Taboleiros de lingua e máis


Tras saber, grazas ao labor incansábel de Román, que Slideshare retirou os grupos abertos e perdemos o labor de recompilación de lgl, profundei máis nas posibilidades de Pinterest, xa accesíbel no lateral de partilla das presentacións. E, efectivamente, resulta aínda mellor opción malia ser unha ferramenta externa, un outro espazo. Porque:

  • compartir os documentos custa aínda menos (tendo a conta aberta en Pinterest) cá incorporación aos antigos grupos de Slideshare
  • ordénanse os recursos e materiais do taboleiro en cartafoles ou álbums
  • as presentacións aparecen incrustadas automaticamente
  • permite engadir etiquetas con # para agrupacións específicas
  • hai opción de traballo colaborativo (con convite a outros usuarios) e de intercambio de ideas a través de comentarios
  • é posíbel engadir todo tipo de recursos, como vídeos, mediante url ou con botón de fixación no navegador (Vimeo tamén ofrece directamente o Pin It)

E alén diso, constitúe unha verdadeira rede social. Unha proposta está aberta aquí.

Pero, ademais, é esta unha ferramenta especialmente útil para as aulas, para realizar ese mesmo labor de recolleita de favoritos individual ou colectiva, para organizar novas da prensa e calquera outro tipo de materiais, para amosar biografías, para recoller unha experiencia, para reseñar e recomendar lecturas, películas ou discos, para ilustrar narracións, etapas históricas ou léxico, para compoñer unha colección de textos dun determinado xénero con imaxes, etc. etc.

Unha reflexión sobre “Taboleiros de lingua e máis

Os comentarios están pechados.