Minisecuencias

Recoñezo que no 2º ciclo da ESO a abordaxe nas miñas aula dos contidos históricos é sempre unha batalla entre os piratas da recreación e os bancos de datos. Recoñezo que solapo os planos de descubertas, de “desenvolvemento de tarefas colectivas sobre as lecturas e o seu contexto entendendo o influxo determinante das circunstancias históricas e da situación sociolingüística na evolución do sistema literario galego“, con transmisión sen movemento. Recoñezo que termo inutilmente do fastío do alumnado durante demasiadas aulas ao reducir o enfoque realmente comunicativo ao proxecto do trimestre e os obradoiros de creación literaria. Recoñezo que non reacciono (nin vexo reacción) ante a ditabranda do libro de texto, a pesar de empregalo de mil maneiras e sen ataduras.

E todo o anterior nada ten a ver con poñer en cuestión o decisivo valor da perspectiva e o coñecemento históricos no noso contexto. Mais si con tratar de evitar de vez:

  • o parcelismo, historicismo, mecanicismo e demais ismos funestos;
  • o modelo transmisivo con presentación (máis ou menos atractiva) dos contidos;
  • a práctica reprodutiva, incluídos os traballos expositivos académicos, como centro do traballo;
  • as propostas de reelaboración sen os apoios suficientes.

Nesta contradición, deseñamos e comezamos a desenvolver pequenas secuencias, para o día a día (duran unhas 4-5 sesións), baseadas fundamentalmente en tarefas experimentadas na aula que conectan e articulan minimamente os bloques de contidos. Algunhas das producións: artigo de blogue con galería de imaxes con pé, reclamación da recepción das televisións portuguesas en aberto, voz en off para vídeo sobre obras literarias, mapa lingüístico da aula, etc.

Os pasos que seguimos, sempre de xeito flexíbel, son os seguintes:

      1. Despois de centrar os obxectivos, a produción final e mais os criterios de avaliación, partimos dun vídeo para provocar, en gran grupo, a reflexión sobre determinados aspectos clave. Na primeira destas secuencias, que remata coa escrita dunha anotación de blogue sobre un autor literario, este booktrailer (fronte a estoutro).
      2. Traballamos, tamén en gran grupo, o xénero textual que se vai producir, con indución e recolleita das súas características. No mesmo exemplo: Blogue e post.
      3. Abordamos os contidos de Lingua e sociedade e/ou Educación literaria necesarios para a construción do texto por medio de grupos cooperativos (con grupos de expertos para preguntas de relación, folio xiratorio e lapis ao centro para mapa conceptual, etc.). Empregamos o libro de texto como unha das fontes de información principais.
      4. Resolvemos individualmente unha serie de actividades, entre elas as máis acaídas do libro de texto.
      5. En parellas, seguimos o proceso de produción do texto coa referencia de, cando menos, un modelo e cunha guía de elaboración e revisión. Os apoios primeiros e as anotacións con fotobiobibliografía.

2 reflexións sobre “Minisecuencias

  1. Ghopita Xano, parabéns! polas reflexións, os azos renovados, a literatura e bo facer das túas propostas. Eu se algún día chego a profe contentaríame con chegar a un terzo da túa capacidade e do teu maxisterio.

  2. Grazas, Nasa, por alimentar o intercambio (mesmo con ese exemplo de hipérbole). Simplemente intentamos adecuarnos a un contexto cada vez máis difícil sen medo ao fracaso nin ao traballo que supón deseñar e desenvolver secuencias. Mágoa que non teñamos a oportunidade de construír máis e mellor con labor en equipo!

Os comentarios están pechados.