Máis interactivos

Como xa comentei hai un tempo, as actividades interactivas na rede parécenme necesarias para a reflexión lingüística, a revisión ou o repaso de contidos, sobre todo se as orientamos a construír coñecemento. Outra cousa é cando se converten no centro da actividade dixital para potenciar o mecánico. E non é difícil atopar cada vez máis actividades para compartir, aínda que seguro que son máis as que fican pechadas nas aulas virtuais dos centros e de sitios como Edmodo (aquí non temos a opción de facelas públicas).

Se lles sumamos aos materiais de Rosa SalgueiroTintarrás, Correlingua e o Departamento de Lingua do IES Otero Pedrayo, xa ben difundidos, as múltiples actividades de Linguagalega.org, de Belén Pérez (sitio que, sorprendentemente, non vexo rexistrado noutros espazos de lingua) ou as de Enredando coas palabras (accesíbeis desde varias das etiquetas do blogue), temos un feixe xeitoso para diferentes niveis. Un caso curioso, válido só para moi determinados cursos e contextos, é o destes arquivos en flash, producidos hai uns anos e destinados aos Celgas.

Un par de notas que poden ser de interese a respecto das ferramentas.  Estou a probar a versión gratuíta (15 días) de Quiz Builder e é excelente en canto ao manexo e aos resultados; velaquí un exempliño. Por outro lado, para a creación de exposicións e cuestionarios sobre vídeos, abriu recentemente esta aplicación de TED Ed que paga a pena explorar.