dotación, converténdose as referencias curriculares, tamén neste aspecto, en papel mollado (nos trinques da política educativa).
O desenvolvemento competencial no tratamento da información e no emprego das TIC esixe, ao meu ver, tres piares imprescindíbeis: disponibilidade de infraestruturas e instrumentos, formación axeitada do profesorado no manexo educativo deses instrumentos e unha orientación didáctica que sitúe o alumnado como protagonista da construción crítica do saber e que impulse a creación e o intercambio de contidos por parte dos docentes. Xa non falamos de asesores técnicos de informática nos centros (pdf), condicións da reciclaxe para a motivación (pdf) ou socioconstrutivismo no uso das tecnoloxías.
Cando falla xa o primeiro piar, non é estraño que aínda falten bastantes pasos, tal como comentaba aquí mesmo Carlos Santos, para termos presenza organizada e vizosa, dinamizadora, na rede (véxanse, en diferentes ámbitos, Pom de Blogs, Internet e Web na Educação ou Aulablog/Planeta Educativo). Aínda así, os blogues escolmados na barra da dereita son boa mostra do interese e o esforzo por parte do profesorado galego na mellora destas competencias, desde o troco de reflexións, experiencias, etc., ata a preparación de diarios da aprendizaxe do propio alumnado. Máis exemplos e usos: caderno de formación docente (diguital...), blogue do centro (IES Isaac Díaz Pardo, IES do Sar...), blogue da biblioteca (recollidos no BEGA e organizados no biblioblogs), publicación de contidos do alumnado con xestión só do profesorado (axouxereblog...) ou compartida (Galeguistas...), blogues propiamente da aula ou grupo de traballo (Literatura galega de 2º de Bacharelato, O galego na rede...), individuais da materia (castafiore e outros recollidos en Mensaxe nunha botella...), voceiros máis persoais (gemma...), etcétera, porque as potencialidades de blogues e wikis na educación séguense a ampliar, tamén, por suposto, no ensino da lingua.
Se se conta con aqueles tres piares, a planificación inevitábel deste labor mesmo pode ser ilusionante. Cando falla fundamentalmente o primeiro (aí o autodidactismo non ten nada que facer), á par das demandas constantes, hai que posibilitar a alfabetización informacional e o uso activo das ferramentas básicas con actividades previas e de revisión e contraste do traballo realizado na aula ben medidas e adaptadas ao contexto. Teremos que ser nós quen editemos, moitas veces na casa, procesos e resultados, teranse que organizar visitas á biblioteca entroutando o acceso en grupos aos seus computadores... En fin, con iso temos que contar, lamentabelmente, moitos docentes.

Chuzame! chúzame -

Comentarios

Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 Project-Id-Version: wpmu Report-Msgid-Bugs-To: wp-polyglots@lists.automattic.com POT-Creation-Date: 2008-07-29 12:02+0000 PO-Revision-Date: 2008-08-22 12:06+0200 Last-Translator: Tati Mancebo Language-Team: galego MIME-Version: 1.0 Content-Type: text/plain; charset=UTF-8 Content-Transfer-Encoding: 8bit X-Poedit-Language: Galician X-Poedit-Country: SPAIN X-Poedit-SourceCharset: utf-8 X-Generator: KBabel 1.11.4 Next entries »