Comparte

Share/Save/Bookmark

Categorías

Histórico

Remexe

Partillar e debater novas estratexias

050609lingua

Pechaba a anterior anotación cun até daquela que se presupoñía non curto. Cumpría pasar da experimentación a un labor máis de fondo e colectivo. Mais a ofensiva dos que ocupan San caetano, apoiando e reforzando as leis do mercado (español) no ámbito da cultura e da lingua, sabotando a propia autonomía, o noso cativo autogoberno, cunha violencia inusitada e preconstitucional (por máis que se apoie nunha maioría parlamentar), está abalándonos a tod@s nese remuíño irresponsábel da fractura social e do avituallamento do proceso de substitución lingüística.

A retirada dos programas de inmersión voluntaria en infantil, a contrarreforma das galescolas, a derrogación do Decreto 124/2007, con pretensións de recortar mesmo a LNL, e as conseguintes medidas (veremos que marxe de manobra fica para os ENDL, por exemplo) crean un marco tremendamente adverso para a lingua no ensino. Asemade, o espallamento de falacias e novos prexuízos sobre o galego ou a decidida política de maior invisibilización das nosas expresións culturais incidirán aínda máis no alumnado no que se refire a usos, competencias e actitudes. Diante disto, é preciso que construamos respostas e alternativas firmes e intelixentes desde todos os espazos, tamén desde a didáctica da lingua. Xa, aínda que non deamos feito.

Non se trata de sobrecargar de responsabilidades na mellora das actitudes e no mantemento e recuperación de falantes o ensino, e menos o dunha materia, pero é evidente que é urxente mellorar estratexias. Agora o avance por vieiros ousados, de amplo desenvolvemento competencial con sentido para o alumnado, non deriva só de esixencias curriculares impostas.

Algunhas liñas que semella preciso desenvolver son, entre outras:

  • a apertura de proxectos interdepartamentais que profunden na realidade sociolingüística e nas fortalezas dos ámbitos de uso da lingua
  • a superación definitiva do (cada vez máis insensato) gramaticalismo
  • a integración de contidos en propostas sociocomunicativas verdadeiramente útiles para o alumnado no seu contexto sociolingüístico
  • o uso das TIC como unha ferramenta (máis) para a reflexión crítica sobre a realidade, para a mellora real dos diferentes xéneros da oralidade, para o achegamento activo ás expresións culturais na rede, para o desenvolvemento da creatividade…

Cómpre impulsar o intercambio de ideas e experiencias. Partillar e debater estratexias máis amplamente.

Un encontro a comezos de curso?

Chuzame! A Facebook A Twitter

9 comments to Partillar e debater novas estratexias

Olark Livehelp